Javier Fernández, a gran promesa do Bayern e do fútbol ourensán, faise maior en Núremberg

O galego formou parte do once incial o pasado fin de semana co seu novo equipo, sendo o seu primeiro partido de titular na 2. Bundesliga. 


|

HGQN5G1XAAAZFL2
Foto: @1_fc_nuernberg

 

En Baviera o fútbol parece orbitar exclusivamente en torno ao Bayern de Munich. Os do Allianz Area son o club máis grande de Alemaña, pero na rexión hai outros grandes que, aínda que vindos a menos, gardan un gran pasado e teñen moito peso na historia do fútbol xermano. O 1. F. C. Núremberg é un deses xigantes que atravesan momentos complicados. É un dos clubs máis laureados do país, pero hoxe pena na segunda división alemá, coa esperanza de regresar á Bundesliga. É, no entanto, unha das grandes canteiras do país, con exemplos recentes como Can Uzun ou Nathaniel Brown. Ese coidado polos novos talentos é o que levou a Javier Fernández a dar o salto en xaneiro desde as divisións inferiores do Bayern á veciña Núremberg, onde debutou como titular o pasado fin de semana. 
 

 

DEIXAR ATRÁS As LESIÓNS E CRECER

O ourensán Javier Fernández é un dos grandes talentos do fútbol galego. A súa carreira pasou da Madroa ao Atlético de Madrid cando tiña só 12 anos. En Madrid non durou moito máis, porque o Bayern botoulle a luva en 2023, onde creceu até ser unha das maiores promesas do club muniqués. Estrela na sub-19 do Bayern e convocado cos inferiores de España, o auriense destapouse como un futbolista cun xogo exquisito e chegada, sumando unha boa cifra de goles na Youth League e nas ligas xuvenís. 

 

 

Con todo, as lesións lastraron a súa última tempada en Munich, xusto cando empezaba a ter presenza nos adestramentos de Kompany. Moi grande para a Youth League, moi bo para os reservas e sen sitio no primeiro equipo, Javi Fernández buscou alternativas no inverno, momento no que apareceu o Núremberg.

 

 

Baixo a á dunha lenda como Miroslav Klose, Javi Fernández foi entrando aos poucos nos plans de Der Ruhmreiche (O Glorioso). Deixando atrás as lesións dunha vez por todas, os de granate viron o seu debut hai un mes, o 14 de abril, cuns minutos testemuñais na vitoria ante o Kiel. Logo foi gañando oportunidades nas seguintes xornadas e o pasado fin de semana por fin puido debutar como titular ante o Arminia Bielefeld.

 

HGL0TQtbAAAYSmt
Foto: @1_fc_nuernberg

 

A súa participación duro 70 minutos, tempo suficiente para completar en torno ao 80% dos pases, gañar máis do 60% dos duelos ou probar fortuna cun remate de cabeza. Demostrou solvencia e estar preparado para o fútbol profesional, ademais de non deixar intimidar a pesar dos seus 19 primaveras. Proba diso é que foi o único do seu equipo que recibiu un cartón amarelo. 

 

 

Ao Núremberg non queda moito que rascar este ano. Quedan catro partidos, está sete puntos por encima da zona de perigo e ten xa imposible pelexar o ascenso. En terra de ninguén, Klose pode ir probando cousas de face ao ano que vén. Talvez vexa en Fernández un futbolista capaz de achegar moitas cousas e pida prolongar o seu pase un ano máis no Max-Morlock-Stadion. Mentres, o galego segue facendo as cousas ben, aos poucos, recuperando sensacións e gañando confianza. Pronto ouviremos falar moito del, e cousas moi boas. 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE