(Des)facer país

Manoel Barbeitos
Economista


“Volvería a facer o mesmo” (A. Núñez Feijoo)


Un pais solvente precisa de contar cun sistema bancario sólido e competente no que haxa unha matriz pública, ou cando menos social, relevante. Un país para medrar de xeito estable e prolongado necesita que tanto as administracións públicas, como as familias e as pequenas e medianas empresas teñan un fácil e doado acceso ao crédito para así consumir e investir. En definitiva un pais forte require de institucións que absorban o aforro e o canalicen deica aqueles axentes que precisan de financiamento alleo. Pero a grande crise financeira última puxo en evidencia que non se debe deixar esta función en exclusiva a banca privada dándolle total liberdade. Facelo é asumir un enorme risco pois rematan esquecendo a súa auténtica función económica dedicándose a especulación e a financiar de xeito pouco responsable actividades non produtivas. Comportamento que carrexa as consecuencias catastróficas de sobras coñecidas.


Galicia durante décadas tivo un sistema bancario relativamente solvente e estable. A presenza neste sistema dunhas Caixas de Aforros (Caixanova e Caixa Galicia) que ocupaban unha posición dominante no mercado bancario galego daba fe de que este país tiña unha base bancaria propia importante en condicións tanto de recoller e protexer o aforro dos/as galegos/as como de canalizalo deica aqueles sectores que precisaban de financiamento alleo para realizala súa actividade.


Pero iso con ser importante non era suficiente, tal como se puido comprobar. Galicia precisaba de que os poderes públicos (neste caso Xunta de Galicia e Banco de España) tiveran cumprido coas súas responsabilidades na vixilancia e control do sistema bancario galego (Art.30.1 Estatuto de Autonomía de Galicia). Obrigas que ningunha das partes cumpriron pois non foron quen de entearse do nivel de insolvencia financeira en que caeran esas entidades por mor do elevado número de operacións de alto risco nas que uns directivos, demasiado ambiciosos e tamén moi incompetentes, as tiñan embarcado –por caso FADESA…-. Insolvencia, derivada dun elevadísimo apalancamento tal que se fixo urxente o seu saneamento e reestruturación. Saneamento que lle custaría as arcas públicas mais de 9.000 millóns de euros amais dunha perda elevada de empregos (>30%) e oficinas (>35%) tal que a entidade quedou practicamente reducida a metade polo valor dos seus activos. Reestruturación que provocaría que o capital galego practicamente desaparecera como propietario das entidades de depósito dominantes en Galicia.


Pero houbo outras consecuencias, a mais relevante está sendo a crecente intensidade na restrición no volume de crédito as familias e aos sectores produtivos básicos galegos –pemes e comercio polo miúdo-. Unha redución que practicamente rebaixou o crédito a metade (50%). Unha redución do crédito que, sen dúbidas, frea as necesarias recuperación económica e creación de emprego. Situación que xustifica quese pidan responsabilidades políticas.


Responsabilidades políticas, que seguen pendentes, sobre como tivo lugar o proceso de reestruturación das caixas galegas. Responsabilidades en relación as consecuencias derivadas de tales irresponsables actuacións. Por caso, senón houbo auditoría, a pregunta xurde por si mesma: que criterios se seguiron para apoiar unha fusión das caixas que levaría a unha reestruturación que remataría nunha posterior venda ao capital privado (un holding financeiro venezolano: BANESCO)?, por que a Xunta de Galicia foi quen de asegurar, contra tódalas evidencias que tal operación amais de solvente garantía a galeguidade da entidade resultante?, que obxectivos se perseguían avalando a súa práctica desaparición como caixas de aforros, entidades de carácter público e social, para pasar a converterse nunha entidade privada?, estivo xustificado o emprego de recursos públicos por valor de 9.000 millóns de euros no chamado rescate?, que criterios se adoptaron para permitir que o patrimonio financeiro e social das caixas pasara a mans privadas?. E o que agora resulta mais relevante: que pasou logo desta desfeita das caixas no mercado monetario de Galicia?, que garantías existen na actualidade de que o aforro dos/as galegos/as queda en Galiza e non emigra?, que garantías, asemade, hai de que ese aforro se destina a financialo consumo, a actividade produtiva e comercial dos axentes galegos que precisan financiamento?, que garantías hai de que a nova entidade non se centre mais nas vellas prácticas bancarias que na de ver de facilitar o necesario fluxo de crédito?.


A resposta é moi sinxela: nas actuais circunstancias de práctica desaparición de capital galego no negocio bancario, dadas as características das entidades resultantes  e no marco da liberalización financeira e o segredo bancario non hai garantía ningunha. De feito si hai unha crecente certeza de que o aforro dos/as galegos/as non ten como destino preferente o anteriormente subliñado. Por caso non hai unha relación directa entre a nova realidade do sistema bancario galego e a fortísima caída do investimento privado (50% na última década) en Galicia?. Por caso os datos que recollen a actividade do sistema bancario galego logo da súa reconversión non reflicten unha caída espectacular dos créditos superior ao 5% anual?.


Anuncio fusión de las cajas gallegas


Galicia non conta hoxe, como si contaba fai décadas, cun sistema bancario autóctono, unha cuestión de vital importancia para o desenvolvemento económico e, xa que logo, social de Galicia. Un sistema bancario que colabore ao crecemento económico, a creación de emprego e, en definitiva, a crear riqueza no propio país. E non conta con elo por que a clase política gobernante (PP) non ten o concepto de Galicia como país, non contribúe a crear país senón que, polo contrario, está contribuíndo a (des)facer país como, por caso, desfixo o sistema bancario galego.  





Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE