33.000 menores chamados polo SERGAS a unha vacinación extraordinaria contra a gripe
Nños e nenas de entre 6 meses e 11 anos están citados nos 14 hospitais públicos da comunidade.
A Consellería de Sanidade activará este fin de semana unha convocatoria extraordinaria para inmunizar contra a gripe a máis de 33.000 nenos e nenas de entre 6 meses e 11 anos nos 14 hospitais públicos da comunidade.
Así o anunciou este mércores o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante un acto oficial en Pontevedra. Segundo detallou os hospitais comarcais administrarán as vacinas o venres, de 16.00 a 20.00 horas. O resto de centros hospitalarios ofrecerán o mesmo horario o venres e ampliarán a campaña ao sábado, con dúas quendas: de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés están citados 2.100 menores.
O conselleiro instou as familias a participar nesta convocatoria extraordinaria, subliñando que a vacinación é "a mellor protección fronte á gripe". Ademais, lembrou que Galicia ten activado desde mediados de novembro o Plan de Inverno, deseñado para anticipar e xestionar os incrementos de demanda asistencial propios da tempada gripal.
Gómez Caamaño reiterou o seu chamamento á cidadanía para que se vacine tanto fronte á gripe como fronte á covid. Até o momento, 720.000 persoas recibiron a vacina antigripal, máis do 67% delas maiores de 65 anos. Tamén se inmunizó cerca do 60% do persoal sanitario e case o 47% dos menores de até 11 anos.
Desde o inicio da campaña notificáronse máis de 1.050 ingresos hospitalarios relacionados coa gripe, maioritariamente de tipo A. Para conter estes datos, o Sergas levou a cabo o pasado fin de semana unha campaña extraordinaria dirixida a persoas de entre 60 e 69 anos, á que acudiron 6.500 usuarios, elevando a cobertura en maiores de 60 anos até case o 57%.
Caamaño recalcou que "a Atención primaria é importante durante todo o ano, pero adquire especial relevancia neste período de inverno", pola maior incidencia que existe de infeccións respiratorias que "sobrecargan estes servizos".
CENTRO DE SAÚDE DA PARDA
Durante a súa visita a Pontevedra, o conselleiro comprobou o resultado da reforma integral da cuberta do centro de saúde da Parda, unha actuación na que a Xunta investiu 95.000 euros.
Esta intervención súmase a outras melloras realizadas nos últimos anos, valoradas en máis de 191.000 euros, entre elas a renovación do sistema de climatización e diversas actuacións para incrementar a eficiencia enerxética do edificio.
Segundo manifestou o conselleiro, o obxectivo destas reformas é dobre "por unha banda, a mellora a calidade asistencial e por outra, mellorar tamén os espazos onde os profesionais sanitarios exercen o seu traballo".
Escribe o teu comentario