Galicia: un país ou un reino de taifas?

Manoel Barbeitos
Economista

Taifas: pequenos reinos formados trala disolución do califato Omeia que eran autónomos e estaban  gobernados por unha familia.


 

Nun artigo anterior neste mesmo medio, e con motivo das eleccións locais que se van a celebrar o próximo 28 de maio, defendía a necesidade de facer país desde os concellos para así avanzar cara unha Galicia máis democrática e con maiores niveis de emprego, progreso e benestar. Un facer país que, na opinión do que isto escribe, precisa entre outras medidas da eliminación das Deputacións provinciais cuxa existencia impide tal obxectivo pois converte a Galicia nunha especie de reino de taifas. Algo sobre o que temos continuas e lamentables evidencias.

 

Desde hai décadas Ourense vén sendo unha das provincias menos desenvolvidas de Galicia. Un menor desenvolvo que se ve reflectido, por caso, na súa renda bruta media (20.887 euros: 90% da media galega) e que ten entre os seus efectos unha continua perda de poboación (30.000 na última década: 10%) especialmente entre a xente nova, o que contribúe tamén a un crecente envellecemento. Por si isto non fose suficiente, esta provincia vén sendo coñecida publicamente polas prácticas de nepotismo de non poucos dos seus líderes políticos a cuxa cabeza, desde hai décadas, aparece a familia BALTAR, cuxo último brote (J.M. Baltar Blanco) ocupa actualmente a Presidencia da Deputación que "herdou" do seu pai. Unha presidencia que mantén os modos e as formas propias dun "reino de taifas" como recentemente se puido volver comprobar con motivo dun impresentable comportamento do que os medios galegos deron cumprida conta. Un suceso delituoso que avergoña aos ourensáns e ourensás sitúa de novo nas portadas de non poucos medios a Ourense como exemplo de reino de taifas.

 

Independentemente do vergoñoso do asunto, o que debemos preguntarnos é como poden suceder estes feitos e de maneira tan repetida. Como se toleran xa que, por caso, o partido (PPdeG), ao que pertence o señor Baltar, non só non tomou ningunha medida disciplinaria senón que amparou ao infractor diante das lóxicas críticas da oposición e dos medios de opinión. A explicación é clara: para o PPdeG o mantemento do poder na Deputación de Ourense está por encima de calquera outra consideración política ou ética, pois lle resulta imprescindible para conseguir uns resultados electorais na provincia de Ourense que lle permiten manter unha maioría absoluta no Parlamento Galego que dea de paso o control da Xunta de Galicia. Un poder provincial que resulta posible polas razóns que vimos denunciando neste medio: a débil base económica da maioría dos concellos que, cuns recursos tributarios que oscilan entre o 25% e o 30% dos seus ingresos, ven limitada totalmente a súa autonomía fiscal facéndoos financeira e, por tanto, politicamente dependentes das Deputacións. Unha dependencia que a vixente Lei Reguladora das Bases do Réxime Local (reformada no 2013) reforzou ao facilitar que, mediante convenios, as Deputacións asuman nos concellos menores de 20.000 habitantes -o 92,5% do total en Galicia- tanto a xestión tributaria e recadatoria dos seus principais ingresos propios como a prestación integral dos servizos básicos (residuos, limpeza, abastecemento de auga potable, mantemento...). Unha cesión de soberanía obrigada polo minifundismo e a debilidade económica municipal.

 

Velaí que ao PPdeG e a maioría dos partidos políticos galegos interéselles manter  esta estrutura provincial porque, a través das Deputacións, teñen o control político dunha parte moi importante dos concellos e do electorado. Un poder provincial e partidario -velaí, por caso, como o aparello do PSdeG-#PSOE está en mans de presidentes e presidentas de Deputacións- que converten a Galicia nun reino de taifas. Un reino de taifas que contribúe a que este país posúa enormes déficits de democracia e benestar.


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE