Quen teme un goberno de coalición?

Manoel Barbeitos
Economista

Caben xa poucas dúbidas con relación a Pedro Sánchez (PSOE) de que, en caso de chegar leste a Presidencia do goberno de España, non está entre as súas reais intencións aplicar aquelas políticas que prometera durante a campaña electoral. Promesas entre as que cabe destacar as reformas relativas ao sistema fiscal, as relacións laborais, as pensións públicas, a desigualdade, o financiamento autonómico e local, a política de inmigración, o chamado “problema catalán”…


Moi pola contra. De formar, como pretende, goberno en solitario, o PSOE aplicará unhas políticas semellantes ás que vén aplicando nas últimas décadas o resto da socialdemocracia europea. Unhas políticas neoliberais que teñen como fundamentos estratéxicos a rebaixa salarial, a austeridade fiscal e a ortodoxia monetaria e que nada teñen que ver coas promesas electorais. Nisto Pedro Sánchez (PSOE) segue a senda que anteriormente, con pequenos matices, percorreron os seus colegas europeos socialdemócratas (F.  Miterrand,  F.González,  J. L. Zapatero,  T. Blair,  G. Schroeder,  F.  Hollande…). A senda de adoptar discursos socialdemócratas que, chegados ao goberno, convértense en políticas neoliberais. Aí están as hemerotecas para quen queira comprobar a veracidade do subliñado. Pero para poder aplicar estas políticas o PSOE precisa cambiar o actual escenario político español. Cambiar o escenario xa que para aplicar esas políticas o PSOE require ben dun goberno en solitario; ben dun goberno con partidos da súa dereita (como, por caso,  Cidadáns). E nesa tarefa andan Pedro Sánchez e os seus colaboradores, para o que contan co apoio decidido tanto de organismos públicos, tal que o CIS, como de privados tal que a maioría dos medios de comunicación e opinión cuxa dependencia do IBEX 35 resulta abraiante. Non menos relevantes para esta estratexia son as posibilidades que ofrece o actual sistema electoral español como, por caso, que con menos do 30% dos votos cidadáns, un partido (PSOE) póidase reclamar de gobernar en solitario. Algo que choca tanto con calquera perspectiva netamente democrática como coa vontade maioritaria duns cidadáns que tiran por un goberno PSOE-UP tal como reflectiron as últimas eleccións xerais e confirman as enquisas ms fiables.


Un cambio de escenario que, con todo, non parece fácil. Velaí as razóns que explican as manobras –de auténticos trileiros da política- de Pedro Sánchez e os seus colegas de partido (PSOE) tentando convencer a cidadanía de que o problema para un goberno de coalición é UNIDAS PODEMOS en xeral e Pablo Iglesias en particular. Manobras que non poden ocultar, tal e como sinalamos, que a auténtica realidade é moi distinta. Unha realidade que, máis temperán que tarde, quedará en evidencia.


Non cabe dúbida de que tanto CIUDANOS como UNIDAS PODEMOS están, coas súas estratexias, favorecendo as manobras de Pedro Sánchez e o seu partido (PSOE). Manobras dirixidas tanto a desprazar a Cs máis a dereita como a minguar o apoio cidadán a UP, para así quedar en exclusiva co espazo de centroesquerda. O primeiro (Cs) co seu xiro cara a posturas moi conservadoras está a deixar un grande baleiro no centro político que parece irse progresivamente inclinando cara ao PSOE. O segundo coa súa pechada aposta a favor de entrar no goberno favorece unha imaxe de intransixencia que está a ser ben aproveitada tanto polo PSOE como pola maioría de medios de comunicación e opinión para, con mentiras que raian a indecencia, atraer ata o PSOE a un electorado de centroesquerda  medorento de que unha repetición das eleccións xerais posibilite unha vitoria das dereitas.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE