Contra Podemos todo vale

Manoel Barbeitos
Economista

Poucas veces na curta historia da democracia española recibiu un partido tales ataques (políticos, xudiciais, mediatices) como ven recibindo PODEMOS (agora UNIDOS PODEMOS) dende o mesmo momento da súa aparición na escena política. Non lle conceden nin un momento de respiro os atacantes (políticos, periodistas, elites). Poucas veces un líder político (quizais so Adolfo Suárez nos seus últimos anos) foi obxecto de tal inquira e hostilidade, de tan constante persecución como Pablo Iglesias.


A explicación hai que buscala en que, hoxe por hoxe, e a pesares dos seus grandes erros políticos, algún de considerable dimensión, son a única forza antisistémica a nivel de estado. Son a forza que pode evitar, ou cando menos dificultar, que se forme a grande alianza que os poderes fácticos e os seus altofalantes levan algún tempo promovendo por terra, mar e aire: a alianza PSOE-Cs.


Así non vemos que pase un día sen que os altofalantes ao servizo do réxime monárquico saquen algunha noticia a maior parte das veces inventada ben sobre problemas internos de PODEMOS, ben sobre determinadas prácticas de dubidosa lexitimidade dalgún/ha dirixente, ben sobre supostas financacións externas (Venezuela, Irán), todas dirixidas a prexudicar a imaxe deste partido. Que importa que nunca se cheguen a demostrar a maioría destas acusacións, que importa que na maior parte dos casos sexan novas falsas, que importa que se describan actos nunca realizados, que importa incluso que as prácticas periodísticas e políticas que se utilizan para así desprestixiar a UNIDOS PODEMOS e ao seu líder Pablo Iglesias rocen claramente a ilegalidade?. Ti emporca que algo queda.


Que importa que este partido, a diferenza dos partidos sistémicos, non estivera, ao día de hoxe, envolto en ningún caso de corrupción?, que importa que non se podan demostrar tales infundías e mentiras a pesar de ter utilizado incluso os servizos segredos e as cloacas para obter unha información que non existe?. Hai que lembrar, por caso, as manobras dunha chamada “brigada patriótica” que, formada por altos mandos policiais ao cargo do comisario J.M. Villarejo baixo a cobertura política do Ministro de Interior (Fernández Díaz) e a propia Presidencia de goberno (Mariano Rajoy) e financiada con fondos reservados, fora creada co obxectivo de destruír a reputación dos dirixentes de PODEMOS e tamén dos partidos cataláns independentistas (ERC e JxCat)?


Manobras de desprestixio e deslexitimación que chegan a tal grado de desfachatez como negarlle o dereito a PODEMOS de querer entrar no próximo goberno que forme Pedro Sánchez. Incluso a Pablo Iglesias o dereito a un Ministerio. Acaso o PSOE a pesar de gañar as eleccións non ten un número de deputados insuficiente para gobernar en solitario e sen apoios?. Acaso non precisa de aliados para gobernar?. Por que un partido (PODEMOS) que recibiu o 11,4% dos votos e conta con o 10% dos deputados non pode aspirar a formar parte dun tal goberno? Por que Pablo Iglesias non pode aspirar a ser ministro?. Resulta patético ver a brúnete mediatice, española e galega, intentar deslexitimar estas lícitas e fundamentadas aspiracións políticas.

Resulta patético tamén por que os demais partidos do arco parlamentario, nin sequera o PSOE, non reciben tales ataques deslexitimadores a pesar de estar algún deles, como por caso o Partido Popular (PP), infestado de corrupción e miseria política por todas partes.

Por que non nos enganemos. O obxectivo de tales ataques e volver aos tempos do bipartito monárquico cando o sistema saído da transición española garantía a hexemonía ás forzas dominantes en España (a banca, maiormente) e o poder alternativo aos seus partidos sistémicos e monárquicos (PSOE e PP). Unha tranquilidade que, hoxe por hoxe, so pode romper PODEMOS a nivel de estado e as forzas emerxentes nas comunidades.


Equivócase Pedro Sánchez se intenta aproveitar esta situación por que a maior garantía que ten o PSOE de poder poñer en práctica, si así o desexa, as políticas progresistas que di defender e o apoio de PODEMOS e as forzas emerxentes como se demostrou na recente moción de censura.

Teño importantes diferenzas políticas coa liña que segue UNIDOS PODEMOS e o seu líder Pablo Iglesias. Non pertenzo, nin voto, a esta organización coa que, repito, teño importantes diferenzas: as súas actuacións en Galicia non cabe mais que cualificalas de nefandas para a esquerda antisistémica galega. Pero, como xa fixen outras veces, non podo calar diante de tal hostilidade e persecución a un partido democrático. Non podo calar tanto polo trato inxusto e mesquiño de que está sendo obxecto esta organización canto por que sei cales son os reais obxectivos dos seus atacantes: evitar que as políticas que se aplicaron ata agora, e que tanto dor e sufrimento están causando entre as clases populares, deixen de aplicarse. Non podo calar por que estes continuos ataques a UNIDOS PODEMOS son ataques a unha democracia como a española que, ao día de hoxe, aínda é moi deficitaria.


20190227184351





Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE