Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
Lord Minto adoptou a estratexia de "Divide e vencerás". Político británico, Gobernador Xeral de Canadá e virrei da India. Decidiu aplicar esta política para rachar coa unidade do pobo. (Gilbert John Elliot Murray Kynynmound. Londres, Minto. 1845-1914).
Hai tres anos, comezou a “negociarse” un Novo Estatuto Marco do Sistema Nacional de Saúde, para as Profesións Sanitarias. Ninguén esperaba que as negociacións fosen tan duras, con ameazas de ruptura e, sobre todo, que non convencese a todos os sindicatos que participaron. O anterior era de 2003. Regula as condicións laborais de TODAS as categorías profesionais sanitarias no Estado. O 26/01/2026, asinouse o acordo cos sindicatos do ámbito de negociación: CCOO, UGT, SATSE e CSIF. Non asinou CIG-Saúde, presente como sindicato maioritario do sector na Galiza, e que NON apoia o texto definitivo, nin a convocatoria de folga do día 2 de marzo. As razóns, entre outras, segundo Ana Lestón, secretaria nacional: “o texto acordado non corrixe a clasificación de categorías profesionais e que non están a ser retribuídas como lles corresponde, pois dependerán dos orzamentos estatais, sen datas nin garantías sobre a súa aplicación". Di, que “si recolle tanto a xubilación parcial como a anticipada, pero estas quedan supeditadas a futuros cambios legais dependentes da vontade doutros ministerios e a unha futura negociación dos coeficientes redutores".
Os sindicatos da Agrupación Profesional Por un Estatuto Médico e Facultativo (APEMYF), non asinaron; reclaman un marco regulador propio para médicas e médicos e manteñen o inicio da folga indefinida dunha semana de duración ao mes. En Galicia convoca O'Mega: sindicato corporativo de médicos.
Segundo Mónica García, “...é un acordo colectivo construído con mimo desde o diálogo social. Máis de 20 xuntanzas. Fala de facer gardas ata un máximo de 17 horas, asociadas a descansos e libranzas obrigatorios. Xornada máxima semanal de 45 horas, inferior ao limiar europeo e incorpora un mecanismo de intervención diante de situacións de sobrecarga persistente do persoal.
Entidades como a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) valoran que “incorpora a dedicación exclusiva para os xestores e xefes de servizo, regula a xornada laboral, o tempo de gardas, a esixencia do descanso despois de garda, que afecta a todo o persoal, evita os abusos das CCAA, mellora a clasificación laboral, etc. e mellora a racionalidade e dereitos”.
Acordan tamén, que a FADSP debe posicionarse publicamente en CONTRA da convocatoria de folga salvaxe por parte dos sindicatos corporativos dirixida esencialmente a conseguir un Estatuto Propio do Persoal Médico. Tamén denuncian que os sindicatos corporativos non representan a todo o colectivo médico, teñen unha escasa afiliación (en algunhas CCAA os seus profesionais públicos manifestaron o rexeitamento aos mesmos) e pouca capacidade de mobilización, como o demostra o escaso seguimento da folga (especialmente en AP). A folga considérana “salvaxe” pero recoñecen que ten un impacto mediático importante, grazas ao apoio dos medios de comunicación conservadores, que lles outorga toda a representatividade do colectivo médico (algo que é radicalmente falso) e o están utilizando para cargar contra o Goberno.
Deberá pasar polo Consello de Ministros antes de chegar ao Congreso. Trámites que se poden ver frustrados pola convocatoria de eleccións xerais… Convocaron a nivel estatal unha manifestación en Madrid o 14 de febreiro: 5.000 persoas acudiron (só médicos estaban convocados 176.000).
Na manifestación en Compostela, do 1 de febreiro, miles de persoas estivemos reclamando ao goberno de Rueda: Sanidade Pública Universal, Gratuíta, Equitativa e de Calidade. Foron dúas manifestacións, con motivacións ben dispares, pero reflectindo que na Galiza, quen ten a potestade de facer unha sanidade do primeiro mundo é o PP. Leva 17 anos gobernando e os problemas cada día van a máis. Na Galiza, sabemos cal é o diagnóstico e quenes son os responsables, pero estes queren desmarcarse como sempre, botar balóns fóra, e achacarlles a outros as súas desfeitas. Mentres a consellaría calcula as consultas que se suspenden pola folga... non calcula as que se suspenden pola falta de profesionais!
Está clara a táctica de Lord Minto, “divide e vencerás”... mentres uns están a “se son galgos ou podencos”, a Sanidade Pública Galega cada día está máis desmantelada e privatizada!
Escribe o teu comentario