A señora Ayuso ou o esperpento como política

Manoel Barbeitos
Economista

Négome a identificar a Madrid con figuras políticas tales como a señora Ayuso como, por caso, pásame con Catalunya e o señor Puigdemont ou Ourense e o señor Jácome. Será porque, postos a escoller, prefiro identificar Madrid coa marabillosa Almudena Grandes, Catalunya co grande Joan Manoel Serrat e Ourense co entrañable Carlos Casares. Por tales razóns, tamén me nego a identificar a política co esperpento e desagrádanme os políticos e políticas que así actúan.

 

A pasada semana asistimos a o enésimo esperpento político por parte da señora Ayuso (PP). A xustificación sería o Plan de choque de aforro e xestión enerxética aprobado en Consello de Ministros. Un Plan "para reducir o consumo de enerxía en edificios administrativos, recintos públicos e comercios e facilitar o cumprimento dos compromisos europeos derivados do conflito de Ucraína". Un plan que, por outra banda, coincide bastante nos seus obxectivos co que uns días antes reclamara o señor Núñez Feijóo, actual presidente do Partido Popular (PP), ao pedirlle ao goberno español a posta en marcha dun "plan de aforro enerxético". 

 

A que responde entón a reacción contraria da señora Ayuso ("Madrid non se apaga") ameazando con recorrer o decreto diante do Tribunal Constitucional? Fundamentalmente a tres razoes. A primeira, a de manter a súa confrontación permanente co goberno central que, entre outros supostos beneficios, suponlle copar as portadas dos medios subvencionados -que son maioría-. A segunda, facerlle ver aos militantes e dirixentes do seu partido (PP) que segue sendo a mellor opción partidista para optar á Presidencia do goberno español -a señora Ayuso aínda non parece aceptar que o partido elixise ao señor Feijóo e aproveita calquera ocasión para botarlle un pulso a a actual dirección-. Finalmente, non hai que rexeitar a idea de que con esta esperpéntica estratexia estea a buscar desviar a atención dos madrileños e madrileñas sobre o auténtico desastre que supón a súa xestión, especialmente en materia de servizos públicos -sanidade, ensino, maiores, vivenda...-.

 

Porque esta é unha estratexia que ven de lonxe. Así, cando o Goberno español de quenda (PSOE/PP), de novo aliñado coa maioría dos gobernos da Unión Europeo e tamén da comunidade científica, para facer fronte a a situación de emerxencia sanitaria provocada por o impacto da pandemia da COVID-19 e evitar no posible a súa expansión, aprobou (14 de marzo de 2020) unha serie de medidas de restrición da mobilidade e a actividade -como, por caso, a declaración do estado de alarma en todo o territorio español- a señora Ayuso e o seu goberno autonómico opuxéronse a tal estratexia declarando que "Madrid non se pecha". Unha oposición que non parecía tomar en consideración os riscos para a saúde e a vida dos madrileños, e para a expansión da pandemia, ía supoñer tal esperpéntica decisión: a día de hoxe Madrid é a segunda comunidade autónoma con maior número de falecidos pola pandemia e a quinta con maior taxa.

 

Este tipo de estratexias non só son un esperpento político, senón que tamén son moi perigosas para a democracia. Como podemos ver en occidente (Estados Unidos, Francia, Italia, Gran Bretaña, Alemaña, España...) tales condutas políticas son o caldo que alimenta a os totalitarismos e os fascismos que, hoxe en día, ameazan gravemente os sistemas democráticos e a convivencia pacífica. Por tales razóns non deberían ser adoptadas por ningún político que se considere demócrata e moito menos avaladas pola dirección dun partido (PP) que é o líder da oposición e que, como tal, aspira a gobernar.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE