A Xunta abre este martes o prazo para solicitar as axudas para adquirir libros e material escolar
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (#DOG) a orde que regula o fondo solidario de libros de texto e convoca as axudas para a adquisición de libros e material escolar destinadas ao alumnado de educación primaria, ESO e educación especial para o curso 2026/27. As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde este martes e até o próximo 19 de xuño de 2026, inclusive.
Para os cursos de 3º a 6º de Primaria e toda a ESO, mantense o modelo de fondo solidario, mentres que para 1º e 2º de Primaria e Educación Especial convócanse axudas directas para a compra de libros. Ademais, todos os niveis obrigatorios contarán con vales para material escolar.
A contía das axudas e a asignación de libros do fondo dependerán da renda per cápita da unidade familiar. Para a repartición de libros do fondo solidario, darase prioridade ao alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou con discapacidade igual ou superior ao 33%, independentemente dos seus ingresos.
Para o alumnado de 1º e 2º de Primaria, as axudas para libros serán de 240 euros para rendas iguais ou inferiores a 6.000 euros, e de 160 euros para rendas entre 6.000 e 10.000 euros. No caso de Educación Especial, a axuda será de 300 euros con independencia da renda.
No caso da ESO, os importes sitúanse en 270 euros no primeiro tramo e 180 euros no segundo.
En canto ao material escolar, o vale será de 75 euros para as rendas máis baixas (igual ou inferior a 6.000 euros) e de 60 euros para o tramo superior (até 10.000 euros). Alumnado con discapacidade, en educación especial ou baixo tutela da Xunta recibirá directamente o importe máximo de 75 euros.
OBRIGACIÓNS E NOVIDADES
Como condición indispensable para acceder a estas axudas, os beneficiarios teñen a obrigación de devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido ou recibido do fondo no curso actual antes do 19 de xuño. A falta de devolución será causa de exclusión para a convocatoria do próximo ano .
Unha das novidades para este curso é a integración do fondo E-Dixgal dentro do fondo solidario de libros por razóns de simplificación e transparencia.
Escribe o teu comentario