Unhas dereitas botadas ao monte

Manoel Barbeitos
Economista

Alberto Núñez Feijóo, UE
Alberto Núñez Feijóo, UE


 

Mentres esperamos que Pedro Sánchez compareza no Parlamento español para explicar a posición política do goberno de quenda (PSOE/Sumar) fronte aos graves casos de corrupción que o mancharon (o caso Cerdán), e dado que xa nun artigo anterior dei a miña opinión sobre este asunto (https://gal.galiciapress.es/artigo/opinion/2025-06-13/5330160-pedro-sanchez-na-senda-mariano-rajoy) esta vez quero centrarme nalgo que tamén me parece moi grave: a existencia dunhas dereitas extremas (PP/Vox) que están facendo un dano enorme á democracia española por que están botadas ao monte.

 

Hai unhas semanas lía en varios xornais: “temos no goberno unha organización criminal, unha mafia”. Estas declaracións foron feitas polo señor Miguel Ángel Tellado, portavoz do Grupo Parlamentario Popular no Congreso dos Deputados, e non é a primeira vez que as fai polo que parece evidente que están moi meditadas. Por eses días o seu xefe, o señor Núñez Feijoo, presidente do Partido Popular (PP), e en vésperas da manifestación convocada polo seu partido, tamén chamaba “a encher as rúas de Madrid contra a mafia instalada no goberno.... o goberno máis inútil e corrupto”. Para non ser menos, a señora Isabel Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, afirmaba que “a mafia está xestionando a nosa nación”. Pola súa parte, no Madrid Economic Forum celebrado neses días, os asistentes, a flor e nata do neoliberalismo español, berraron con grande entusiasmo «Pedro Sánchez, fillo de puta», «Pedro Sánchez, fillo de puta», ...”hai que acabar cos fillos de puta, socialistas de merda”. Non quero esquecer da nova revolta que no Parlamento volveron montar os deputados das dereitas extremas (PP/Vox), neste caso o pasado martes 17, cando intentaron rebentar o Pleno do Congreso por non aprobarse a súa proposta sobre a data de comparecencia do señor Sánchez dado que non contaron coa maioría suficiente. Unha vez máis as dereitas extremas mostraron a súa real faciana de totalitarios.


 

Dada a relevancia de quen fai este tipo de declaracións, de quen utiliza berros tan gratificantes, de quen ten actitudes tan autoritarias resulta evidente que estamos diante dunhas dereitas que decidiron botarse ao monte. Algo que ten unha explicación: como sucede na fábula da ra e o alacrán podemos dicir que tirarse ao monte está no instinto de moitos representantes destas dereitas extremistas. Así sucede con políticos do Partido Popular (PP) e de VoX, periodistas afíns e mesmo economistas e empresarios que se definen como liberais pero que, pola forma de comportarse, parecen entender a loita política como unha batalla persoal na que, como sucedía na Idade Media en xustas e torneos, o obxectivo é destruír ao adversario, neste caso mediante a mentira, a calumnia e o insulto sen importarlles converter o escenario político e social nunha lameira.


 

Asemade, e como sinalamos no artigo anterior, está a presencia dunha extrema dereita (Vox) que lle come terreo e mesmo protagonismo á dereita supostamente socioliberal (PP), algo que a estes os está poñendo dos nervios, pero do que non son quen de despegarse: o PP vén de renovar as súas alianzas territoriais con Vox logo dos pactos de orzamentos en Murcia,Valencia e Baleares.


 

Compre subliñar que esta estratexia está alimentada por membros do Poder Xudicial que lle subministran a estas dereitas extremas munición abundante con casos que na maioría das ocasións parecen inventados. Un aínda se está preguntando onde están as probas que demostran a acusación de que está sendo obxecto o Fiscal xeneral, García Ortiz por parte do maxistrado do Tribunal Supremo, Ángel Hurtado? Onde están as probas das filtracións sobre as que o acusa?

 

Outra pregunta que nos podemos facer é se esta estratexia das dereitas extremas lles servirá para gañar as eleccións do 2027 dado que unha moción de censura non parece probable nesta lexislatura. Se tomamos como un dato a asistencia á manifestación do pasado domingo, 8 de xuño, en Madrid -50.000 asistentes para a Delegación do Goberno, 100.000 para os convocadores- non parecera que a alternativa Feijoo estea cerca. Por se isto non fora suficiente, a señora Isabel Ayuso, como se puido comprobar na Conferencia de Presidentes -cunha actitude diferente á dos seus compañeiros que tiñan preparada outra estratexia- e na propia manifestación -cun discurso alternativo ao de Núñez Feijoo e claramente anticonstitucional-, parece disposta a deixar a súa pegada (ou algo máis?) no partido e nos votantes. Unha señora Ayuso, discípula da señora Esperanza Aguirre que vén de declarar que “a longo prazo, a ditadura franquista foi mellor que a República”.

 

A verdade é que botarse ao monte agocha o risco de...perderse entre toxos e silveiras.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE