​O Dépor e o concepto

Rodrigo Brión Insua

O concepto é o concepto”. Unha frase que pertence á sabedoría popular grazas a Manquiña e a película ‘Airbag’, obra cume da comedia española dos 90. Unha frase versátil que ben pode empregarse para definir a vida ou unha noite de bebedeira. E non creo que sexa cousa da casualidade que esa escena transcorra no centro dun campo de fútbol, onde o concepto o é todo. Como tampouco creo que a penúltima posición do Deportivo da Coruña, esa que lle dá un billete só de ida á Segunda División B e polo tanto ás catacumbas do noso futbol nacional, sexa obra do azar.


Sería bo que Anquela, Carmelo do Pozo, Paco Zas ou a quen lle toque facelo, sente no vestiario xunto aos seus raparigos e, citando de novo a Manquiña, reconduza a situación cun sinxelo discurso: “Non estamos aquí para xogar aos xeroglíficos, un supoñer: estamos aquí para aclarar un par de conceptos”. Eses conceptos fundamentais son: A que xoga o Deportivo? A que quere xogar o Deportivo? A que pode xogar o Deportivo? A máis dun poden parecerlle a mesma pregunta feita tres veces, pero nada máis lonxe da realidade. É importante aclarar a que estivo xogando o Dépor nestes dous meses -se é que hai unha resposta válida a esa pregunta- porque o que se viu ata o de agora foi un equipo ramplón, sen alma  e que non domina nin unha soa faceta nin parcela do xogo. Un quero e non podo de manual, incapaz de gañar nin un só balón dividido.


Unha vez que aclaremos este concepto, é importante saber cal é o camiño que quere tomar o equipo: se quere definirse por ser unha escuadra construída desde atrás e a solidez defensiva, se quere ser dos que esperan e saen á contra, se pola contra queren defenderse co balón e atacando, cun xogo que vire ao redor da pelotita…tantas opcións, e todas elas admisibles. E unha vez establecido o estilo que desexa implantarse, queda saber se é posible levalo ao terreo de xogo coas vimbias actuais. É sabido que a escola de Anquela non calou en Riazor, pero queda por descubrir se o técnico xienense, e o máis importante, os seus xogadores, poden adoptar un novo estilo.


Está claro que Gaku non pode ser a áncora do equipo, así como Bergantiños non pode armar o xogo, pero estes conceptos básicos para o afeccionado branquiazul parecen non chegar a oídos do equipo técnico. Pero si poden investir os roles, con Mollejo e Valle á carreira, Longo xogando de costas e Aketxe aos mandos. Un equipo que non dependa dunha poutada ou do bo tino do seu gardameta. Un conxunto reconocible, cun once ao que a súa afección saiba citar de memoria e que non esperte o bufido do respectable cando os nomes soen por megafonía.


O afeccionado do Deportivo…ese ser esquecido que viu como en cuestión de tres tempadas o seu equipo perdía a categoría, o seu presidente deixábaos tirados e desfilaban polo banco herculino ata seis caras en grao sumo variadas que pouco ou nada fixeron por arranxar un club roto ou polo menos dotalo dunha identidade. Agora os incondicionais teñen que ver cada quince días como aqueles que teñen que librar as batallas coquetean co descenso, mentres os que teñen que defender o escudo parecen mirar cara a outro lado. A parroquia branquiazul tamén podería alzarse en armas e facer súas as frases de Manquiña para esixir á cúpula deportivista que xustifique o prezo dos abonos. “Sempre que nos dean o que é noso, discutiremos ese concepto co fin de discutilo”.


Aínda hai esperanza e tempo para a reacción antes de declarar a guerra, porque se algo é Segunda División é impredicible e eterna. O último duelo ante o Almeria, aínda que tivo un resultado pouco satisfactorio, si deixou entrever cositas. Pero o primeiro é o primeiro e todos os actores implicados, desde o presidente ata o último socio, deben aclarar un par de conceptos. E é que o concepto é o concepto. Esa é a cuestión. De modo que, “Imos levarnos ben, porque se non vai haber hondonadas de hostias aquí”. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE