Corrupción e responsabilidades políticas

Manoel Barbeitos
Economista

Pedro Sánchez en la sede del PSOE
Pedro Sánchez en la sede del PSOE


 

Nesta semana a nova de portada, especialmente dos medios de información e comunicación que están embarcados nunha operación de acoso e derribo do goberno de quenda (PSOE/Sumar), foi a entrada en prisión de Santos Cerdán, exsecretario de Organización do PSOE. O maxistrado que leva o caso, Leopoldo Prieto, e que o enviou a prisión preventiva, detalla no seu informe a existencia “dun homoxéneo, extraordinario e consistente conxunto de indicios que sitúan a aquel no cumio dunha suposta trama dedicada ao cobro de mordidas a cambio de influír en adxudicacións públicas” nas que tamén aparecen implicados Jose Luis Abalos e Koldo Garcia


 

Estariamos así diante do caso de dous exsecretarios de Organización (Abalos e Cerdán) implicados nunha suposta rede de corrupción. Á espera de saber se a cousa queda aquí ou aparecen máis implicados a gravidade do asunto, dende o punto de vista moral e político, está fóra de dúbidas. O dirixente político (Pedro Sánchez) e o partido (PSOE) que lideraron a moción de censura triunfante contra o goberno de Mariano Rajoy, fixérono coa bandeira da loita contra a corrupción que asolagaba o Partido Popular e o seu goberno. Non se trata agora de comparar a dimensión que a corrupción acada en cada un dos dous partidos, PP e PSOE, algo que está fóra de toda dubida xa que de non aparecer novos casos, nun partido (PP) trátase dunha corrupción sistémica e noutro (PSOE) nun caso illado, senón de que este último tampouco escapa á corrupción. Un caso que permite unha dobre lectura: moral e política.


 

A política é que moi probablemente non se produzan cambios relevantes no escenario político pois a composición do mesmo e as moi distintas estratexias partidarias fan difícil que calle unha maioría alternativa en torno ao PP que poida presentar unha moción de censura e que esta triunfe. A menos que este caso de corrupción dea paso a unha corrupción sistémica do PSOE, o goberno poderá rematar a lexislatura polo que Sánchez non terá que dimitir. Queda por ver como serán agora as relacións tanto entre os partidos do goberno (PSOE-Sumar) como deste cos seus apoios (PNV, JxCat, ERC, BNG....) que marcarán o futuro inmediato. Máis importante será comprobar como queda a xa débil confianza cidadán na acción política logo deste caso de corrupción: a distancia entre a clase política (goberno e oposición) e a cidadanía xa é, hoxe por hoxe, demasiado grande.


 

A moral ou ética fai referencia a cal debe ser a resposta de Pedro Sánchez e o seu partido (PSOE) a este caso de corrupción. Unha resposta que afecta ao dobre cargo de aquel como Secretario Xeral do Partido Socialista e como Presidente do Goberno español e da que teremos noticia neste fin de semana. Adiantándonos a decisión que tome Pedro Sánchez parece evidente que debe ser unha resposta contundente que devolva á cidadanía parte da confianza perdida tanto no PSOE como no Goberno de quenda (PSOE/Sumar). Unha resposta contundente porque, unha vez máis, se comprobou como a corrupción en España non é só un problema de partidos senón que é un problema sistémico: de corruptos e corruptores.


 

Un problema sistémico ao que debe responderse con unha ruta política que poña a loita contra a corrupción como centro dunha nova estratexia e que ademais precisa de que os partidos que forman o goberno, pero moi especialmente o PSOE, se envorquen na mesma e busquen a complicidade da cidadanía a que deben convencer da súa sinceridade nesta batalla. E para convencela hai que poñer ao fronte a políticos/as que xeren confianza, que non estean baixo sospeita. Unha estratexia que empraza maiormente ao PSOE, aos seus dirixentes e militantes.

 

O goberno de progreso (PSOE/Sumar) ten no seu balance moitas medidas positivas, moitos bos resultados que non se deben tirar pola borda. Pero agora tamén ten, moi especialmente o PSOE, principal implicado e forza moi maioritaria nas esquerdas, o reto de convencer á cidadanía de que tamén é quen de conseguir bos resultados na loita contra a corrupción. Iremos vendo se son quen de facerse cargo da situación actual e de asumir as correspondentes responsabilidades políticas empezando por Pedro Sánchez.


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE