Un parto difícil pero necesario

Manoel Barbeitos
Economista

E que significa pactar? Moi sinxelo, renunciar a parte do seu programa e aceptar parte do dos socios, o que implica que o programa de goberno final non pode coincidir na súa totalidade co presentado na campaña electoral

 

La vicepresidenta segunda y ministra de Trabajo y Economía Social en funciones, Yolanda Díaz (2d), saluda al recién nombrado presidente del Gobierno, Pedro Sánchez (1i), tras finalizar la segunda sesión del debate de investidura de Pedro Sánchez.
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social en funcións, Yolanda Díaz (2d), saúda ao recentemente nomeado presidente do Goberno, Pedro Sánchez (1i), tras finalizar a segunda sesión do debate de investidura de Pedro Sánchez.

Finalmente en España hai Presidente (o señor Pedro Sánchez) e goberno progresista (PSOE+Sumar) que repite. Un presidente e un goberno que como resulta evidente non lles gustan, incluso lles irritan, as dereitas extremas e seus apoios (xudiciais, mediáticos, corpos de seguridade, airexa católica....). Foi un parto difícil pero ninguén debera dicir que, por caso, é antidemocrático (“unha ditadura”) por dúas razóns fundamentais: é froito dun pacto entre partidos democráticos do arco parlamentar (PSOE, SUMAR, PNV, BILDU, ERC, JxCAT, BNG, CC) e terá virtualidade política cando finalmente o novo goberno sexa nomeado polo Xefe de Estado, a proposta do seu Presidente (Art. 100, C.E.), algo que non parece corra perigo pois conta co apoio necesario. Compre tamén subliñar que a dificultade do parto veuse agrandada pola enorme rivalidade política que existe entre ERC (Esquerra Republica de Catalunya) e JxCat (Junts per Catalunya) cada un dos cales busca en todo momento facerlle ver aos cataláns que no escenario político español ten unha maior capacidade de influencia que o rival político (“a ver quen a ten mais grande”).

 

Un goberno ao que as dereitas, unha vez mais, acusarán de ilexítimo, algo que non resiste o contraste coas evidencias. Este goberno (PSOE+Sumar) contará co apoio de 179 deputados, tres por riba da maioría absoluta necesaria para poder gobernar e que son  7 deputados mais que, por caso, recibiu a fracasada investidura do señor Núñez Feijoo. Si a nivel parlamentario este goberno gozará de toda a lexitimidade o mesmo sucede a nivel social (suman 12,5 millóns de votos que supoñen o 50,1% dos votos emitidos e case 2 millóns mais que a derrotada coalición das dereitas con o 43,5%). Un elemento moi importante pois as democracias sofren cando os partidos políticos non atenden a vontade popular e, como está sucedendo agora co Partido Popular (PP), non recoñecen as derrotas algo que é a primeira vez que sucede na democracia española pois nunca antes se tiña cuestionado un resultado electoral. Por certo, as democracias tamén sofren cando se acosa aos partidos democráticos ou se intenta impedir que o Parlamento exerza as súas funcións. 

 

Nas eleccións do pasado 20J os votantes enviaron unha mensaxe clara aos partidos políticos: “non nos gustan as maiorías absolutas, nin os bipartidismos, somos plurais política e territorialmente polo que debedes entendervos”. Unha mensaxe que se reflectiu na pluralidade de partidos que compoñen o Parlamento español pero que non quixeron atender as dereitas extremas, velaí as razóns da súa derrota. 

 

Unhas dereitas extremas, sen parangón en Europa, que volven a equivocarse cando acusan ao señor Pedro Sánchez de mentir ao non respectar o programa co que se presentou as eleccións. Volven a equivocarse por partida dobre: si algún partido político incumpre sistematicamente o seu programa electoral cando chega a gobernar é o Partido Popular (PP) e aí están as hemerotecas para comprobalo. Hai que, por caso, lembrar os incumprimentos do señor Nuñez Feijoo ao fronte da Presidencia da Xunta a pesares de contar con maiorías absolutas?. Hai que lembrar os constantes incumprimentos do señor Mariano Rajoy na súa etapa de Presidente do goberno español? Cumpre o PP os seus compromisos electorais nos gobernos autonómicos e locais de coalición: non chegou a afirmar que nunca gobernaría con Vox?. Hai ademais un elemento clave: para gobernar o PSOE e Sumar necesitaron pactar con varios partidos políticos como así fixeron. E que significa pactar?: moi sinxelo, renunciar a parte do teu programa e aceptar unha parte do dos socios o que implica que o programa final de goberno non pode coincidir na súa totalidade co que se presentou na campaña electoral. Elemental.

 

Inaugurase unha lexislatura inédita, froito dun parto difícil pero necesario. Unha lexislatura que porá a proba a solidez da nova maioría quen terá que facer carón aos refachos conservadores que veñen de Europa, a estratexia subversiva das dereitas extremas españolas (PP/Vox) e ao nerviosismo dos soberanistas cataláns (JxCat, ERC) aos que lle está afectando a proximidade das eleccións autonómicas aínda que non deberan perder a perspectiva: ou camiñan da man coa nova maioría ou terán que enfrontarse as dereitas extremas (PP/Vox) onde, dada a correlación de forzas, levan todas as de perder. 

 

Unha nova lexislatura que, a pesar diso, pode marcar un punto e aparte na democracia española si algúns dos problemas sistémicos e históricos empezan a atopar unha solución democrática e progresista. Un punto e aparte que debe seren ademais unha continuación en, por caso, moitas das políticas de benestar social. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE