Vídeo | A música axuda a sanar a mente: premio a Barraca XXI do Hospital de Conxo
O proxecto Barraca XXI, impulsado polo Hospital Psiquiátrico de Conxo en Santiago, foi recoñecido como un dos mellores do país no IV Certame “Mellores Proxectos de Humanización”. É un plan que inclúe teatro, cine e outras actividades, como unha banda bautizada Os Coquitos, que axudan aos pacientes a sentir menos illados e a superar o estigma que pesa sobre as enfermidades mentais.
A iniciativa, desenvolvida na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, foi premiada este mércores en Madrid nun acto organizado pola Fundación Humans. O recoñecemento sitúa a Galicia no foco das boas prácticas en atención sanitaria centrada na persoa. Máis de 200 candidaturas procedentes de hospitais, asociacións de pacientes, universidades e fundacións concorreron nesta edición, na que ademais destacou a presenza internacional con proxectos chegados de países como Colombia, Arxentina ou República Dominicana.
O programa Barraca XXI desenvolveuse entre abril de 2024 e decembro de 2025 como unha proposta innovadora que combina intervención terapéutica con disciplinas artísticas. O seu obxectivo principal foi mellorar a calidade asistencial de persoas con trastorno mental grave, apostando por un enfoque máis humano e inclusivo.
O proxecto levou a cabo en colaboración coa Fundación SGAE, coincidindo coa súa 125 aniversario, e introduciu na contorna hospitalaria actividades como teatro, música ou creación audiovisual, favorecendo a participación activa dos pacientes.
Desde a organización do certame destacan que esta iniciativa representa un cambio de paradigma ao incorporar ferramentas creativas no tratamento clínico, algo que cada vez gana máis recoñecemento no ámbito da saúde mental a nivel estatal.
A proposta fundaméntase nos principios da terapia ocupacional e no modelo de recuperación, que prioriza o papel activo das persoas no seu proceso terapéutico. Fronte a enfoques máis tradicionais, Barraca XXI pon o foco na autonomía, a expresión individual e a creación de vínculos sociais.
A través de talleres impartidos por profesionais do ámbito cultural en coordinación co equipo sanitario, buscouse estimular capacidades cognitivas, emocionais e sociais, integrando a creatividade como parte do tratamento.
Nos últimos anos, distintos informes e estratexias do Sistema Nacional de Saúde incidiron na necesidade de avanzar cara a modelos máis humanizados en psiquiatría, o que dá contexto a iniciativas como a desenvolvida en Conxo.
Dous anos de traballo e apertura social
Durante a súa execución, o programa contou coa participación estable dunhas 30 persoas usuarias, ademais de profesionais sanitarios, artistas e colaboradores. As actividades desenvolvéronse tanto dentro do hospital como en espazos comunitarios, reforzando a conexión coa cidadanía.
Entre as accións máis destacadas figuran representacións escénicas no verán e Nadal, a produción de pezas audiovisuais e a organización dun ciclo de cine dentro do propio centro coa colaboración da Fundación SGAE.
Un dos proxectos foi a banda Os coquitos, formada por persoas usuarias do Psiquiátrico de Conxo, que compuxo e interpretou as súas propias cancións. Artistas como Sabela de Tanxugueiras, Guadi Galego e Ugía Pedreira colaboraron cos Coquitos. Este é o seu tema "Arte se, Altri non":
Esta interacción entre disciplinas permitiu desenvolver proxectos conxuntos que fomentaron o traballo en equipo e a adquisición de novas habilidades, consolidando un enfoque interdisciplinar.
Os resultados apuntan a un impacto positivo significativo en múltiples niveis. Rexistrouse un aumento na participación e o compromiso das persoas usuarias, así como melloras en habilidades sociais, cohesión grupal e benestar emocional.
Ademais, o programa contribuíu a abrir o hospital á sociedade, axudando a reducir o estigma asociado á enfermidade mental, un dos grandes retos aínda pendentes segundo coinciden expertos e asociacións.
No plano interno, a experiencia impulsou cambios no propio centro, promovendo prácticas máis innovadoras e unha maior sensibilización do persoal sanitario cara a modelos asistenciais centrados na persoa.
Continuidade
Tras a súa finalización, o Hospital Psiquiátrico de Conxo decidiu manter os talleres debido á boa acollida obtida, quedando agora baixo a coordinación do equipo de terapia ocupacional.
O proxecto tamén fortaleceu os vínculos co barrio de Conxo e co conxunto de Santiago, grazas a actividades abertas que favoreceron o encontro entre pacientes e cidadanía.
Na recollida do premio, a terapeuta ocupacional María Pais subliñou que a iniciativa xurdiu como resposta á necesidade de “devolver o desexo fronte á apatía” e combater a soidade e a marxinación, aínda que non transcenderon valoracións doutras entidades participantes.
Escribe o teu comentario