Feijóo non quere que Rueda sexa presidente

Manoel Barbeitos
Economista

Entre as moitas perlas coas que nos vén regalando o señor Núñez Feijoó, na súa condición de líder da oposición, seguramente que unha das máis rechamantes foi a de que “non son Presidente do Goberno español porque non quixen”. Afirmación que se apoiaba nunha suposta negativa súa a aceptar as condicións que os partidos nacionalistas (#PNV, ERC, JxCat) puxéronlle para darlle o seu apoio na investidura. Algo que posteriormente sería desmentido polos respectivos partidos, deixando, unha vez máis en evidencia, a irrefreable tendencia do señor Feijoo a mentir, unha característica que lle coloca na liña dos líderes populares anteriores, caso de Casado e Rajoy.

 

Un comportamento que, no momento presente, pode axudar a que o seu compañeiro de partido, o señor Rueda, perdese contra todo prognóstico as eleccións do día 18 por non conseguir a maioría absoluta necesaria (38 deputados). Porque no seu rosario de desmentidos e falsas verdades o señor Núñez Feijoó vén de recoñecer que a ERC e a JxCat ofreceulles a amnistía, ou na súa falta o indulto, tanto para Puigdemont como para o resto de políticos procesados si estes partidos apoiaban a súa investidura.

 

Resulta difícil conciliar esta posición coa brutal campaña que, co apoio tanto de parte do poder xudicial como mediático, o seu partido vén desenvolvendo contra a amnistía ofrecida polo goberno español de quenda (#PSOE/Sumar) a ERC e JxCat. Deixar caer esta bomba nunhas eleccións que, segundo a maioría das sondaxes, aparecen como moi rifadas, non deixa de ser un grave erro político pois pode provocar un revolcón nos resultados finais.

 

Se a brillante campaña que está a desenvolver a señora Pontón, a un moi baixo perfil que vén presentando o señor Rueda e a un hastío evidente que un sector da poboación galega mostra cara a tantos anos de goberno conservador (PPdeG) sen que as cousas melloren súmaselle agora o agasallo de titulares como o que vén de facer o señor Feijóo en relación cos independentistas cataláns, as posibilidades de que Galicia, por primeira vez na súa historia, teña unha muller de presidenta, que ademais é nacionalista e de esquerdas, crecen considerablemente.

 

Porque este xiro na estratexia, este volantazo en relación cos independentistas cataláns e coa amnistía, que vén lexitimar as xestións levadas a cabo polo Goberno de quenda (#PSOE/Sumar), non só abre unha importante brecha na liña de flotación do PPdeG ao debilitar os seus argumentos centrais contra as esquerdas (#BNG, PSdeG, Sumar, Podemos), senón que lles dá a estes tanto argumentos para defender e lexitimar as súas políticas como para colocar ao señor Rueda nunha posición de maior debilidade e incomodidade.

 

Velaí que, utilizando o mesmo argumento que utilizou para xustificar o seu fracaso na investidura, pódese argumentar que o señor Feijóo non quere que o señor Rueda siga de Presidente da Xunta de Galicia. Buscando unha explicación máis favorable podemos pensar que con esta reviravolta o que realmente o señor Feijoo quere é gañar o apoio dos independentistas cataláns (particularmente do JxCat) para unha posible moción de censura que lle permitiría conseguir o que as eleccións e o Parlamento español negáronlle. Pero o resultado pode ser catastrófico: perder a presidencia da Xunta de Galicia sen gañar nada a cambio.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE