En Marea e o goberno de Sánchez

Manoel Barbeitos
Economista

En un artigo anterior en leste mesmo medio de comunicación sinalei que, detrás do barullo informativo, en EN MAREA estaba a darse unha batalla política entre dúas estratexias claramente diferenciadas como, por caso, quedou claramente de manifesto no proceso electoral interno para a elección dos membros, tanto do Consello como da Coordinadora.


Dúas opcións explícitas nas candidaturas ‘Coidando a casa’ e ‘Entre todas’. Mentres Coidando casa –candidatura liderada por Luís Villares, actual portavoz de En Marea- defende unha EN MAREA autónoma, libre de interferencias partidarias e partidistas e na cal todos os inscritos teñan os mesmos dereitos e oportunidades, Entre todas –candidatura propiciada polos partidos políticos PODEMOS GALICIA, ESQUERDA UNIDA e ANOVA- defende unha EN MAREA na que sexan os partidos políticos quen marque a liña da organización e teñan ao mesmo tempo o control político e orgánico da mesma. Unha opción na que o poder dos inscritos vese superado e supeditado ao poder partidario. Dúas opcións perfectamente lexítimas pero que teñen efectos políticos moi distintos, como estamos a ver un día si e outro tamén na actuación parlamentaria de EN MAREA tanto no hemiciclo español como no galego.


Centrándonos no Parlamento español, resulta indiscutible que logo da vitoria da moción de censura presentada por Pedro Sánchez (PSOE), que resultou triunfante grazas ao apoio das forzas parlamentarias progresistas, abriuse en España un novo escenario político no cal EN MAREA non pode permanecer nin allea nin expectante. Tanto o carácter imprescindible do seu apoio para que a moción saíse adiante como a necesidade do novo goberno de contar con amplos apoios parlamentarios (o PSOE conta só con 85 deputados) para gobernar, colocan a EN MAREA nunha posición inmellorable para incidir na acción do novo goberno e ser quen de facer visible o seu papel de portavoz e defensora tanto dos intereses das clases populares galegas como dos dereitos do pobo galego. Unha gran oportunidade, por tanto, para demostrar un claro compromiso coa súa oferta electoral.


Os sucesivos gobernos de Mariano Rajoy (PP) deixaron como herdanza unha enorme desigualdade social, seguramente a máis elevada das últimas décadas, e tamén os maiores desequilibrios territoriais. Desigualdade que se traduciu nunha crecente diferenza entre as rendas do traballo e do capital tal que as clases populares foron as grandes damnificadas das políticas de austeridade fiscal e rebaixa salarial impostas por aqueles gobernos. Paralelamente disparáronse os desequilibrios territoriais de tal maneira que comunidades como Galicia consolidaron a súa condición de periféricas dentro do territorio español.


Neste marco cabía esperar que o grupo parlamentario de EN MAREA utilizase a súa posición de privilexio para arrincar ao goberno Sánchez medidas dirixidas tanto a reducir a desigualdade social como o desequilibrio territorial de Galicia. Demandas que, por certo, aparecían recollidas no programa con que se presentaron ás últimas eleccións xerais (“20 Ideas para o cambio que transformará Galicia”). Un programa (“como o noso compromiso e como as liñas orientadoras de acción nas Cortes”) que recolle tanto a loita pola xustiza social como pola igualdade territorial.


Unha análise do borrador dos Orzamentos 2019 evidencia que o goberno Sánchez quere introducir un indiscutible xiro social con relación aos gobernos anteriores. Un xiro que marque unha clara reversión da deterioración producida tanto no estado de benestar como no comprado laboral e que se apoia en importantes incrementos do gasto público social especialmente nas funcións de dependencia, vivenda, pensións, ensino, sanidade, emprego e familia. Intervencións que supoñerán unha mellora importante na calidade vinda das clases populares. Incrementos no gasto público social que busca garantir cunha subida progresiva dos ingresos fiscais grazas a unha maior presión fiscal sobre as rendas altas –suxeitas agora a un maior control tributario- que permitirá, ao mesmo tempo, reducir a actual e moi elevada  desigualdade fiscal: España é un dos estados europeos con maior desigualdade fiscal.


A pesar deste xiro social, os orzamentos públicos tamén presentan unha cara territorial que de ningunha maneira pode ser aceptada polos/as deputados/as de EN MAREA, pois Galicia, como comunidade, aparece claramente discriminada nos mesmos. Cunha redución nos investimentos do 19%, que supón unha cifra das máis baixas nas últimas décadas, Galicia aparece claramente discriminada, non só en relación con outras comunidades autónomas, senón tamén a si mesma si comparamos estes orzamentos cos de anos anteriores: por caso, ademais de non achegar ningún investimento novo, supoñen un gasto equivalente ao 10% do executado no ano 2009.


Estes orzamentos, como sinalaba, deberían servir para que EN MAREA, ao través do grupo parlamentario nas Cortes españolas, deixase claramente en evidencia o seu compromiso “co cambio que transformará Galicia” defendido nas eleccións xerais do 2016. Con todo, este grupo parlamentario, no que son ampla maioría os deputados que apoiaron a candidatura Entre todas, por mor do seu política seguidismo con relación a UNIDOS PODEMOS, non foi quen de presentar no seu momento unha axenda galega a negociar co goberno español, a pesar de ser esta unha demanda maioritaria en EN MAREA. Só a acción decidida e contundente do portavoz (Luís Villares), apoiado no respaldo maioritario obtido nas últimas eleccións internas, foi quen de forzar un cambio de posición en tal grupo parlamentario que, aguilloado pola iniciativa do portavoz e considerando cal é a actual correlación de forzas en EN MAREA, viuse coaccionado a cambiar a posición inicial de apoio aos Orzamentos por unha posición de ameaza de refugallo dos mesmos de non producirse unha asunción polo goberno español de parte das reivindicacións contidas na axenda galega de EN MAREA.


Desta forma os Orzamentos xerais do Estado están a ser un escenario onde ten lugar unha nova batalla política entre as dúas opcións estratéxicas que cohabitan en En Marea. A ninguén debese estrañar estas diferenzas: nun espazo político tan plural, aberto e democrático como EN MAREA, onde cohabitan persoas e colectivos con moi diferentes orixes e experiencias, resulta natural e lóxico que existan tensións políticas. Algo positivo a condición de que se respecten as formas e modos democráticos e actúese con lealdade.


Nesta liña de conduta política os parlamentarios de EN MAREA no Congreso dos Deputados deben respectar o feito de que en EN MAREA son ampla maioría os inscritos que apostan, como sucede por caso nos Orzamentos do Estado, pola irrenunciable defensa dunha axenda galega


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE