A vicepresidenta Teresa Ribera ten toda a razón

Manoel Barbeitos
Economista

A señora Teresa Ribera, Vicepresidenta terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, ten toda a razón cando sinala que o maxistrado señor Manuel Garcia-Castellón ten “querenza por tomar decisións en momentos políticos sensibles e sempre na mesma dirección”. Ten toda a razón por que este maxistrado vén actuando, dende fai tempo, como brazo armado xudicial das dereitas (especialmente do PP) poñendo en evidencia que forma parte do que nalgúns medios e círculos políticos dáse en chamar “a caverna xudicial”. Chega con citar os casos nos que participa e as súas decisións para compartir a opinión da ministra que reflicte unha preocupación moi estendida entre a cidadanía sobre o papel que determinados maxistrados desenvolven na democracia española, de se realmente cumpren o que se espera deles (C.E. Título VI). Dúbidas que, con todo, non parece ter o Partido Popular por razóns obvias: vén sendo o grande beneficiado deste comportamento xudicial.

 

A reflexión da señora Ribera casualmente, ou non, sucede cando a relatora especial das Nacións Unidas, a señora Margaret Satterhwaite, chama a atención pola demora na renovación do Consello do Poder Xudicial que non se produce como sería mester (C.E. Art. 122.3): “o dereito a un xuízo xusto require dun xuíz imparcial. En España esta imparcialidade está estreitamente ligada ao funcionamento libre e independente do Consello Xeral do Poder Xudicial” (Margaret Satterhwaite). Unha renovación do CGPJ que non se produce debido a que o Partido Popular (PP) se nega por que dados os incontables expedientes abertos por corrupción está interesado en atrasar o máximo tempo posible o nomeamento de novos xuíces. Un atraso que pode posibilitar que moitos deses expedientes por corrupción prescriban quedando así libres de cargos moitos e moi destacados dirixentes  do Partido Popular (PP).

 

O caso do maxistrado Manuel Garcia-Castellón pon en evidencia como o Partido Popular ten nun sector relevante do actual poder xudicial tanto un escudo que o protexe das súas falcatruadas e corrupcións como un ariete contra o goberno de quenda (PSOE/Sumar). Actuacións estas últimas que como resulta fácil comprobar teñen lugar en momentos políticos ben calculados e así sucedeu recentemente cando coincidindo coa nova maioría parlamentaria (gracias ao apoio dos partidos soberanistas cataláns) que permite a continuación dun goberno de progreso (PSOE/Sumar) o señor Garcia-Castellón intervén contra a amnistía aos políticos do Process e do chamado 'tsunami democratic' tratando de imputar por terrorismo a dirixentes cataláns soberanistas o que non deixa de seren un puro disparate!. Este maxistrado ao longo das súas actuacións ben mostrando claramente estar obsesionado con Catalunya e os soberanistas cataláns.

 

O mesmo sucede con Podemos a quen someteu a unha auténtica persecución xudicial que remataría co arquivo, por falta de probas, de TODOS os expedientes por el abertos a esta organización política democrática. Un arquivo que, casualmente, só ten lugar cando Podemos pasou a converterse nunha forza política marxinal. Segundo o señor Martín Pallín, maxistrado emérito do Tribunal Supremo, “empeza ser de psiquiatra o do xuíz Garcia-Castellón,....necesita axuda psiquiátrica, ten unha psicopatoloxía grave con Podemos”. En sentido contrario este maxistrado está paralizando expedientes abertos a cargos relevantes e dirixentes do Partido Popular (PP) por notables asuntos de corrupción (Casos Púnica, Lezo ou Kitchen: con case 300 políticos investigados) actuando así como un muro defensivo e protector das dereitas.

 

Este comportamento xudicial claramente discriminatorio e antidemocrático non é exclusivo deste maxistrado senón que se repite no sistema xudicial tanto a nivel institucional (Tribunal Supremo, CGPJ, Audiencias Provinciais...) como individual . Como vimos subliñando repetidamente neste medio actualmente o poder xudicial español non se corresponde totalmente co dun estado democrático polo peso que teñen no mesmo moitos maxistrados de ideoloxía ultra e comportamento claramente antidemocrático. Maxistrados que lle están facendo un enorme dano ao poder xudicial español.

 

Porque fronte a estas situacións un non pode por menos de pensar que o señor Garcia-Castellón siga na carreira xudicial mentres que, por caso, o señor Baltasar Garzón, que ademais de levar adiante investigacións sobre crimes do franquismo e o caso GAL tivo outras actuacións destacadas como destapar o caso Gürtel, desarticular unha trama corrupta especializada no saqueo de fondos públicos, retirar da política a decenas de dirixentes do Partido Popular que colaboraron na pillaxe, foi inhabilitado por 11 anos, non fala moi ben sobre o estado do poder xudicial español.
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE