O exercicio político que vén de comezar parece anunciar que a liorta que se manifestou nos últimos tramos do exercicio pasado entre as dereitas españolas (PP e Vox) non só non vai desaparecer, senón que parece querer coller maior intensidade e virulencia. Unha liorta da que o principal beneficiario parece ser o goberno de quenda (PSOE/Sumar) e moi especialmente o partido maioritario (PSOE). No lado contrario, o máis prexudicado resulta ser o PP, porque “o orixinal é sempre mellor que a copia”.
A afirmación anterior vén á conta de que todo indica que a liorta terá lugar no terreo da extrema dereita (Vox) dado que a dereita liberal conservadora (PP) tenta apropiar tanto de moitos dos seus postulados -mesmo os racistas e xenófobos- como dos seus modos e formas de facer política de oposición.
Empezando por estes últimos é fácil ver como desde hai algún tempo o Partido Popular tomou a decisión de incorporar ao debate político as formas máis groseiras da linguaxe política e así podemos ver coma se, por parte de Vox, o señor (Santiago) Abascal amplía o seu repertorio de insultos ao señor (Pedro) Sánchez -"eu creo que á fronte do poder en España hai un psicópata que non ten ningún limite moral"-, no PP non queren quedar atrás e por boca de (Miguel) Tellado acusan a (Pedro) Sánchez "de ser un presidente á fuga que non está á altura do posto que ocupa". Todo indica que na actual dirección do Partido Popular (PP) tomaron a decisión estratéxica de disputarlle a Vox o protagonismo en todos os terreos, mesmo na lameira dos insultos e os ataques persoais.
Unha disputa que tamén se traslada ao escenario político onde o Partido Popular (PP) tenta arrebatarlle a Vox bandeiras como a loita contra a inmigración, a defensa do goberno israelí e a súa política genocida en Gaza, a descualificación dos partidos nacionalistas, o non dos dereitos a colectivos marxinados... E así vemos como PP e Vox únense no Congreso para propor medias contra a regularización dos inmigrantes e como a señora (Isabel) Ayuso ordena, co beneplácito de Vox, retirar bandeiras palestinas dos colexios á vez que o seu partido (PP) négase a recoñecer que en Gaza estamos diante dun xenocidio. Igualmente, ambos os partidos oponse tanto á condonación parcial da débeda das autonomías como á reforma do financiamento autonómico e/ou as reformas laborais modernas e avanzadas. Un aparente “camiñar xuntos” que en realidade esconde unha competencia por liderar a oposición ao goberno español, pero desde postulados cada vez máis extremistas, máis de extrema dereita.
Estratexia que parece, por parte do Partido Popular (PP), querer recuperar aquela vella idea de (Manuel) Fraga da maioría natural (1982-1989) que buscaba articular a dereita (liberal, conservadora, democristiá, neofranquista) ao redor dunha soa candidatura para así gañar as eleccións. Estratexia que, como sabemos, finalizou nun rotundo fracaso, pois aínda que conseguiu fundir á UCD, tamén colaborou a longa permanencia do PSOE no goberno.
Todo indica que a Vox non lle vai a pasar o que á UCD, mesmo pode suceder o mesmo que outros Estados europeos de nosa contorna onde a extrema dereita superou á dereita liberal conservadora ("entre o orixinal e a copia a xente prefire o orixinal"), pero coa diferenza de que en España o goberno de progreso (PSOE/Sumar) pode verse favorecido por esta deriva totalitaria das dereitas. Outra cousa é o futuro do señor (Alberto) Núñez Feijóo na política española: será o mesmo que o de Fraga?
Escribe o teu comentario