"Todos somos ignorantes,
pero non todos ignoramos as mesmas cousas"
"Empeza por B: pertencente ou relativo á antiga cidade de Bizancio ou ao seu imperio", "Empeza por E: barco de vela, pequeno e lixeiro que serve de explorador a unha embarcación máis grande", "Empeza por Ou: provincia española á que pertencen os municipios de Verín e Ribadavia", "Empeza por V: nome do sistema de cine sonoro creado na década de 1920, que se empregou na película 'O cantor de jazz'"... Estas son algunhas das 25 preguntas ás que Rosa Rodríguez deu resposta o pasado xoves para levar a casa os 2.716.000 euros do bote de Pasapalabra. Trátase do maior premio da historia do programa en España, conseguido por unha muller de 32 anos nacida en Arxentina pero residente en Oleiros e que, desde a súa emisión, viuse sometida ao descrédito dos espectadores, analistas e críticos de televisión que cren que detrás desa fazaña hai un plan maquiavélico para facernos crer que Rosa é máis lista do que realmente é.
"Hanllo chivado", "Aquí hai tongo", "Querían entregar o bote xa e que deixase de crecer" ou "Iso non o pode saber ninguén" son as conclusións ás que chegaron moitos despois de que Rosa fixese un pleno nas súas respostas. Á xente rénxea o feito de que Rosa soubese que pola M comezase o apelido do xogador de fútbol americano que, en 1968, foi elixido xogador máis valioso da NFL pola axencia AP. Un tal Morrall. Non o respondeu con acento de Kansas nin pronuncia exquisita, talvez froito dos nervios ou que o apelido das tres veces gañador da Super Bowl non é moi común na Coruña. O que ao gran público sorprendeulle en realidade, sospeito, é que dese a resposta correcta, precisamente, cunha pregunta sobre fútbol americano.
Co do xoves pasado, Rosa enfrontouse ao rosco un total de 307 veces. Non presumo de ver os máis de 300 programas nin de lembrar nin unha soa das definicións que respondeu afirmativamente nese tempo. Supoñamos que neses 306 programas anteriores nos que non completou o rosco de 25 letras fallou ou deixou sen responder unhas tres ou catro palabras de media por rosco. Imos ser estritos e pensar que conseguía unhas 21 letras en verde por programa. Iso fai un total de 6.426 respostas correctas. 6.426 veces nas que non se cuestionou o acerto ou a sapiencia de Rosa. 6.426 ocasións nas que soubo que empeza pola N a capital de Myanmar, que contén a H o título da terceira novela de Carmen Martín Gaite, que empeza por L o apelido do descubridor dos grupos sanguíneos ou que empeza por Q o título do álbum de estudo a banda The Who publicado en 1973. As respuestan son Naipyidó, 'Retahíla', Landsteiner e 'Quadrophenia'.
Non podo evitar pensar que ninguén discutiría a memoria privilexiada de Rosa se a pregunta final que lle daba acceso ao bote fose algo así como: "Empeza por T: nome dunha variante da torta de mazá na que as mazás foron caramelizadas en manteiga e azucre antes de incorporar a masa". Porque Tatin é a resposta. Porque é unha receita. Porque como non vai saber iso unha muller. Pero, de deportes? Unha tía? E dun deporte minoritario e tan masculino como o fútbol americano? Un deporte que en España, máis aló de catro gatos, só vemos uns poucos unha vez ao ano crendo entendelo pero o único que de verdade controlamos dese espectáculo é a letra da canción de Bad Bunny ao descanso do susodito partido? Unha tía? De verdade? Esta tía, que nin sequera ten lentes? Estráñame, araña.
Resultaríalles igual de singular aos escépticos se Rosa soubese que Gary Player foi o primeiro xogador non estadounidense en gañar o Masters de Augusta, que Secretariat foi o cabalo gañador da Tripla Coroa e o que estableceu os records de velocidade no Derby de Kentucky, o Preakness Stakes e o Belmont Stakes, ou que ao xogador de hockey Wayne Gretzky alcumábano 'The Great One'. "Porque as tías saben de cociñar, de bolsos e de gastar". Porque estamos en 2026, pero hai cousas que nunca cambian. Aínda que Rosa, máis que probablemente, soubese a resposta a todas esas preguntas.
Como adiviñarán, resúltame imposible non ver un punto de machismo en todos os que cren que Rosa non podía saber esa resposta de ningunha outra forma que non fose mediante as trampas. Unha persoa que dedicou os últimos meses da súa vida a reler dicionarios, a anotar todas as palabras estrañas da enciclopedia, a contar cunha listaxe de ríos e montes de Sudamérica, a coñecer de memoria todos e cada un dos gañadores do Balón de Ouro desde a súa creación ou a enumerar alfabeticamente o nome das películas de Kurosawa. O arquivo de Rosa debe de ser enorme. Case tan grande como o ego dos que cren que eles poderían habelo feito mellor ou que "ninguén pode saber iso". Pola sinxela razón de que eles, até ese momento, non ouviran falar de Earl Morrall como a maioría de mortais.
Rosa, como Manu, o seu rival, ben se merece eses 2,7 millóns de euros ou o que quede tras impostos. Segue sendo unha cantidade baixa para celebrar o nivel de cultura demostrado e que tanto deberiamos admirar así como recompensar o coñecemento e o esforzo que demostrou a galega en todo este tempo e que, algúns, pretenden ensombrecer cun arquear de cellas e unha mueca sexista que non deixa de ser máis que unha forma de celos sobre aquel que sabe o que un mesmo descoñece, a mesma cara que puña o matón da clase cando o alumno máis aplicado sabía a resposta á pregunta do mestre.
Non acudirei a un dicionario corrente, senón a un que só garda verdades e definicións precisas, como o Verbolario de Rodrigo Cortés, para concretar a todo eses descridos. Empeza por E: "Fluxo escuro de admiración". A palabra é Envexa. Seguro que Rosa a soubo, créano ou non.
Escribe o teu comentario