A España plural e solidaria fronte a España franquista

Manoel Barbeitos
Economista

Parece cada día máis evidente que, a pesar da tripla crise que nos golpea duramente (sistémica, ambiental e pandémica), da brutal ofensiva das dereitas (PP/ Cs/ VOX) e os seus aliados (xuíces, policías, medios de comunicación...) e das comprensibles diferenzas internas, o goberno español das esquerdas (PSOE/UP) avanza na súa consolidación con cada vez máis seguridades de ser quen de finalizar a actual lexislatura e afrontar a próxima nunha excelente posición de partida tal como para repetir a actual maioría.


O pasado día 24 de novembro este goberno deu un paso moi firme nesa dirección. A aprobación dos Orzamentos Públicos para as 2022 grazas ao apoio maioritario do Parlamento español (188 votos afirmativos, que son 21 votos máis que os da investidura de 2020) son unha proba contundente do afirmado. Un fito político que ten varias lecturas.


En primeiro lugar, que estamos diante duns orzamentos contracíclicos, expansivos e cunha forte aposta polo social. Uns orzamentos, que sumados aos do presente ano 2021 e aos que se viron nos próximos exercicios, servirán sen dúbidas para reducir os grandes déficits que en materia de emprego, benestar social e infraestruturas básicas teñen os pobos de España.


En segundo lugar, que ao redor destes orzamentos, así como doutras leis moi relevantes, está a configurarse unha maioría parlamentaria integrada por 11 partidos, estatalistas e soberanistas, que con intelixencia política e tamén con xenerosidade, son quen de sumar esforzos e superar as lóxicas e naturais diferenzas para sacar adiante medidas que impactarán moi positivamente nas clases populares. Unha maioría que representa, como nunca antes, á España plural e solidaria.


Finalmente, que as dereitas españolas (PP, VOX, Cs), máis franquistas que nunca e cun liderado moi debilitado (Casado), empezan a dar claros sinais de nerviosismo como, por caso, estamos a ver na guerra aberta que se está dando en Madrid entre Casado e Ayuso. O triste e pobre papel que Casado tivo no debate dos Orzamentos non fixo máis que alimentar esa loita e sumar apoios a Ayuso, o que supón debilitar o papel daquel como líder da oposición e do PP como alternativa de goberno. Se a isto engadímoslle o estancamento de Vox e a mais que probable desaparición de Cidadáns, resulta indiscutible que a España plural e solidaria avanza fronte a España franquista que, en contra do que poidan ser as aparencias, retrocede.


Mágoa que algúns non pareza que se decaten destas evidencias.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE