¿Cargarse a Podemos?

Manoel Barbeitos
Economista

Non son inscrito nin simpatizante de PODEMOS. Teño grandes diferenzas coa liña política (?) que segue a súa dirección en Galicia. Nembargante non me uno ao grupo dos que queren rematar con eles. Non permito que as árbores dos erros políticos de PODEMOS me impidan velo bosque que forman aqueles que queren rematar con esta forza política para así, por caso, impedir unha alianza co PSOE que obrigue a este a adoptar políticas que doutro xeito non aplicaría. Políticas que benefician claramente as clases populares de España e, xa que logo, de Galicia. Políticas que de aplicarse provocarán unha certa reversión na actual dinámica de crecente desigualdade social.


Discrepo, xa que logo, daqueles/as compañeiros/as que pensan “canto peor para PODEMOS mellor para nos”. Non, a pesares dos tremendos erros cometidos e que seguen cometendo, como por caso a súa inexplicable actitude en EN MAREA, o seu fracaso non repercutirá nin en beneficio da esquerda nin moito menos nunha maior posibilidade de cambio político en Galicia.


Entrando na análise da nova crise de PODEMOS observamos como se produce un fenómeno parecido ao sucedido con EN MAREA: ante as diferenzas as minorías non parecen ser quen de aceptar as decisións votadas e aprobadas pola maioría como marca a democracia. Si en EN MAREA a candidatura partidista ENTRE TODAS non parece quen de aceptar os contundentes resultados das eleccións internas do pasado decembro que deron unha ampla maioría a COIDANDO A CASA, candidatura liderada por Luís Villares, agora o grupo que en PODEMOS lidera Errejón non ríspeta os resultados da Asemblea de Vista Alegre que deron a maioría a Pablo Iglesias. Curiosa circunstancia: si en Madrid os afíns a Pablo Iglesias defenden, con coherencia, que se respecten os resultados das asembleas, en Galicia os mesmos, que lideran PODEMOS, non queren aceptar os resultados da votación interna en EN MAREA utilizando argumentos parecidos aos de Errejón.


Postura diverxente que pon en evidencia o nivel político dalgúns dirixentes galegos de PODEMOS. Nembargante os dous comportamentos teñen un punto común preocupante: por en cuestión os resultados democraticamente obtidos cando non favorecen os seus intereses e facelo saltándose os procedementos democráticos. En este punto Reino e Errejón, aínda que non se parecen moito, teñen politicamente mais en común do que en principio parecera: adoptar a máxima de que o fin xustifica os medios independentemente de cales sexan estes. Claro que, por outra parte, Iglesias está agora probando o xarope da súa propia medicina: si en Galicia apoiou aos que querían defenestrar, utilizando formas e medios tripeiros, ao coordinador de En Marea (Luís Villares) agora atópase con que a el estalle pasando o mesmo que a Villares: o mundo ao revés. Nembargante a resposta en cada caso está sendo moi diferente: mentres Luís Villares sempre tendeu a man a outra candidatura, aínda logo de saír claramente vencedor, Iglesias forzaría a saída de Errejon de Podemos. Pero Errejón é un rival politicamente mais poderoso e intelixente que os Reino. E, por caso Martiño Noriega non e Manuela Carmena. Velaí que o resultado final de ámbalas dúas batallas será, con toda seguridade moi diferente, aínda que ambos terán grandes custos tanto para EN MAREA como, neste caso, para PODEMOS.


Por outra parte no se debera ignorar o escenario político en que se producen ambas crises internas. Teñen lugar logo de que o PARTIDO POPULAR fora expulsado do goberno, como resultado dunha moción de censura apoiada por tódalas forzas progresistas parlamentarias, sendo substituído por un goberno de PSOE (liderado por Pedro Sánchez), e cando PODEMOS E PSOE están chegando a unha serie de acordos sobre os orzamentos. Uns acordos programáticos relevantes que, de poñerse en práctica, suporán importantes melloras para as clases populares españolas e, xa que logo, galegas. Unhas políticas (pensións, salarios, gasto público social …) que, de non ser polas presións de PODEMOS, o PSOE por si mesmo non aplicaría sen lugar a dúbidas. Estamos, xa que logo, nun novo escenario político que lle permite a PODEMOS e a EN MAREA ter un maior poder de influencia nas políticas gobernamentais (PSOE). Un dato moi a ter en conta por tódolos dirixentes de ámbalas dúas organizacións  por que, ademais, explica en parte o radicalismo e a enorme agresividade das dereitas españolas.


Ambas crises teñen tamén lugar cando nos enfrontamos de inmediato a unhas eleccións municipais que serán un test tanto para os concellos do cambio como para o crecemento a afortalamento institucional de PODEMOS e EN MAREA. Unhas eleccións que, xa que logo, as forzas antisistémicas deben afrontar mostrando aos votantes a súa cara mais xenuína. Unhas eleccións nas que deben estar EN MAREA e PODEMOS pero non enfrontados: sería un suicidio inxustificable, sería facerlle un regalo as dereitas (PP, Cs e VOX). Como sería un gran retroceso cambiar a marca de EN MAREA pola de PODEMOS, por razóns obvias: non so EN MAREA é, hoxe por hoxe, unha marca que atrae a moitos mais votantes que PODEMOS senón que ademais é un espazo político de encontro plural no que os partidos. como PODEMOS deben xogar o su papel sempre e cando respeten a indispensable autonomía de EN MAREA. Algo que non debera serlles difícil si realmente son conscientes de que so cunha ampla maioría social e política terá lugar en Galicia o cambio que todos queremos. Unha maioría que, como demostran as evidencias, precisa indispensablemente dunha organización política como EN MAREA superadora, que non sustitutora, do sistema tradicional de partidos quen xa demostrou dabondo, moi especialmente en Galicia, cales son os seus límites e insuficiencias.


Como sinala un dos seus fundadores (J.C. Monedero) PODEMOS ten, hoxe por hoxe, o grave atranco de que os seus problemas non son diferentes dos que teñen os partidos tradicionais (PP, Cs e PSOE) a pesar de naceren para combatelos. E hora xa de que recupere a súa identidade e de que, o mais importante, non se trabuque de bando. O 26 de maio ten unha oportunidade que non debera desaproveitar para non caer na trampa a cal o queren levar as dereitas e os seus altofalantes. A trampa da división cainita (PODEMOS/EN MAREA) que conduce a unha segura derrota.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE