Responsabilidades por actuacións na función pública

Xosé María Dios Diz
Médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.

Cando unha persoa se dedica á Función Pública (que evidentemente o fai por propia vontade), debe ter responsabilidades. As súas decisións, segundo a actitude que tome, afectan á poboación. Debe actuar con coherencia e cos menores danos para as persoas e colectivos. Os cargos políticos, vemos moitas veces, que cambian ou deixan o seu cargo... e do que fixeron NUNCA teñen responsabilidade. Non existe un mecanismo para pedir responsabilidades pola súa actuación na vida pública.

 

Cando o  expresidente da Xunta, Núñez Feijóo, opta por irse a Madrid, quedan secuelas das decisións que tomou nos seus 13 anos de goberno. Unha decisión en grao sumo dramática foi (e é) o desmantelamento sistemático da Sanidade Pública en Galicia.

 

Nin as mobilizacións na rúa, nin as “negociacións” no Consello Técnico de AP de Galicia, nin nas reunións con diferentes colectivos, nin nas Xuntas de Persoal das diferentes Áreas Sanitarias, etc. se conseguiu unha verdadeira posta en marcha de medidas que favorezan o desenrolo da Sanidade. Ao revés, case todas as medidas que adopta o executivo galego son para dicir que fan... sen facer nada, ou o que fan é unha “maquillaxe” do que se debería facer.

 

As decisións tomadas no tema das Residencias de Maiores foron nefastas, con miles de mortos. Vemos que ninguén se fai responsable do sucedido. Non vale dicir que “o fixemos mellor que  outros” ou a “culpa é de tal ou cal”. Os feitos son os que son. A persoa que toma as decisións ten que ser consciente de que poden non ser as correctas, que o que deciden “ten secuelas” e que moitas veces págase coa vida ou morbilidade, física ou mental.

 

Cando se  di que se fan Hospitais Públicos e logo sabemos que o goberno da Xunta ten que pagar un canon anual de moitos millóns de euros, algo non encaixa... por moito que se poñan carteis inmensos dicindo que son “públicos”. A evidencia é outra.

 

Agora  din que “non temos  médicos” e diríxense ao Goberno Central para solicitar máis MIR, cando saben que non se lles poden conceder por non ter Unidades Docentes para poder formalos. Pero, á vez, o goberno da Xunta convoca 106 prazas de “especialista de Atención Primaria” (o servizo máis necesitado de profesionais desde hai moitos anos, por culpa dos tremendos recortes do PP neste nivel asistencial). 

 

O argumento queda invalidado cos feitos: Se podes convocar 106 prazas, por que non convocas 1.000, que son as que estima a plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para poder atender ás persoas cunha mínima calidade asistencial? Son capaces de incorporar  médicos como Técnicos de Saúde (ata 140) o que implica: Se queren, poden!

 

A pregunta que nos facemos moitos é: Por que os profesionais sanitarios prefiren outros lugares e vanse de Galicia? Despois de que esta comunidade fórmeos (con moito diñeiro público) e á hora de contratalos nin lles dá estabilidade nin un salario digno. E por encima, seguen perdendo poder adquisitivo ano tras ano, como o demostra o feito de que o  expresidente Feijóo conxelase o salario dos traballadores sanitarios.  

 

Os profesionais que estiveron ao pé de canón e en primeira liña asistencial, cos riscos e consecuencias que tivo para moitos, viron como perdían días de Libre Disposición, ou o Complemento Específico e reciben salarios que non crecen o que crece o IPC.

 

Cando se  di “que se baixen os impostos”, nunca se ten en conta que  estes serven para financiar a Sanidade, a Educación, as Residencias de Maiores, etc. Claro, se “non temos diñeiro” para  investir en servizos públicos,  estes deterióranse e así xa temos a desculpa para privatizalos…  esta é a Lei do Servidor Público que só beneficia a privada!

 

As decisións teñen consecuencias e deberían ter responsabilidades!

 

Feijóo
Presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE