Donald Trump: o novo Hitler?

Manoel Barbeitos
Economista

 

Trump
Trump

 

 

 

“Imos facer algo con Groenlandía, xa sexa polas boas ou polas malas” (Donald Trump)

 

 

Aínda que o titular poida parecer un pouco esaxerado hai que sinalar que nos propios Estados Unidos hai xa quen fai esa pregunta, e non son calquera. Así, o que foi presidente dese país entre os anos 2009 e 2017, Barak Obama, vén de declarar moi recentemente que “o que estamos vendo agora mesmo… non é coherente coa democracia estadounidense. É coherente coas autocracias. É coherente coa Hungria de Viktor Orban. E coherente con lugares que celebran eleccións, pero que polo demais non respectan o que consideramos un sistema xusto no que a voz de todos importa e o pobo ten un lugar na mesa, e hai controis e contrapesos, e ninguén está por riba da lei. Aínda non temos chegado a ese punto, pero creo que estamos perigosamente preto de normalizar este tipo de comportamento”. Pola súa parte Bernie Sanders, senador independente por Vermont, denunciaba recentemente os perigos de que os trumpistas controlaran nos Estados Unidos unha grande parte dos medios de comunicación que “non son medios normais. A súa función básica non é transmitir as novas senón propagar unha ideoloxía de extrema dereita… o trumpismo non cree nin na democracia nin no Estado de dereito... Donald Trump pensa que pode facer todo o que queira, sexa polo motivo que sexa. Pode desprezar o Congreso e os Tribunais de xustiza. Está por riba da lei”.


O periódico New York Times, por medio dunha das súas columnistas habituais na sección de Opinión, escribía que “Donald Trump non ten ideoloxía máis aló do seu propio poder, do mesmo xeito que non ten sentido de Estados Unidos como obxecto mais aló da súa propia persoa. Nas súas mans, o boomeran imperial transformouse nunha banda de Mobius, unha superficie na que o interior e o exterior non teñen distinción significativa e forman un bucle sen fín. Nesta vertixinosa disolución dos límites, hai pouco que poda frear a súa fame de poder ilimitado. Cos recursos da nación máis rica do mundo e o exército máis poderoso á súa disposición, Donald Trump reclama unha licencia sen fronteiras para volverse contra os seus supostos inimigos. Iso debería aterrorizarnos a todos”, di Lidya Polgreen.


Xa no seu día Noam Chomsky nos avisara dos riscos que para a democracia, a liberdade e a convivencia pacífica entre os pobos suporía que Donald Trump, a quen cualificou como o pior criminal da historia, accedese á Presidencia dos Estados Unidos. Perigo derivado de consideralo “un megalómano sociópata co perversas intencións”. Así mesmo, avisou do perigo da existencia “dun golpe brando en marcha...que non é unha mera ameaza. Tampouco o é a deriva cara a unha forma de fascismo. Hai probas de que a actitude xeral dos votantes de Trump nunha serie de cuestións é similar á dos votantes europeos dos partidos de extrema dereita con orixes fascistas. E estes sectores son agora unha forza motriz no Partido Republicano. Tamén hai probas substanciais de que esta deriva cara a extrema dereita pode ser parcialmente impulsada pola lealdade cega a Trump”.


Mais que mellor que recoller as propias palabras de Donald Trump logo da criminal acción en Venezuela -bombardeo de Caracas, secuestro de Nicolás Maduro e a súa muller, asasinato da garda presidencial e de civís, pirateo dos pozos petrolíferos...- e que foron recollidas nunha entrevista no diario anteriormente citado (NYT ). En relación aos límites da súa autoridade como comandante en xefe: “si hai unha cousa, a miña propia moralidade. A miña propia mente. É o único que pode determe...non preciso o dereito internacional...”. Segundo este prestixoso diario, estas ideas consolidan unha visión na que se reflicte unha mensaxe central: o poder, segundo Trump, non se subordina a leis nin acordos, senón ao seu propio criterio.


Por outra parte que dicir dun gobernante que fai declaracións sobre Groenlandia como estas: “Estados Unidos debe posuír Groenlandia. Calquera cousa menos que esa é inaceptable”. Hai uns poucos días o presidente Trump volvería a ameazar coa anexión pola forza de Groenlandia “lles guste ou non” (NYT).


Para finalizar, lembrar as declaracións dun antigo xefe de gabinete na Administración trumpista -o xeneral John Kelly- quen publicamente alertara de que Donald Trump gobernaba con trazos fascistas e que era admirador de Adolf Hitler. “Donald Trump confírmase como un mandatario narcisista e supremacista, cunha megalomanía que ten nun fío a paz mundial e a vida humana”. Valoración apoiada por John Gartner (exprofesor da Universidade Johns Hopkins e experto en saúde mental). “Cando comparo a Trump con Hitler… vexo que está cortado polo mesmo padrón e teñen o mesmo trastorno de personalidade”

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE