Compostela réndese ao xogo de mesa coa I Edición do Festival Dálle Xogo
O evento celebrarase en Área Central os días 21 e 22 de novembro.
O Centro Comercial Área Central de Santiago de Compostela transformarase este mes de novembro no epicentro galego dos xogos de mesa e o lecer sen pantallas. A I Edición do Festival Dálle Xogo estréase coa ambición de consolidar unha cita anual na comunidade, reunindo a editoriais, creadores, divulgadores e entidades locais nun espazo deseñado para o goce, a aprendizaxe e a convivencia en torno ao xogo tradicional.
O evento conta co respaldo institucional da Concellaría de Mocidade do Concello de Santiago e cun apoio crucial na prevención de adiccións, xa que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia patrocina a iniciativa. A organización subliña o obxectivo de Dálle Xogo: crear un punto de encontro que converta os xogos de mesa nunha poderosa ferramenta para a aprendizaxe, a conexión e o lecer alternativo aos dispositivos electrónicos, buscando ser un factor de prevención de condutas adictivas.
PROGRAMACIÓN VARIADA E TALENTO LOCAL
Durante as dúas xornadas que dura o festival, o público poderá participar en diversas actividades. Habilitaranse áreas de xogo libre, celebraranse torneos e ofreceranse charlas con expertos. Unha das apostas máis significativas é a posta en valor do talento lúdico local e nacional a través dunha zona específica dedicada a editoriais galegas e outra para selos nacionais e prototipos.
O cartel do evento inclúe a relatores destacados como Xullo Rodríguez, Manu Velasco, Proxecto Glirp, Kiko Cociña e Cris Neira ou Lucía Coutado.
Clausúraa do festival terá un broche musical grazas a un concerto familiar organizado en colaboración co Centro Xove da Almáciga, co propósito de destacar a creatividade musical e xuvenil da cidade.
FIRMAS E ENTIDADES IMPLICADAS
A cita conta coa participación activa de destacadas editoriais galegas, entre elas Perfect – Un Xogo de Merda, Ludice Games ou Lalalá editorial, e Crecer Creando, ademais doutras marcas de relevancia no panorama español.
Os asistentes terán a oportunidade de probar unha ampla selección de xogos grazas á colaboración de distribuidoras e editoriais de prestixio como Mercurio, Diset, Top Toys, Asmodee, Old Teddys, Rei Mono, Brain Picnic, Upple Games ou Cayro, entre moitas outras.
Ademais das empresas lúdicas, o festival teceu unha rede de colaboración con entidades locais que traballan no ámbito da educación, a inclusión e o lecer educativo. Institucións como Latento Servio Integral Altas Capacidades, Espazo de Lecer Miramontes e Down Compostela presentarán as súas propostas e actividades ao público compostelán.
Todas as actividades programadas no Festival Dálle Xogo serán de acceso gratuíto para o público, cun límite de aforamento. O obxectivo principal é fomentar a cultura do xogo de mesa como un recurso de integración, aprendizaxe e entretemento.
Escribe o teu comentario