A pesar da existencia de sectores do PP que, en privado, viñeron mostrando o seu rexeitamento por Miguel Tellado, o “bulldog” de Alberto Núñez Feijóo, que esperaban que o relegasen a un segundo plano, o desexo non se vai a cumprir. O líder popular, como viña intuíndo nos últimos días, xa confirmou que será o próximo secretario xeral do partido (que, de feito, sen título xa o era), e haberá que referendalo no congreso do sábado que se celebrará en Madrid. Tellado, número dous do PP!
A decisión de Feijóo de darlle máis poder a unha das súas persoas de confianza (clan galego que manda moito) puxo de manifesto unha verdade que moitos tiñan dúbidas de que fóra así: a centralidade que predicara o novo líder do PP cando chegou á rúa Xénova e que máis dunha vez facía gala diso, máis si cabe cando Cidadáns desaparecera do panorama político e facía falta un partido “de centro”. A realidade foi descubrindo que con Cuca Gamarra de portavoz, Tellado, coas súas actuacións no Congreso que en máis dunha ocasión indignaron a deputados da outra bancada coas súas intervencións incendiarias e insultos, certifica que as palabras de Feijóo levoullas o vento, xerando un malestar nalgúns sectores máis moderados do seu partido, sen que o expresidente da Xunta fixese nada para frealo. A Tellado utilízao para iso? “Asegúrache de que colocas os teus pés no lugar correcto e logo, mantente firme”, dicía Abraham Lincoln.
A preocupación que ten o núcleo duro do líder popular sobre o crecemento de VOX, pola súa postura radicalista e extrema dereita, veulle marcando a folla de ruta aos populares, un partido con distintas sensibilidades, algunhas delas contrapostas. Querer estar no centro e á vez ocupar o espazo de VOX non é posible. Os tumbos ideolóxicos que está a levar o PP de Feijóo non son ben entendidos en sectores económicos e sociais do país, nin no seu propio partido. Facer a oposición pola oposición non é entendida nun partido que quere gobernar.
Feijóo está a xogar a súa última oportunidade, nomeando a persoas da súa absoluta confianza, clan galego, sen ter en conta o equilibrio territorial, como sempre, até agora, fíxose. O líder popular xógallo todo a unha carta: se gana (porque perden os socialistas), todos contentos; se lle salgue mal a xogada, terá que facer as maletas e volver a Galicia, onde tan comodamente gobernou.
Tellado non é un bo interlocutor cos partidos, aos que insultou e de que maneira. Nomealo agora para que fale con PNV, Junts, ERC, segundo o ferrolán, para “escoitalos” (imos, para que apoien a moción de censura) é un erro de primeiro de política. Quen vai querer pactar con el tras insultalos tantas veces? É que Tellado ten “tea”. Nacido no Ferrol, conta cunha traxectoria contraditoria politicamente, porque pasar do BNG, partido nacionalista/independentista, ás filas do PP só cómese cunha empanada de zamburiñas. Fíxollo vir para en pouco tempo facer imprescindible ao presidente da Xunta. Aínda resoan no Parlamento galego as súas intervencións, parecidas ás que realiza no hemiciclo do Congreso. Todos os partidos de oposición non gardan un bo recordo.
Moitos se preguntan por que Pedro Puy Fraga, deputado en Galicia con intervencións excelentes, que Feijóo levou a Madrid, non está a ocupar un lugar máis destacado no grupo parlamentario ou no propio partido. Puy Fraga é un gran parlamentario, correcto, formado, e ocórrelle todo o contrario que a Tellado: os partidos da oposición falan moi ben del: bo orador, educado, con coñecemento do que fala, e cando deixou o seu escano en Galicia, todos os parlamentarios da oposición falaron ben del, recibindo un longo aplauso.
Puy é o exemplo dun político correcto, e non insulta a ninguén. É o representante nato dun partido centrista.
Con Tellado e a nova portavoz, Ester Muñoz, dúas persoas duras e rifas, as sesións do Congreso estarán moi animadas. Iso é o que quere Feijóo? Pois se volveu a equivocar. Dicía Cicerón que “Errar é cousa de calquera home, pero perseverar no erro é só privativo dos necios”
Escribe o teu comentario