Polémica entre Vos Boinas, pena que se di perseguida, e a directiva do Club Ourense Baloncesto
O grupo máis ruidoso das bancadas do Pazo Paco Paz hai tempo que non mantén unha boa relación coa cúpula.
A tensión entre a pena máis veterana do Club Ourense Baloncesto e a súa directiva escalou até un punto de ruptura aberta. Vos Boinas, con 25 anos de apoio ininterrompido ao club, emitiu este luns un comunicado oficial no que denuncia un trato discriminatorio e persecutorio durante o último partido disputado no Pazo dous Deportes Paco Paz entre o COB e Zamora.
Segundo relatan, a directiva ordenou o despregamento de unidades adicionais da Policía Nacional coa aparente consigna de vixiar especificamente aos membros da pena, mentres que a empresa de seguridade solicitoulles a identificación dos seus carnés de socio unha vez xa estaban sentados nas súas localidades, algo que non se esixiu ao resto do público. Os afectados subliñan que son abonados de pleno dereito, sen descontos de pena, que pagaron as súas entradas nas mesmas condicións que calquera outro asistente.
Unha vixilancia que non coñecían
Durante o encontro, cada achegamento dos responsables de seguridade cara á súa zona veu acompañado de advertencias por situacións que até ese momento nunca foran obxecto de reproche, como permanecer nas escaleiras. O caso máis rechamante protagonizouno un membro da pena, Javier, que foi escoltado por axentes da Policía Nacional ao ocupar o asento doutro abonado co seu permiso explícito, unha práctica habitual e xeneralizada no pavillón cando o titular non pode asistir.
O comunicado tamén lembra un incidente anterior: meses atrás, obrigouse á pena a retirar a súa pancarta habitual, a de "Vos Boinas", por orde directa do club. A xustificación chegou despois, alegando a presenza de publicidade na tea, aínda que en tempadas previas nunca supuxera problema algún. A pena considera este proceder arbitrario e sen criterio coherente.
Un conflito que vén de lonxe
O enfrontamento non é novo. En xullo de 2025, Vos Boinas xa dirixiu unha carta ao presidente do club para rexeitar a recolocación proposta na bancada de fondo, cualificándoa de "falta de respecto" cara a unha afección que leva un cuarto de século acompañando ao equipo en vitorias e nas etapas máis duras. Por unanimidade, o colectivo decidiu entón que non se movería das súas localidades habituais, advertindo de que gardarían os bombos e avaliarían "todas as medidas oportunas" se a directiva non daba marcha atrás.
A directiva xustificou aquel traslado como parte dunha nova bancada de animación, anunciada na campaña de abonados do 21 de xuño dese ano, co obxectivo de concentrar o ambiente detrás dunha canastra e ofrecer prezos axustados aos grupos de afección. Con todo, Vos Boinas alegou que a nova localización imposibilitaba a animación pola mala visibilidade, a incomodidade dos asentos e a presenza de colexios e asociacións previstas no mesmo sector.
Queremos tamén denunciar a evidente desigualdade no trato cara ás penas. Mentres a outras afeccións permíteselles o acceso con bombos e o seu uso , a nós limitóullenos sistematicamente.
Desigualdade nas normas
No seu comunicado de hoxe, a pena denuncia ademais unha desigualdade flagrante no trato respecto doutras afeccións do pavillón, ás que se permite o acceso con bombos e o seu uso en distintas zonas sen restricións. Ante esta situación, Vos Boinas decidiu comezar a levar os seus propios instrumentos de animación, algo que até agora evitara por respecto ás indicacións do club. Lembran que a normativa vixente non prohibe o uso de bombos, polo que consideran que as limitacións que se lles impoñen responden exclusivamente a decisións arbitrarias da dirección. O COB non respondeu por agora.
Escribe o teu comentario