Medio Rural anuncia agora un Plan Forestal que leva catro meses "oculto nos despachos"
O PSdeG critica que "o sector non sabe nada deste borrador" sobre a ordenación dos usos do monte.
A Consellería do Medio Rural prevé presentar antes de que remate este ano o novo Plan Forestal de Galicia que, segundo defendeu a conselleira, Ángeles Vázquez, debe contar co "maior consenso posible" para establecer uns parámetros de usos do monte coordinados entre as distintas partes do sector.
Vázquez compareceu no Pleno do Parlamento para responder a unha interpelación do deputado socialista José Antonio Quiroga, que criticou que o borrador deste plan fose presentado no Consello da Xunta "hai catro meses" e siga, desde entón, "oculto nos despachos".
"O sector non sabe nada deste borrador, polo que nos movemos nun terreo de certa especulación" cun plan que é "clave para o futuro deste país", dixo o deputado socialista, que pediu coñecer os prazos que manexa a Xunta.
Na súa resposta, Ángeles Vázquez asegurou que a Xunta "segue recibindo achegas" ao documento e que a previsión é que sexa presentado "antes de que acabe o ano".
O MAIOR CONSENSO
Medio Rural pretende que a revisión deste Plan Forestal ser realice "co maior consenso posible", unha coordinación que debe realizarse co sector e coa "xente do rural", con achegas, ademais, de institucións como universidades e de grupos ecoloxistas.
"O documento final recollerá o consenso de todos os axentes implicados que quixeron ser partícipes", dixo Vázquez, que apostou por conseguir "un monte para todos", a sociedade, a economía e o coidado ambiental.
Escribe o teu comentario