Venezuela e as dereitas españolas

Manoel Barbeitos
Economista


 

Resulta sorprendente a vara de medir que usan as dereitas españolas (#PP, Vox) á hora de definir a democracia. Sinxelamente resúmese en que democrático é aquilo que lles favorece e/ou que prexudica aos seus rivais das esquerdas, neste caso ao goberno de progreso (#PSOE/Sumar). Vén sendo así desde sempre e mesmo agora coa vitoria de Nicolás Maduro nas eleccións venezolanas, aínda que estea pendente de confirmación por falta de revisión das actas, non queren desaproveitar a ocasión para atacar ás esquerdas. Non importa que, neste momento, sexa imposible verificar o auténtico resultado das votacións, estas dereitas xa ditaron sentenza porque, segundo parece, teñen información de primeira man que lles confirma a vitoria da oposición. Como conseguiron esa información que, por outra banda, ninguén ten? Como están tan seguros da derrota de Nicolás Maduro e da vitoria da oposición? Como se lles ocorre pedir que as Cortes españolas recoñezan como novo presidente venezolano a Edmundo González? Cal é a legitimación e o dereito internacional que avala esa petición? Non lembran do ridículo que fixo a Unión Europea con Juan Guaido? Tampouco se acordan de cando, no seu día, o PP apoiou o frustrado “carmonazo” (intento de golpe de estado contra Hugo Chavez por parte de Carmona Estanga o 11 de abril de 2002)? Unha batalla trasladada pola dereita extrema ao Parlamento Europeo que se atopa dividido ao redor deste asunto pero que vén de aprobar unha proposta presentada polos populares europeos, co apoio da ultradereita, de recoñecemento “simbólico” de Eduardo Gonzalez como presidente de Venezuela: un novo ridículo daquel que non tapa as súas vergoñas.

 

A auténtica realidade é que as dereitas españolas (#PP, Vox) teñen un concepto moi particular da democracia e dos dereitos humanos. Un concepto que nos leva a afirmar que aquelas non están lexitimadas para criticar ao actual réxime venezolano a pesar dos grandes erros e déficits democráticos do mesmo. Non están lexitimadas porque a súa xustificación de defender a democracia e o benestar en Venezuela non resulta crible ao manter unha dobre vara de medir coa democracia dun réxime. Un sectarismo que queda en evidencia co seu clamoroso silencio ante as violacións dos dereitos humanos cometidas tanto no Magreb (Marrocos, Libia, Tunes) como en Oriente Próximo (Arabia Saudita, Exipto, Emiratos Árabes Unidos, Catar), as súas respostas incoherentes aos crimes de lesa humanidade cometidos por Israel nos territorios palestinos ocupados, ou o seu desigual comportamento fronte aos que foxen das guerras segundo veñan de Ucraína ou de Afganistán e Siria. 

 

Con esta estratexia as dereitas españolas cometen un triplo erro político: 1. Realizar unha intromisión partidista nos asuntos internos dun país soberano, 2. Alimentar a confrontación (“botar gasolina ao lume”) nun país xa tensado e 3. Rozar o delirio ao acusar o goberno español de implicar nun golpe de estado en Venezuela.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE