O xuíz decreta prisión sen fianza para o detido polo incendio do domingo nos Blancos
Atribúeselle a autoría dun incendio forestal por unha imprudencia nunha parcela propiedade da súa familia.
O xulgado de Xinzo de Limia ditou prisión provisional comunicada sen fianza para o detido por ser o presunto autor dun delito de incendio forestal de especial gravidade, tras causar un lume de 1 hectárea próximo a casas o domingo nos Blancos, por unha imprudencia durante unha queima na súa parcela familiar.
En concreto, segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o home, veciño de Vigo de 55 anos, é investigado en relación aos artigos 352 e 353 do Código penal.
O primeiro deles establece que os que incendien montes ou masas forestais "serán castigados coas penas de prisión de un a cinco anos e multa de doce a dezaoito meses". E engade que "se existiu perigo para a vida ou integridade física das persoas castigarase impoñéndose, en todo caso, a pena de multa de doce a vinte e catro meses".
O artigo 353 recolle a circunstancia de que "o incendio sexa provocado nun momento no que as condicións climatolóxicas ou do terreo incrementen de forma relevante o risco de propagación do mesmo", como foi o caso.
DETENCIÓN
M.A.M.N. foi detido na mañá do mércores pola Garda Civil e pasou a noite nos calabozos do cuartel de Ourense. Pasou a disposición xudicial ás 9,35 horas no medio dunha gran expectación mediática, pero sen a presenza de cidadáns.
Escribe o teu comentario