A presente lexislatura española está deixándonos varias novidades a destacar. Unha delas a confirmación do particular concepto de democracia que teñen non poucos partidos, maxistrados, medios e tamén cidadáns, maiormente entre as dereitas, algo sobre o que xa teño escrito (https://gal.galiciapress.es/artigo/opinion/2024-11-22/5081125-unhas-dereitas-as-manca-finezza). Outra é a de que en contra do que subliñan aqueles e outros, mesmo situados nas esquerdas, un parlamento plural e sen maiorías claras ten as súas vantaxes dende unha perspectiva xenuinamente democrática. Unha non menor é a de que ao longo dunha lexislatura todos os partidos rematan por “retratarse”, por deixar en evidencia diante da cidadanía os intereses que realmente defenden o que democraticamente resulta moi esclarecedor e positivo.
Recentemente tivemos unha nova experiencia neste sentido con motivo dun decreto levado ao parlamento polo goberno español de quenda (PSOE/Sumar). Un decreto (decreto ómnibus) que finalmente, e a pesares dun percorrido algo accidentado, vai ser finalmente aprobado por unha amplísima maioría parlamentaria se se confirman as intencións expresadas polos diferentes grupos políticos.
Un percorrido algo accidentado pero do que convén subliñar algúns aspectos que están sendo desvirtuados por razóns de partidismo político e mediático. Empezando por subliñar que o decreto que finalmente se someterá a aprobación contén en esencia todo o paquete social inicial e para confirmalo basta con comparar os dous textos que apareceron no B.O.E. En segundo lugar compre darlle ao protagonismo de JxCat a dimensión que lle corresponde que é moito menor da que tanto os propios como as dereitas extremas (PP/Vox), por razóns diferentes, lle queren dar. A aritmética parlamentaria non pode ocultar as evidencias de que fóra dos gobernos da Generalitat e do concello de Barcelona, cunha perda moi relevante de apoio social en Catalunya (o seu terreo natural), amarrados a unha figura política en claro declive (Puigdemont) e cada vez máis desprestixiada, sen dirixentes parlamentarios de nivel como os que tivo noutra época (ubi es Miquel Roca Junyent?) e coa ameaza de que se as dereitas extremas chegan ao goberno español a amnistía pode quedar en nada, a marxe de manobra política de JxCat é moi cativa, máis mediática que real. Finalmente neste percorrido polo devir do decreto volveu a quedar en evidencia a actual inconsistencia política e intelectual dos dirixentes do Partido Popular capaces nunha semana de dicir diego onde antes dixeran digo. A pesar do barullo montado, e atendendo as noticias periodísticas que nos chegan, Alberto Núñez Feijoo recúa e o grupo parlamentario do PP votará si a un decreto cuxo contido social apenas varía do que foi tumbado polo seu voto en contra xunto con Vox e JxCat. Alberto Nuñez Feijoo segue sen querer ser presidente.
Porque de darse este resultado estariamos diante dun novo triunfo do goberno español que preside Pedro Sánchez. Un triunfo que quen máis o agradecerán serán os colectivos beneficiados por tal decreto: os pensionistas, os usuarios do transporte público, os damnificados pola DINA e o volcán da Palma, os ameazados de desafiuzamento, os cidadáns con menores ingresos e rendas máis baixas, os traballadores con peores salarios. que hoxe teñen motivos para estar máis contentos que onte. Un resultado que non sería posible sen o activo papel tanto dos partidos que solen apoiar ao goberno de quenda (PNV, Bildu, ERC, Compromis, BNG, Podemos...) como das centrais sindicais maioritarias (UGT, CCOO). En definitiva a maioría socio-política que no Parlamento español e na sociedade vén turrando deste goberno dende o 2018.
Escribe o teu comentario