Ao tempo que Portugal celebraba orgullosa a efeméride da revolución dos cravos do 25 de abril, e que no ano 1.974 puxo fin a longa ditadura salazarista, os cidadáns dos pobos de España podíamos comprobar, unha vez mais, como os diferentes tránsitos da ditadura á democracia en España e Portugal trouxeron dispares efectos políticos que, ao día de hoxe, condicionan a axenda democrática de xeito moi desigual en cada un dos dous estados.
En Portugal deuse unha auténtica revolución que foi quen de derrubar os piares do estado fascista, mentres que en España - aínda que as clases traballadoras coas súas mobilizacións tiveron un papel relevante - serían as elites franquistas, encabezadas pola coroa borbónica, quen liderarían o tránsito da ditadura á democracia.
Un tránsito que deixaría practicamente incólume as bases de poder da ditadura -exército, policía, xudicatura, airexa católica e que rematarían condicionando a natureza da propia democracia española. Deste xeito, a día de hoxe e pasado case medio século, aínda se pode afirmar con fundamento que España segue sendo unha democracia moi deficitaria.
Isto é algo que, por caso, puidemos comprobar unha vez mais nestes días.
Así, os medios de comunicación galegos nos informaban de que o rei emérito, prófugo no seu día da xustiza española, ten a intención de acudir a Sanxenxo para asistir ás regatas que se van celebrar nesa localidade. Tal descaro, por parte de quen ten un pasado cheo de escándalos por unha conduta nada exemplar e que forzou a súa dimisión e posterior exilio, convértese en indignación cando os mesmos medios apuntan a que co gallo desa asistencia, o Goberno está preparando a blindaxe do concello para o que decidiu poñer en marcha unha comisión de servizo e un operativo especial cuxo custo ignoraremos.
Ata cando os membros da corrupta coroa borbónica poderán seguir ríndose dos pobos de España? Ata cando teremos que tolerar os comportamentos indignos do rei emérito e a súa familia? Ata cando os dous partidos políticos maioritarios (PSOE e PP) seguirán amparando unha institución cada vez máis cuestionada pola cidadanía?
Esta institución, a día de hoxe, resístese a someterse a parámetros legais de todo responsable político como, por exemplo, sería o de expoñer o patrimonio da Casa Real ao coñecemento público, algo moito máis necesario dada a debilidade política da actual monarquía e froito fundamentalmente das condutas precedentes.
Outro feito relevante que pon en evidencia as causas maiores do citado déficit democrático é o coñecido como o caso Pegasus e a espionaxe a dirixentes políticos democráticos. De feito, esta espionaxe foi recoñecida finalmente pola directora do CNI, a señora Esteban, diante da Comisión de Secretos Oficiais do Congreso, e xustificado en base a razóns políticas.
Aínda non compartindo as teses dalgunhas organizacións soberanistas de que o Presidente do goberno español (o señor Sánchez) e a Ministra de Interior (señora Robles) foran quen ordenaran tal espionaxe, non deixa de ser un asunto político moi grave que pon en evidencia ás cloacas do Estado, cun tufo franquista indiscutible. Estes seguen actuando pola súa conta, lonxe do control do Goberno e das instancias democráticas, pero con obxectivos claramente antidemocráticos e inestables.
Estes dous feitos, relacionados coas estruturas do Estado, confirman que - como sinalabaao principio - a democracia española aínda é unha democracia deficitaria. Un déficit que ten nos aparatos do Estado os maiores fundamentos, o que nos diferencia claramente da democracia portuguesa. Un déficit que está facendo cambalear perigosamente ao actual Goberno de coalición. Si se quere asegurar a súa supervivencia, debe actuar con decisión e avanzar de maneira decidida e firme na democratización dos aparatos do Estado.
Archivo - El rey emérito, Don Juan Carlos I.
Escribe o teu comentario