A vida segue igual

Manoel Barbeitos
Economista

Hai un dato que fala ben de como está o mapa político galego. Ese dato é que as maiores dúbidas sobre as posibilidades de que Alfonso Rueda fora elixido sexto presidente da Xunta de Galicia procedían, segundo os mentireiros habituais, da posible oposición que atopara no interior do Partido Popular de Galicia que da propia oposición (BNG, PSdeG/PSOE). Por iso, cando desapareceron esas dúbidas, a elección estaba cantada.


Unha remuda que, por outra parte, apenas provocou ruído. Como dicíamos nun anterior artigo neste mesmo medio, estábamos máis diante dun punto e aparte que dun novo capítulo. Algo que o propio candidato confirmaría ("continuidade da boa"). Guión que a oposición non foi quen de cambiar para transformalo nun debate político de altura. 


Non foi quen porque, unha vez máis, a oposición non trasladou o debate ao que debe ser o seu terreo natural. Ademais é  onde o PPdeG se atopa máis incómodo, pois está cheo de lagoas. A súa xestión en materia de emprego, salarios, benestar social, igualdade, medio ambiente, soberanía e corrupción é, como mostran tódalas evidencias, enormemente deficitaria e, tamén, vulnerable.


En descarga da oposición, hai que subliñar que son varios e importantes os factores que impiden un debate desa natureza. En primeiro lugar, a estratexia política -fundamentalmente a parlamentaria- seguida polo PPdeG todos estes anos. Utilizan a súa maioría absoluta para transformar os debates parlamentarios en exames á oposición.


Unha estratexia touticeira que impide que o Parlamento sexa a tribuna na que se debata sobre os problemas de país e se ofrezan solucións e compromisos. Pero tamén hai que recoñecer que o nivel medio dos políticos galegos tampouco axuda. 


Basta con asistir a un debate parlamentario para comprobalo. Non menos limitacións ao protagonismo das esquerdas supoñen tanto a pandemia como a guerra en Ucraína. Si a pandemia, coas súas limitacións de movementos e o medo aos contaxios, restou o poder mobilizar as accións reivindicativas e de protesta, a guerra de Ucraína e o temor a unha guerra mundial, que sería definitiva para a humanidade, arrefriou sobre maneira os espíritos reivindicativos. 


Ámbolos dous fenómenos veñen a sumarse a unha tendencia xeral en occidente: o auxe dos ventos conservadores. Como estamos comprobando, nunha elección tras outra, as forzas conservadoras e totalitarias están en ascenso, e Galicia non é unha excepción. Así, non resultaría ariscado afirmar que si se celebrasen agora eleccións, Vox entraría tamén no Parlamento de Galicia.


Finalmente,  non podemos ignorar o papel que tanto os medios públicos de información e opinión como a maioría dos privados están xogando en Galicia para garantir o dominio do PPdeG. Favores polos que reciben millonarias doazóns de fondos públicos.


En Galicia... a vida segue igual.


Rueda firma el decreto para designar a su Ejecutivo.

Arquivo: Rueda firma o decreto para designar o seu Executivo.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE