Un camiño longo, longo e cheo de pedras.

Manoel Barbeitos
Economista

Feijóo en una manifestación en 2023
Feijóo en una manifestación en 2023


 


 

Esta semana pasada o señor Alberto Núñez Feijóo puido comprobar que, en contra do que lle aseguran os seus “acompañantes”, o camiño á Moncloa pode ser un camiño longo, longo e cheo de pedras.

Na súa visita a Barcelona buscando sondar, por medio de Foment del Treball, as posibilidades de que JxCat apoiara unha moción de censura ao goberno español de quenda (PSOE/Sumar) atopouse con que, a pesares das moitas coincidencias ideolóxicas, este sector do soberanismo catalán non pode, hoxe por hoxe, cambiar de alianzas por varias razóns. A primeira, non importa a orde, que a presencia de Vox pecha calquera posibilidade por que o seu electorado non o aceptaría. A segunda que JxCat ve como o seu espazo se vai restrinxindo en Cataluña por mor de que Aliança Catalana lle está comendo terreo de xeito acelerado, avance que sería maior no caso de aliarse con PP e Vox para unha moción de censura. E a terceira que, hoxe por hoxe, a JxCat ten moito máis que ofrecerlle Pedro Sánchez que Núñez Feijóo quen, el e a súa equipa, polas súas maneiras e xeitos de facer política, fan difíciles os acordos con outras forzas agás Vox.

 

A manifestación convocada en Madrid contra o goberno de quenda, dada a cativa asistencia (40.000 segundo a Delegación do Goberno), que a pantomima de trasladala de Colón ao Templo de Debod non foi quen de ocultar, puxo en evidencia que esta estratexia de confrontación directa e mobilización permanente (van 7 dende 2023) cansa ao seu electorado e non parece producir réditos políticos pois só mobiliza ao sector máis belixerante das dereitas. Non parece producir réditos políticos ademais porque coas súas arengas e insultos antinacionalistas nas mesmas, tanto estraga os seus intentos de chegar acordos con JxCat como fai medrar os apoios a Vox. Un Vox que parece lanzado a disputarlle o liderado das dereitas, algo que ao señor Alberto Núñez Feijóo non lle debera sorprender. Unha disputa que se ve alimentada pola febleza política e intelectual deste -o seu liderado fúndese mes a mes, mesmo entre os seus propios votantes-.

 

Por outra parte presentarse como un partido (PP) abandeirado contra a corrupción cando os casos que lle afectan directamente non cesan -aí temos o que está sucedendo agora nas comunidades autónomas de Valencia (o caso da DANA), Castela-León (a trama eólica), Andalucía (o caso das máscaras) e Madrid (o caso dos concertos na sanidade e nas residencias de maiores públicas)- resulta no mellor dos casos, vergoñento.

 

Finalmente a súa aposta extremista estalle supondo que no Pais Vasco (2 deputados nas Cortes Xerais) e en Cataluña (6 deputados nas Cortes Xerais) a súa presencia política sexa a dunha forza minoritaria. Cabe pensar que se pode gobernar en España nestas condicións?

 

Por razóns como as citadas, parecera que o camiño do señor Alberto Núñez Feijóo cara conseguir que se celebren unhas novas eleccións xerais que o leven a ansiada Moncloa, dependera moito máis da estabilidade e continuidade da actual maioría de progreso que das súas presións e iniciativas. Unha maioría á que os nervios de JxCat, pola súa decadencia en Cataluña, sumados á inquiña de Podemos con Sumar sitúan nun difícil equilibrio pero que, a pesar diso, mantense dende 2018. Mantense por que esa maioría parlamentar sabe que é moito o que poden (podemos) perder.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE