Banesco estivo supervisado tres anos en Estados Unidos por branqueo de capitais
A intervención de Banesco Venezuela non é a primeira nin a segunda vez que un Estado toma medidas contra o grupo de Abanca de actividades relacionadas co branqueo. O ano pasado Panamá multou ao grupo por violar as leis de prevención de lavado de capitais. Xa anteriormente, a filial de Florida tivo que operar durante tres anos baixo supervisión especial por precisamente o mesmo.
A intervención de Banesco Venezuela non é a primeira nin a segunda vez que un Estado toma medidas contra o grupo de Abanca de actividades relacionadas co branqueo. O ano pasado Panamá multou ao grupo por violar as leis de prevención de lavado de capitais. Xa anteriormente, a filial de Florida tivo que operar durante tres anos baixo supervisión especial por precisamente o mesmo.
Sede de Banesco en Coral Gables, Florida, nunha imaxe de Google
Así, o regulador de Estados Unidos, a Federal Deposit Insurance Corporation (FDIC), asinou en 2013 unha orde de consentimento con Banesco USA pola que o banco tivo que mellorar -baixo a inspección pública- as deficiencias detectadas no cumprimento da Bank Security Act (BSA) - a lei de EE.UU. contra o lavado de diñeiro.
A FDIC nunca publicou que irregularidades detectara para forzar a supervisión. En todo caso, a prensa local fíxose eco de que o caso fora tan grave como para forzar a marcha do CEO, Rafael Saldaña, a pesar dos bos resultados de Banesco USA.
Banesco USA -controlado por Juan Carlos Escotet, principal accionista de Abanca- asegurou que ningún dos seus clientes fora perseguido por branqueo, pois só se trataba dun problema de procedemento produto do rápido crecemento da entidade. O certo é que, non foi ata tres anos despois, en 2016, que a filial puido librarse da supervisión pública. Para evitar máis problemas deste tipo, o grupo vén organizando reunións en Florida sobre cumprimento da lexislación contra o branqueo, nas que tamén participan directivos de Abanca.
ABANCA, ILLADA SOCIETARIAMENTE DOUTROS INVESTIMENTOS
Estes problemas en Florida producíronse ao mesmo tempo que Banesco gañaba a poxa do FROB para facerse con Abanca, en 2013. Con todo, non tiveron repercusións en España, entre outros factores porque Escotet mantén a súa estrutura financeira en Europa formalmente illada, en sociedades diferentes dos seus investimentos en Florida, Venezuela, Panamá ou República Dominicana. Abanca colga dunha compañía antes chamada Banesco Holding Financeiro 2 e agora rebautizada como Abanca Holding Financiero.
Esta separación formal de negocios tamén pode ser clave para que a crise venezolana non se contaxie directamente a Galicia. Unha das primeiras cousas que dixo Escotet é que o banco venezolano só supoñía un 1% do grupo, a pesar de ser a orixe da súa fortuna.
POLO MENOS UN GALEGO ENTRE Os DETIDOS
As repercusións indirectas son xa evidentes. Escotet abandonou inmediatamente a presidencia de Abanca e continúa en Caracas tentado liberar aos 11 directivos detidos en Venezuela. Detidos que, segundo medios venezolanos opositores, sufriron malos tratos e ameazas.
Polo menos un deles, o presidente de Banesco Venezuela, Óscar Doval, ten raíces galegas, en Celanova. Doval, é un dos dous detidos con nacionalidade española. Doval mantén por agora o cargo de vicepresidente en varios dos holdings que Escotet ten domiciliados en Madrid, como Banesco Holding Latinoamerica e Banesco Holding Financeiro SL.
Escribe o teu comentario