O que rodea o negocio das armas ten mala prensa. Vaia, case non a ten. Fálase pouco nos medios e as redes sociais das implicacións da desaforada venda de artificios de morte. O común das xentes percíbeo como algo turbio e opaco.
Non hai moito o propio Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou un acordo entre España e Arabia Saudita para a protección mutua de información clasificada no ámbito da defensa, o cal se asinou hai un ano e entrou en vigor o pasado 25 de agosto. Lémbrese que entre 2013 e 2016 España vendeu armas ao reino da monarquía absolutista saudita por un valor superior aos 1.300 millóns euros, unha cifra 30 veces maior que no trienio anterior. Dúas das empresas españolas vendedoras cotizan no IBEX.
Porén, as cifras anteriores palidecen ao comparalas co acordo comercial de venda de armas de USA ao reino saudita convido hai uns meses entre o presidente Trump e o rei Abdalá. A cantidade de case 110 millardos de dólares non se afasta moito do metade do PIB anual de España. Trátase da exportación de tanques, pezas de artilleiría, vehículos acoirazados, helicópteros, barcos de guerra, mísiles e sistemas de defensa antiaérea.
Todo iso, ben seguro, será aproveitado polos sunitas árabes (integrados nunha coalición de países que tamén inclúe Qatar, Kuwait, Exipto, Sudán Marrocos ou Sudán), e que apoian o presidente iemení Abd Rabu Mandsur Hadi, na guerra civil que o enfronta ao ex presidente Abdalá Salé, líder dos rebeldes huzíes, de confesión xiíta, e ao que se lle acusa de estar protexido por Irán e coa intervención de Al-Qaeda e o ISIS. Trátase, en suma, dun enxame de alianzas cruzadas que podería facer aumentar as 15.000 mortes, segundo estimacións das Nacións Unidas, xa causadas polo conflito bélico de Iemen.
A modo de recordatorio debe apuntarse que a maioría dos dereitos humanos e liberdades fundamentais, tal e como os concibimos no occidente democrático, están cancelados en Arabia Saudita. Mostras de tales 'anacronismos' son que as mulleres non poden conducir vehículos ou que a homosexualidade estea condenada, mesmo coa pena de morte. Pero 'o negocio é o negocio', como aseverou o xenro e conselleiro de Trump, Jared Kushner pouco despois de chegar ao acordo de vendas de armas. En realidade tal macro-operación comercial plasmou a filosofía política que tantos votos procurou a Trump nas últimas eleccións presidenciais "Primeiro os EEUU (America First)".
A ocasión para facer bos negocios prevaleceu sobre outras consideracións morais. Trump fixo oídos xordos a todas as críticas, e mesmo ás admonicións de Robert Jordan, embaixador de EEUU en Arabia Saudita nomeado polo anterior presidente George W. Bush: "Non é que se produzan automaticamente crimes de guerra, pero existen precedentes na reputación dos sauditas e os estadounidenses que apuntan ao proseguimento de ataques indiscriminados e sanguentos das poboacións civís".
Hai uns días, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, acordou co presidente ruso, Vladimir Putin, a compra do sistema de mísiles ruso S-400, os cales paradoxalmente son incompatibles coa tecnoloxía da OTAN á que pertence a propia Turquía. O anunciou de Erdogan produciuse ao día seguinte de que Alemaña anunciase que deixaba en suspenso a venda de armamentos ao país turco, como rexeitamento ás políticas represivas e como método de presión para influír na excarceración de cidadáns xermanos detidos por razóns políticas. Merkel, con todo, matizou que as restricións se efectuarían caso por caso.
Outro país europeo, Suecia, anunciou o pasado mes de xuño que o goberno e a oposición chegaran a un acordo para aprobar unha lei que limitase as vendas de armas a ditaduras ou países non respectuosos cos dereitos humanos. Houbo reaccións de oposición, como o caso da potente empresa Saab, a cal ameaza coa deslocalización a outros países dalgunhas das súas actividades industriais e de I+D+i. Pénsese que só no ano 2016 as vendas de armas suecas superaron os 1.000 millóns de euros.
Dirase que Suecia, cunha poboación equivalente á Andalucía en España (apenas un millón e medio máis poboada), é un caso pouco representativo. Craso erro. Trátase dun país cunha gran reputación internacional pola súa longa traxectoria de defensa dos valores democráticos e os dereitos humanos. Ademais institucionalizou a cidadanía social na súa forma máis avanzada mediante o Estado do Benestar máis xeneroso dos que existen en Europa.
A consensuada iniciativa política sueca apoiada por partidos como o socialdemócrata, os cristiandemócratas, os liberais ou os verdes, é moi importante e emblemática no que poida supoñer como 'boa práctica' a emular polo resto dos estados membros da Unión Europea. Prácticas como esa son a que se necesitan para construír unha Europa máis unida politicamente.
O contraargumento á limitación das vendas de armas é sinxelo e poderoso como don Diñeiro: por que perder bos negocios que outros países menos 'escrupulosos' acudirán prestos a realizar? A expresión latina pecunia non olet prevén sobre tal modo de actuación, e séguese utilizando en alemán coa frase, Geld stinkt nicht.
E é que na antiga Roma, os ouriños recollidos nas letrinas públicas aproveitábase con fins industriais (curtidores). Por iso o emperador Vespasiano (69-79 d.C.) decidiu impoñer unha taxa aos ouriños 'públicos', a cal era recollida na Cloaca Maxima. O exemplo da maximización dunha actividade 'olorosa' en pos de gañar diñeiro incumbía o aproveitamento das augas menores. Coa súa secular sabedoría, os romanos non quixeron ir máis aló na explotación prosaica doutras augas maiores e apestosas, como é a relativa ao negocio macabro da guerra e a morte.
Escribe o teu comentario