O problema das dereitas: indultos, pandemias e corrupción

Manoel Barbeitos
Economista

En contra do que poida parecer a primeira vista, basicamente polo barullo creado polos medios afíns que son maioría, ás dereitas españolas estánselle acumulando os problemas, entre outras razóns pola súa indiscutible incompetencia política. Cando pensaban que o contundente triunfo da señora Ayuso en Madrid era o sinal de partida dun imparable paseo triunfal que finalizaría co señor Casado no Palacio da Moncloa, a realidade política pon en evidencia que de non mudar as dinámicas políticas este obxectivo está hoxe mais lonxe que onte pero menos que mañá.


Grazas aos indultos, aprobados polo goberno español e referendados no Parlamento por unha maioría absoluta de votos favorables (190) procedentes do bloque que facilitara a investidura, os dirixentes políticos cataláns condenados polo procés están hoxe na rúa, o que vén compensar, dalgunha maneira, o despropósito xudicial que os levaba á cadea. Un escenario que como recoñeceu en privado a presidenta da ANC (Asemblea Nacional de Catalunya), a señora Alizue, desarma aos independentistas ao deixalos sen moitos dos seus argumentos victimistas. Desta forma, e por moito barullo que fagan as dereitas españolas e os seus medios afíns e por moitos paus nas rodas que poña un sector do independentismo, o escenario político mudou en Cataluña e en España. Aqueles actores políticos que non saiban ou non queiran ver esta realidade serán desbordados polos acontecementos.


A pesar dos atrancos insolidarios e oportunistas dalgúns gobernos autonómicos e dos indiscutibles erros de xestión por parte do goberno español, o impacto da pandemia vai minguando dunha maneira clara e positiva. Cos avances na vacinación e, por caso, a progresiva desescalada das máscaras, entramos, despois de case ano e medio de pandemia, nunha maior normalidade que repercutirá positivamente tanto na convivencia e na vida cotiá como na marcha da economía. Un escenario que restará argumentos a aqueles partidos que de maneira irresponsable veñen utilizando a pandemia como arma política partidaria contra o goberno español.


Esta amortización dos barullos provocados polas dereitas devolverá ao escenario político e mediático ao cancro da corrupción sistémica que si asolaga ao Partido Popular (PP) e tamén salpica a un sector de independentismo (JxCat antiga CDC). O paso polos xulgados dun novo caso de corrupción (Kitchen), que neste caso golpea cada vez mais arriba, non vén máis que a confirmar que nas últimas décadas ("España va ben") o Partido Popular alimentouse da corrupción cun número impresionante de dirixentes e directivos que usaron os cargos políticos para enriquecerse ilegalmente, polo que agora aparecen imputados. Unhas practicas corruptas que tamén salpican a un sector do independentismo como pon en evidencia tanto a imputación da familia Pujol como os casos aínda pendentes de resolución xudicial. O dano que lle están facendo a democracia española estas prácticas corruptas é inconmensurable.


Se en economía todo gasto arrastra un ingreso, en política podemos dicir que os problemas duns poden ser as solucións para os outros. Así, os feitos citados que deterioran a imaxe e a credibilidade políticas das dereitas (moi especialmente do Partido Popular) serven tamén para fortalecer a unidade de acción das forzas que fixeron posible tanto a moción de censura como a investidura do goberno de coalición. Unha unidade de acción que non vén máis que a consolidar ao actual goberno (PSOE/ UP) fronte aos ataques da oposición, tal e como vemos confirmado, por caso, nas últimas votacións no Parlamento español.


1 Comentarios

1

Vejo-te muito otimista, eu os últimos inquéritos que olhei dão uma subida importante ao PP pese à Kitchen, não esqueças que este é um Estado corrupto, quanto mais rouba o PP, mais votos e adeptos tem, o levam no sangue, como explicar então que Ayuso governe em Madrid e Mirás em Múrcia. A corrupção sim tem-lhe custo aos progressistas e assim deve ser, mas às direitas não é assim.

escrito por Carlos 02/Xul/21    10:34 h.

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE