Saben Vds. aquel que di: Érase un tempo en España no que a peseta se devaluou desmesuradamente no mercado das moedas mundiais.
Ante tan grave circunstancia o Ministro de Facenda foi chamado ao Palacio do Pardo para dar explicacións ao Xeneralísimo sobre tan delicado asunto.
O home entrou tremendo no despacho da súa Excelencia véndose xa cesado ou cun destino aínda peor. Cadrouse ante o ditador dando, iso si, o taconazo de rigor que aprendera de Carrero Blanco, e agachou a cabeza enerxicamente alzándoa inmediatamente como bo falanxista que era:
- Excelencia, teño unha solución definitiva para a crise da peseta…
- Pois dígaa Artajo, que isto non hai quen o aguante -, soltoulle o ditador con esa voz efeminada que lle era propia.
- Meu xeneral, a moeda máis poderosa do mundo é o dólar.
- E...?
- Pois que se lle declaramos a Guerra a Estados Unidos, estes invádennos e xa está. O dólar pasa a ser nosa moeda e desaparece a peseta.
-Oia, iso de declararlles a guerra si o entendo. Pero que pasa, Ministro, se Estados Unidos perde esa guerra...?
Cóntolles outro de plena actualidade.
Saben Vds aquel que di: Está Puigdemont en Bruxelas rodeado de xornalistas e estes vólvenlle preguntar pola soidade do seu proxecto independentista que ninguén quixo apoiar na Unión Europea. Entón vai el, recompón a figura e, meneando a melena, sóltalles:
-Señores, a Unión Europea é un "club de países decadentes, obsolescentes, no que mandan uns poucos, ademais moi ligados a intereses económicos cada vez máis discutibles. Os cataláns deberían decidir se queren pertencer a esta Unión Europea e en que condicións".
Punto e aparte.
O xa falecido Papa Xoán Paulo II deixou para a historia unha frase memorable que aproveito para resumir as dúas secuencias en clave de humor que conforman esta habitual sección:
"Deus déixase conquistar polo humilde e rexeita a arrogancia do orgulloso".
Escribe o teu comentario