A vaga de incendios monopoliza o debate no Parlamento e provoca enfrontamentos
Feijóo anuncia que comparecerá polos incendios e o Goberno aprobará este xoves un decreto de axudas
A calma do minuto de silencio duro pouco.
A sesión de control ao presidente da Xunta arrincou este mércores cun minuto de silencio protagonizado polos deputados e todos os que se atopaban no hemiciclo galego en homenaxe ás vítimas mortais dos incendios e acabou nunha rifa que enfrontou o xefe do Executivo cos líderes de En Marea e BNG, aos que o mandatario criticou por "non condenar o terrorismo incendiario".
O ton bronco fíxose sentir no hemiciclo desde a primeira pregunta, cando Pontón reprobou a xestión da Xunta. Censurou a "manipulación informativa" e o "despedimento de case 1.000 traballadores de extinción".
Se Pontón botou en cara a Feijóo a súa xestión, este replicoulle afeándolle que non condenase "o terrorismo incendiario", aludiu ás condicións meteorolóxicas "extremas" e defendeu que "en ningún caso o problema foron os medios". "Eu dixen que nos podía pasar o de Portugal, pero estaba convencido de que o impediría o servizo de extinción", rememorou.
"Non frivolice coa dor dos galegos", instou Feijóo, quen, entre berros de "ano 2006!" da oposición pola súa actitude cando gobernaba o bipartito, proclamou que "nunca" diría que un partido "está detrás" dos lumes.
"Se quere falar en serio adiante, pero non aceptamos leccións súas", engadiu o presidente, a quen Pontón lembrou que lle pediu unha reunión despois da gran vaga de lumes de Portugal para "sentar a falar" e ver "medidas de prevención" en Galicia ou como cambiar "un modelo forestal ao servizo de Ence".
Pontón lamentou que Feijóo nin sequera "respondese" a esta "oferta de diálogo sincera" e garantiulle que o BNG "nunca" utilizará as vítimas dos incendios para "facer campaña".
REPROCHES DE LEICEAGA
Leiceaga, quen si centrou a súa pregunta na contaminación das rías, aínda que comparte co resto da oposición que "os incendios forestais son testemuña do fracaso da política da Xunta de ordenación e conservación dos montes", advertiu da necesidade dun pleno extraordinario monográfico sobre incendios.
Feijóo respondeulle eloxiando a súa actitude e anunciando que si prevé comparecer para dar explicacións no pleno que determine o Parlamento. "Falaremos de incendios o que se queira", sinalou.
"PABLO IGLESIAS TEN MÁIS PRINCIPIOS"
Pero se a confrontación con Pontón fora tensa, o momento máis bronco do pleno chegou con Luís Villares, que denunciou a "incapacidade" da Xunta e preguntou que pasaría de non empezar a chover.
Feijóo respondeu preguntando: "Se a vostede lle chega un incendiario acusado pola Garda Civil e a Policía no seu antigo oficio de xuíz, que vai dicir? Que o culpable é o PP ou o incendiario que ten diante?".
Feijóo, mentres advertía que non vai permitir que se "desuna" a poboación galega, sinalou que tamén se puxo en contacto con Pedro Sánchez (PSOE) e Pablo Iglesias (Podemos). "Que ten un pouco máis de principios que vostede", espetoulle ao líder de En Marea, quen, pola súa banda, tachou de "miserable" que o presidente usase a súa conversación telefónica "coma se fose algo prexudicial" e dixo que lle ofreceu todos os medios dos concellos gobernados polas mareas.
COMPARECENCIA E AXUDAS
Posteriormente, o Executivo autonómico precisou que o Consello da Xunta aprobará un decreto de axudas para os afectados pola vaga de incendios. Núñez Feijóo subliñou que o Executivo autonómico xa traballa "coa primeira prioridade" de ofrecer "todo o apoio que necesiten as persoas que perderon a súa vivenda habitual".
Así, poñeranse en marcha medidas para prestar asesoramento ás familias para orientalas e acompañalas nos trámites pertinentes e habilitaranse axudas económicas para reconstruír e recuperar as vivendas habituais no menor tempo posible.
A este paquete de axudas para reparar os principais danos patrimoniais ocasionados, iránse sumando outras iniciativas relacionadas, por exemplo, cos danos ambientais.
Escribe o teu comentario