Galicia logo das eleccións municipais

Manoel Barbeitos
Economista

Unha pregunta que cabe facer logo das eleccións municipais celebradas o pasado 28 de maio é a de si realmente os resultados habidos en Galicia introducen cambios relevantes tendo en conta, por caso, que globalmente marcaron unha dinámica distinta á do conxunto de España, onde as dereitas obtiveron un gran resultado. Cambios que na opinión do que escribe isto, tal e como sinalara nun artigo anterior, deberían ir máis aló da titularidade nos gobernos locais e afectar o papel dos concellos nunha democracia avanzada.

 

Á espera de que se constitúan definitivamente os gobernos locais e provinciais, a resposta non pode ser outra que “non caben esperar cambios significativos” en relación ao lugar que os concellos viñeron ocupando todos estes anos na administración pública galega. As razóns son evidentes: ningún do tres partidos (#PSdeG, PP, BNG) que coparán a maioría dos concellos e as catro deputacións afrontou as eleccións municipais en clave de política local, senón como unhas primarias: ben para as eleccións xerais (PPdeG, PSdeG); ben para as eleccións autonómicas (#BNG). As consecuencias irémolas vendo: o 70% dos concellos galegos seguirán sendo administracións públicas erradas, xa que, por mor da súa debilidade financeira e o seu minifundismo, seguirán dependendo das Deputacións, algo que, como sabemos, alimenta o caciquismo, frea o benestar social e desvanece o país.

 

Neste escenario tan atrozmente partidista, e á espreita de como se resolva a repartición de poder na Deputación de Ourense (o que podería provocar un sismo na política galega, algo altamente improbable), aparecen como feitos políticos máis destacados que tanto o BNG como o PPdeG gañan un poder municipal que perde o PSdeG. A destacar tamén, pola súa importancia política, a consecución da alcaldía de Compostela por parte do BNG e, polo que supón de incremento de poder local, a recuperación da alcaldía do Ferrol e a Deputación de Pontevedra por parte do PPdeG. Ganancias todas elas a conta do PSdeG e estas últimas tamén do BNG.

 

En definitiva e logo das últimas eleccións municipais, pódese dicir aquilo de que en Galicia “a vida segue igual”? Non, pero tampouco se debería afirmar que houbo cambios relevantes ou decisivos, porque non é certo. Entón? DEPENDE! 

 

Dado que se celebran unhas eleccións xerais practicamente a continuación das municipais, o futuro de Galicia dependerá, como sinalaremos en próximos artigos, de como se sitúen os partidos galegos de esquerdas no novo escenario electoral español así como dos resultados que obteñan. De si os pobos de España podemos seguir avanzando XUNTOS en progreso, liberdade e democracia ou entramos TODOS nunha “longa noite de pedra”.



 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE