Jacobo Porteiro, candidato a reitor da UVigo: "Hai que abandonar o modelo de negociar titulacións en Santiago"

A pesar de ser un dos homes de peso no primeiro mandato de Reigosa, Jacobo Porteiro deu un paso ao carón na segunda etapa do actual reitor ao considerar que había moitos aspectos que necesitaban dunha profunda modernización na UVigo. Con ese empeño o catedrático preséntase ás eleccións na candidatura de CONS3NSO e atende a Galiciapress para debullar as liñas mestras do seu proxecto, onde busca "humanizar" os campus, dar alternativas de vivenda nas tres cidades e propor cambios de calado, como o método para a implantación de novos graos e máster na universidade. 


|

Jacobo Porteiro UVigo
Jacobo Porteiro

 

Xa metidos en fariña despois de moito tempo esperando á campaña e preparando este momento. Como chegas a esta recta decisiva para as eleccións?

Moi ilusionado e con moitas ganas de seguir dando a coñecer o proxecto, con moita ilusión. Tamén sinto moi apoiado pola xente coa que falo, coa xente coa que estou a ter as exposicións en público e demais e, por tanto, chego a este momento realmente ilusionado.

 

Unha das liñas mestras do teu programa é “a modernización útil e ao servizo das persoas”. Está a confección do equipo pensada nese preciso obxectivo?

Totalmente. Cando un empeza a confeccionar o seu equipo,o que ten que ter moi claro é que é o que quere facer, onde quere levar a universidade e como queremos ilusionar a toda a comunidade. E unha parte importantísima dun reitorado é o equipo de goberno. Dediqueille moitísimo tempo a conseguir que estivese ao meu lado xente que eu xa coñecía de etapas previas de xestión, que sabía que compartían os valores e os obxectivos do proxecto e que, xunto a eles, tivésemos a enerxía suficiente para levalo adiante.

 

 

As eleccións na USC foron a antesala deste proceso no que se atopa Vigo e saíu elixida Rosa Crujeiras, sendo a primeira muller reitora nunha universidade galega. A cuestión de xénero sairá seguro de forma recorrente durante toda a campaña, pero no que incidides todas as candidaturas é en que isto non é unha cuestión de cotas. De feito, no teu equipo hai equidad na repartición de cargos.

Eu o que teño clarísimo é que o que temos que escoller todos xuntos é o proxecto máis ilusionante, o mellor proxecto para a Universidade de Vigo, e todos queremos e temos a esperanza de que saibamos escoller como universidade o mellor rumbo cara ao futuro. E se cuadra que se escolle a unha muller reitora, será porque ese proxecto é o escollido por todos nós, e oxalá sexa así e sexa o mellor proxecto que teñamos que escoller. 

 

Foto: CONS3NSO 

 

Por tanto, o xénero é innegable que é un factor, pero neste caso propoño o meu proxecto. Hai dúas candidatas mulleres que propoñen outros proxectos diferentes ao meu e teño a convicción total de que, si son escollido, será polo proxecto e polo equipo, e si non son escollido, tamén o será. Que o xénero non vai ter un factor decisivo no rumbo que tomemos, porque entendo que non debe ser así. Non estamos a falar de quendas ou de cotas, estamos a falar de escoller o mellor proxecto para a Universidade de Vigo.

 

Estes días estás a facer especial fincapé nunha cuestión que é a “modernización”. Sobre a túa saída do equipo de Reigosa explicabas que se debía a “correccións estruturais” que entendiades necesarias. Percibes que quedou atrás a UVigo durante o mandato de Reigosa?

Os segundos mandatos sempre son complicados. O primeiro mandato estivo moi marcado pola COVID, tivemos que sacar adiante o primeiro mandato de Reigosa e fixéronse cousas moi ben para que a universidade mantivese a actividade durante a pandemia. No segundo mandato todos esperabamos que se fixesen reformas profundas que a Universidade de Vigo necesita internamente, tamén na súa relación coa sociedade, e creo que aí si que se perdeu un pouco de pulso e, realmente, se cadra quedou un pouquiño curto. 

 

Por exemplo, en temas que temos agora mesmo de certa perda de ambiente dentro da universidade, un colectivo como é o do PTGAS que está un pouco canso, afogado...temos que facer reformas estruturais na forma de traballar internamente. Si que diría que se perdeu parte de fol neste segundo mandato e nós o que queremos é revitalizalo, reimaginar a Universidade de Vigo, ilusionar á nosa comunidade e saír cara a adiante cunha universidade máis forte.

 

 

"CON MEDICAMENTO TEMOS QUE SEGUIR AMBICIONANDO UNHA TITULACIÓN PROPIA"

Xa levas moitas semanas confirmado como futurible para ser o próximo reitor da UVigo. Neste tempo imaxino que se achegaron moitas persoas a conversar sobre a universidade. Nese proceso de escoita, descubriches algunha problemática que non tiñas no programa e que incorporaches ao sentila recorrente por parte da comunidade?

Levamos moitos meses traballando no proxecto e xa tiñamos as urxencias identificadas. Si que é certo que cando fas este labor de candidatura previa até facer público o proxecto vas incorporando certas inquietudes que, cando visitas os centros e as facultades, vasche dando conta de que hai certas necesidades moi específicas que só coñecen quen viven dentro desas facultades e que son urxentes de abordar. 

 

Estamos a falar de temas de infraestruturas, estamos a falar de temas de coordinación, de relación do centro co goberno da universidade... Todas esas cousas que van saíndo desas reunións. Valas incorporando ao programa e tamén, dalgunha forma, vasche formando como candidato. Porque, queiras que non, un ten a experiencia pola miña traxectoria universitaria, pois teño unha longa experiencia, pero sempre fáltanche información, coñecemento... Teño un grupo moi plural ao meu ao redor, pero segue sendo moi interesante escoitar a todo o mundo para realmente coñecer toda a complexidade que temos dentro da Universidade de Vigo.

 

Cando falamos o pasado outono o acordo por Medicamento non se pechou. Por aquel entón defendías que o ideal sería unha titulación compartida. Que valoración fas do acordo?

Lémbroo perfectamente. Si, agora temos asinado xa un convenio de descentralización e os próximos tres anos temos que esperar a que se cumpra ese convenio. Ese convenio xa ten prevista unha cláusula de saída que posibilita que a Universidade de Vigo e a Universidade de Coruña, si nalgún momento incúmprense os prazos, vaiamos cara a adiante cos nosos títulos de Medicamento. Títulos que, por certo, xa estamos a elaborar e temos moi avanzados ambas as universidades. 

 

 

Eu non renuncio en absoluto a unha titulación de Medicamento por parte da Universidade de Vigo. A min gustaríame pensar que somos capaces de seguir avanzando nunha descentralización cada vez máis efectiva e que o horizonte a medio prazo sexa unha descentralización completa do título. Pero teño que recoñecer que, como universidade, temos que seguir ambicionando unha titulación propia, unha facultade propia, porque é o noso proxecto final.

 

Máis aló de Medicamento, vemos como o mundo se está tecnificando e esixe niveis de especialización en campos novos como robótica ou intelixencia artificial, xa presente na universidade. Hai sobre a mesa propostas para a apertura de novos graos e másteres na UVigo?

Moitísima. E aí si que temos algo moi importante no noso proxecto, algo que temos moi claro, e é que temos que traballar cos centros, coas facultades, coas escolas, para realmente coñecer a súa potencialidade: onde temos capacidade, laboratorios, persoal preparado...e que sexan eles os que nos poñan na pista das futuras titulacións. O modelo de ir negociar o mapa de titulacións a Santiago co resto das universidades e logo tratar de atopar o centro axeitado para certa titulación...para min ese é un modelo que temos que abandonar. Temos que, primeiro, ver as nosas capacidades, as do noso persoal, a nosa infraestrutura, perfilar xunto cos centros cal é esa oferta atractiva que podemos facer e, logo, con todos eses argumentos, saír a negociar o mapa de titulacións co resto das universidades. Pero tendo moi claro que temos os argumentos para demandar esa titulación, non ao revés.

 

 

A semana pasada os estudantes universitarios mobilizáronse contra o proceso privatizador do sistema educativo en Galicia, que se agudizou coa apertura da Universidade de Abanca. A futuro, está sobre a mesa o plan de CESUGA de abrir a Universidade Emilia Pardo Bazán, que sería a segunda privada en Galicia. Que futuro espéralles ao públicas si comezan a florecer esta clase de iniciativas?

As públicas debemos ter a seguridade de que, se podemos competir en igualdade de condicións coas privadas, podemos ter todo o futuro do mundo por diante. A universidade pública ten unha garantía de calidade e ten unha capacidade de investigación, de transferencia, que é moi superior ás privadas e que temos que pór en valor. E que a nosa sociedade recoñece como títulos excelentes. 

 

 

O que temos é que ter a seguridade de contar cun financiamento que nos garanta que podemos competir en igualdade de condicións, e non ter medo á competencia. Porque o prestixio da universidade pública e a calidade que temos nas universidades públicas en España, e en Galicia en concreto, garanten que non teñamos que sentirnos ameazados por esa expansión de universidades privadas. O que temos é que competir en igualdade de condicións e buscar todos a excelencia.

 

INVESTIGACIÓN E VIVENDA

Menciona a investigación, seguramente o elemento diferenciador coa privada. Cara a onde debería camiñar a UVigo neste ámbito? Que os centros de investigación alcancen a valoración María de Maeztu é o obxectivo prioritario?

A acreditación María de Maeztu sería ideal, e temos centros que poden estar encamiñados a María de Maeztu, pero estamos a falar de palabras maiores. Temos a ambición de que os centros poidan chegar ao nivel de María de Maeztu. Temos a convocatoria de centros CIGUS, temos que traballar en crear novos institutos e novos centros, e temos que dinamizar esa investigación. 

 

Nos centros, nos institutos, ese impulso cara ao CIGUS como antesala de ir a por a María de Maeztu, ten que servirnos tamén para incentivar aos nosos investigadores a buscar a excelencia, a captar fondos de fóra, a atraer talento, investigadores estranxeiros... e así crecer na investigación da universidade. Esa aspiración a centros María de Maeztu ou CIGUS, nunha escala un pouco máis a nivel Galicia, ten que servirnos como impulso para ir nesa dirección.

 

Puede ser una imagen de una o varias personas, barba y multitud
Jacobo Porteiro | Foto: CONS3NSO 

 

Un dos asuntos que seguro será dos principais na campaña é o da vivenda. Hoxe é un elemento que marca a diferenza en moitas familias para que os mozos e chicas poidan estudar unha carreira universitaria. Como pode a UVigo participar nesa crise habitacional que tamén afecto a Vigo, Ourense e Pontevedra? 

Totalmente. As cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra son tres cidades tensionadas a nivel habitacional. Están a encarecerse moitísimo os alugueres de habitacións, de vivenda completa... e temos necesidade de máis prazas de residencia. E as universidades non podemos renunciar á nosa responsabilidade. 

 

Primeiro, temos que traballar xunto cos concellos en atopar solo urbano, capacidade para que se promovan e que se constrúan prazas de residencias nos tres campus. E Pontevedra necesita urxentemente unha residencia universitaria. Por outra banda, temos que tamén xogar un papel para que o estudiantado atope alugueres a prezos alcanzables. E para iso temos que nós tratar de xestionar unha bolsa de aluguer, de dinamizala, de pór en contacto aos buscadores de aluguer, os nosos estudantes, con quen son posuidores das vivendas. Porque o estudiantado é un bo inquilino e, por tanto, temos que facilitar ese encontro, se cadra avalar, dar garantías, tratar de dinamizar ese aluguer e vixiar que os prezos se manteñan contidos. Aí temos un papel que podemos xogar e non estamos a xogar agora mesmo cando outras universidades a nivel nacional xa o están facendo con moi bos resultados.

 

 

Tivo xa oportunidade de falar cos alcaldes de Vigo, Pontevedra e Ourense?

Imos dicir que coas contornas dos alcaldes.

 

Con tres campus hai que dirixir as miradas a moitísimos aspectos e necesidades. Máis aló da cidade de Vigo, cales serían as principais urxencias para Ourense e Pontevedra?

Urxencias temos nos tres campus. En Pontevedra temos unha tensión agora mesmo para buscar espazos onde ampliar a nosa capacidade en canto a aulas, laboratorios... temos titulacións que están tensionadas e necesitan espazo. E o máis urxente o que temos que resolver. Existen proxectos ambiciosos cos espazos na antiga área de Tafisa, mesmo se fala do hospital provincial, pero eses proxectos son máis a medio prazo. E non podemos esperar a esa solución para arranxar certos problemas moi urxentes que temos. 

 

En Ourense estamos a construír a Escola de Aeroespacial, estamos xa facendo un novo edificio que, cando se ocupe, liberará espazos no campus. E tamén temos moitísima necesidade de espazo nese campus. O que temos é que, de forma urxente, ordenar ben eses novos espazos que imos ter para que haxa unha liberación de tensións, que tamén existen no campus de Ourense, e que poidamos estar máis cómodos no campus unha vez que se ocupe a nova Escola de Aeroespacial. 

 

 

E no tres campus gustaríame "humanizalos". Crear máis espazos de encontro, máis espazos con puntos de encontro de toda a comunidade universitaria, onde o estudiantado, persoal técnico e o profesorado poidamos atoparnos, coincidir, estar un intre e ter máis tempo de vida na universidade fóra das aulas, para así tamén facer máis humano un proxecto máis colectivo de universidade. E para iso temos que ter espazos de encontro. Agora mesmo os nosos campus son uns pouco centros illados. O que temos é que crear neses espazos comúns zonas de esparexemento, con sombras, mesas, onde poidamos estar alí toda a comunidade universitaria e toda a sociedade para ter espazos de encontro.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE