Estes últimos días a actualidade política estivo marcada por ALTRI , polas distintas posturas que ao redor desta factoría mover en Galicia. Por unha banda temos ao Goberno galego de quenda (#PP) e membros do sector empresarial, que defenden a súa instalación e en fronte unha representación bastante significativa da poboación, xa non só da comarca onde se quere instalar esa factoría, senón de moitas outras zonas de Galicia, que está claramente en contra.
En relación con isto último resulta indiscutible que a data de 15 de decembro do 2024 xa quedou marcada na historia política e social de Galicia pola impresionante manifestación habida en Compostela en contra da instalación dunha factoría de celulosa. Unha manifestación que veu confirmar o sinalado anteriormente sobre un amplo rexeitamento social procedente de diferentes colectivos sociais (entre os que convén subliñar ás mariscadoras da ría de Arousa) tal e como mostra a información de que mesmo un sector de empresariado galego (voces críticas que inclúen membros relevantes da CEG) tamén está en contra de que se autorice. Unha manifestación que puxo de novo en evidencia, como sucedeu cando o Prestige, que hai un sector relevante da sociedade galega que non está de acordo coas políticas industriais depredadoras dos recursos naturais nin coa falta de sensibilidade ambiental do goberno galego de quenda (#PP). Que pensa que a autorización de factorías desta natureza (como sucede tamén coas explotacións mineiras, enerxéticas...) responde a criterios e intereses diferentes aos que debería seguir unha política industrial de hoxe en día, talles como o respecto aos recursos naturais e os sistemas ecolóxicos, a creación de emprego e riqueza. Un sector da sociedade que tamén refuga dos segredos e as mentiras dos gobernantes de quenda pois sabe, por experiencia, que esconden intereses espurios e privados.
A defensa por parte do goberno galego de quenda (#PP) en palabras de altos responsables apoiase no criterio de que “cumprindo estritamente coa lei, as empresas poden instalar no territorio” (Angeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático), refugando as críticas en base a opinións como que “en Santiago houbo unha manifestación organizada, fundamentalmente polo BNG, que está instalado no pasado e non queren progreso para Galicia, non queren industria e emprego” (Paula Prado, Secretaria xeral do PP). En relación con isto último, e como participante na citada manifestación, subliñar que a maioría dos manifestantes non eramos nin sequera afiliados da citada organización política e fixémolo en base a nosa oposición a unha política industrial que nin respecta o medio ambiente, velaí os proxectos que se aproban e o seu impacto ambiental (eólicos, mineiras, papeleiras...), nin dan un saldo positivo (creación versus destrución) a nivel de emprego e de creación de riqueza no territorio: unha posición que non supón estar instalados no pasado senón pensar no futuro. En relación ás declaracións da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñar que produce certo rubor escoitar a unha alta responsable da conservación do medio ambiente en Galicia defender un proxecto que, como demostran as experiencias e os informes científicos máis rigorosos, son altamente contaminantes e contribúen ao cambio climático pola súa elevada emisión de gases de efecto invernadoiro. Unha posición que pon en evidencia la carencia dun proxecto industrial estratéxico. Deixar a decisión en mans exclusivas (?) do mercado e do capital privado é descoñecer as dinámicas industrias nos países máis desenvolvidos onde a participación do sector público como emprendedor foi, e segue sendo, decisiva. Finalmente, cando estamos a sufrir unha moi preocupante crise medioambiental, cun alarmante cambio climático, dar ánimo, subvencionando, a proxectos como ALTRI e axudar a que estes males se fagan aínda maiores.
Para finalizar, un aviso ao goberno de quenda (#PP): que non esqueza que a actitude tida polos gobernos galego e español (ambos en mans do Partido Popular) fronte ao desastre ecolóxico provocado polo Prestige tentando ocultar o real impacto provocou unha indignación popular (“Nunca mais”) tal que axudou moito a chegada do goberno bipartito (#PSdeG/#BNG). Iso adoita pasar cando os gobernos non escoitan ás maiorías sociais.
Escribe o teu comentario