Obreiros portugueses en Galicia: “unha vulneración de dereitos que roza á escravitude”

En declaracións a Galicia Press, o Secretario Nacional da Federación da Construción e a Madeira pola CIG, Plácido Valencia, debulla a precariedade laboral na que viven moitos traballadores da construción, tanto portugueses como galegos. 


|

En declaracións a Galicia Press, o secretario nacional da Federación da Construción e a Madeira da CIG, Plácido Valencia, debulla a precariedade laboral na que viven moitos traballadores da construción, tanto portugueses como galegos. 



Padornelo tunel ave

Obras na constucción do AVE


A longa e interminable liña de AVE que unirá Galicia con Madrid seguirá sen finalizarse ata, polo menos, 2020, tal e como explicou a pasada semana José Luís Ábalos ministro de Fomento. Diariamente son centos de obreiros os que traballan nas faraónicas obras que conectarán a capital do Estado con Galicia por medio da alta velocidade. Un bo número deses operarios ten que cruzar diariamente a fronteira, xa que a man de obra lusa está moi presente na construción galega. Unha man de obra que, aínda que percibe un soldo mellor que o que recibiría en Portugal, vese sometida diariamente á explotación laboral das empresas que buscan sacar máis beneficio recortando os dereitos dos traballadores.


Plácido Valencia, é a persoa responsable da ‘Campaña polos Traballadores Transfronteirizos’. O sindicato está moi concienciado sobre esta situación que cualifican de “unha vulneración de dereitos que roza á escravitude”. “Lamentablemente estes casos na construción danse sobre todo en obras do Estado, como a construción do AVE”, afirma Valencia, xa que son as empresas subcontratadas as que someten aos traballadores a estas condicións, amparadas pola permisividade e desinterese das administracións públicas. Doutra banda, tamén advirte de que aínda que el só pode falar polo seu sector, é dabondo coñecido que empresas do téxtil ou a automoción utilizan os mesmos métodos.


Durante a reunión que mantiveron o pasado 26 de setembro en Verín a CIG e o sindicato portugués CGTP-IN, os cales asinaron un convenio de colaboración en febreiro deste ano, Valencia expuxo na súa intervención como as empresas pactan un salario por horas cos traballadores e obríganlles a asinar un contrato no que se estipula que a súa xornada é de 8 horas, cando en realidade esa xornada pode ser mesmo de 20 horas. “Traballan horas de forma reiterada para poder alcanzar o soldo acordado, xa que con salarios de 4 euros a hora, como se deu nalgúns casos, non se pode gañar o diñeiro que deben gañar traballando só 8 horas ao día”, afirma Valencia.


Pero estas condicións non se limitan ao lugar de traballo. Valencia advirte que moitos traballadores son obrigados a residir hacinados en pisos con outros compañeiros, baixo a supervisión dun superior, o que lles impide denunciar a súa situación. Tamén declara que en moitos casos son os supervisores os que controlan a nómina que perciben os obreiros e que lles desconta o transporte ou a gasolina do seu soldo. Tampouco teñen vacacións e á hora de acceder a prestacións, como o paro ou as pensións, os traballadores enfróntanse a moitas dificultades ao non poder presentar a documentación que lle requiren desde as administracións portuguesas.


ACCIDENTES LABORAIS

No relativo aos accidentes laborais na construción do AVE, Valencia confirma que só ten constancia dun traballador portugués que sufrise lesións, pero precisa que é un dato irreal, xa que “non hai forma de saber cantos traballadores viven nestas condicións laborais porque non existen rexistros fiables”. Con todo, desde a CIG mostran a súa preocupación polo alto número de mortes rexistradas na construción do AVE nos últimos anos, algo que Valencia achaca ás condicións precarias nas que traballan. “Cando prolongas a túa xornada laboral durante horas e horas, a fatiga termina sendo un risco para ti e para os teus compañeiros, o que provoca os accidentes laborais”, alerta.


Para loitar contra estas empresas, Valencia admite que é difícil actuar contra elas porque “utilizan direccións ficticias, polo que cando chegas á sede da empresa ves que alí non hai ninguén, é algo que vimos en varias empresas en Tui”. Doutra banda, recalca que moitos traballadores afectados non poden buscar axuda xa que se atopan baixo o xugo da empresa ou do supervisor, polo que sen o seu tesmtimonio a loita dos sindicatos perde forza.



relacionada Portugueses traballando a "4 euros a hora" nas obras públicas galegas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE