Dicía Cicerón que “As leis calan cando falan as armas”. Iso é o que está a ocorrer co ataque de EE. UU. e Israel a Irán. As leis para o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e o primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu, son as que marcan eles. O resto non lles serven; faltaría máis levarlle a contraria ao emperador do mundo e ao invasor/criminal que se pasa os acordos por onde termina as costas.
O que parecía un paseo triunfal na invasión a Irán, segundo as palabras de Trump, que manifestaba que o de Irán sería unha acción rápida, está a alargarse, e a posición dos aiatolás de nomear ao novo líder dese país, o fillo de Jamenei, tamén inflúe. Un perfil de continuidade; é máis, considéraselle máis duro que o seu pai. O nomeamento non foi ben recibido polo presidente norteamericano, que o considerou como unha provocación. Pensábase que a ditadura de Irán é como a de Venezuela , que alí podería pór á fronte do país a alguén do seu agrado. Irán é unha ditadura máis forte, controlada por un réxime que utiliza a relixión como arma para ter controlada a unha boa parte do país. E xa se sabe que cando se utiliza a relixión cunha interpretación nesgada é moi difícil loitar.
O réxime iraniano é sanguento; a pena de morte sew aplica a diario contra os que non comulgan con el. Os dereitos das mulleres retrocederon varios séculos. A poboación, a pesar de ser un país rico, está a pasar necesidades e as liberdades brillan pola súa ausencia. Un cambio de réxime é máis que necesario. A democracia é a gran aspiración de todos os cidadáns que sofren o réxime e dos miles e miles de cidadáns que se tiveron que marchar do país.
A pesar desa situación de ditadura durísima, a acción de EE. UU. e Israel non o xustifica. Alguén se creu que o están facendo por liberar ao pobo iraniano? Seguro que non; calquera acción do emperador ten unha motivación económica e de poderío político. A do “invasor” é machucar ao seu inimigo histórico e, de paso, buscar a escusa de Hezbolá para atacar o Líbano e tentar quedar con algunha parte dese país que no seu día era un paraíso. Irán, segundo din os especialistas, posúe a terceira maior reserva de petróleo do mundo; só teñen por diante a Arabia Saudita e Venezuela. Controlar o petróleo é un dos seus obxectivos, non é o único. Outro é o poder: o mundo debe recoñecelo como o máis poderoso da terra. É a guerra de Trump contra o mundo; crese o heroe, que non o é, pero o que si hai son vítimas.
Non hai que esquecer o papel da industria armamentística de Estados Unidos, que, por certo, sempre doou importantes cantidades de diñeiro ás campañas de Trump, o mesmo que a industria petroleira. Estes empresarios non dan nadgratis; esperan a contrapartida correspondente. Está a darse agora? Visto o que está a ocorrer, non hai dúbidas de que é así.
Trump, no seu discurso da nación, tratou de vender un país idílico, pero a realidade non é así, o que se pode interpretar tamén como unha saída política e económica que se converte nunha necesidade constitutiva da xestión da economía. E é que o presidente ten en conta que dentro de poucos meses ten sobre a súa cabeza as eleccións de metade de mandato, nas que unha posible derrota sería, de verdade, un verdadeiro pesadelo. Quizais por iso éralle urxente atopar unha distracción, e nada mellor que “unha boa guerra”, esa que vende levar aos pobos “a democracia”. E esa boa acción é unha solución para conseguir a unidade nacional do líder no poder. Iso é o que está a buscar tamén.
A guerra en Irán, coas ameazas de Trump de levar ás tropas dentro do territorio, non vai traer boas consecuencias para a poboación, sempre a máis afectada. Mentres o novo mandatario, iso do sacrificio que pode significar que as tropas norteamericanas fáganlle o mesmo que ao seu pai, parece non importarlle moito. O que si se está dando xa é a fractura da sociedade iraniana: os partidarios do réxime e os que aspiran á liberdade cun cambio de réxime. Porque desde o ano 1979, a diáspora iraniana, ocorrida en sucesivas ondas, conta cuns 7 millóns de persoas que fuxiron da represión. Unha cifra moi importante.
Dicía John Fitzgerald Kennedy que “O home ten que establecer un final para a guerra. Se non, esta establecerá un fin para a humanidade”.
Escribe o teu comentario