Inditex lanza Stradivarius Man
Reforza así a súa aposta pola moda masculina, cunha liña que estará dispoñible a partir do próximo día 1 de febreiro.
O Grupo Inditex reforzou a súa aposta pola moda masculina co lanzamento da liña Stradivarius Man, que estará dispoñible a partir do próximo 1 de febreiro.
En concreto, a firma fundada por Amancio Ortega contará cunha nova marca masculina no seu portafolio, que estará dispoñible inicialmente en 32 tendas físicas de 17 mercados internacionais nos que a insignia está presente, sobre todo nas 'flagships' da marca repartidas polo mundo, onde se deseñou un espazo diferenciado para esta liña.
A nova colección de home tamén estará dispoñible nos 22 mercados onde Stradivarius conta coa súa plataforma 'online' (www.stradivarius.com), segundo informaron a Europa Press fontes da compañía.
Unha colección que está pensada para mozos de 25 a 35 anos amantes da moda con personalidade, estilo e que non renuncian á comodidade. Desta forma, contará con tres liñas de produtos: 'smart', a máis cosmopolita con pezas sinxelas, 'cotton' con deseños máis informais e 'denim'.
Stradivarius é a insignia do grupo que reflicte unha maneira nova de sentir a moda, cunha concepción dinámica e orixinal, achegando aos seus clientes as últimas tendencias en deseños, tecidos e complementos.
A marca aposta pola moda internacional con deseños frescos e elegantes e conta con tendas amplas e cunha ambientación nova e moderna, ofrecendo un gran abanico de posibilidades para as mozas cun estilo informal e imaxinativo.
A insignia conta con 985 tendas repartidas por máis de 60 mercados internacionais, mentres que en España dispón de 292 establecementos en todo o territorio nacional.
Escribe o teu comentario