Primeiro detido como presunto incendiario despois da vaga de lumes do domingo

Trátase dun home que colleron en Vigo e que acusan dun incendo por neglixencia nos Blancos. Segundo o alcalde, no canto de colaborar a apagalo, "largouse".


|

Sepronaincendio



A Garda Civil detivo un home en Vigo, veciño deste municipio de 55 anos de idade, cuxo nome responde as iniciais M.A.M.N., por ser o presunto autor dun incendio por unha imprudencia o pasado domingo nunha parcela propiedade da súa familia nos Blancos.


O primeiro en informar disto foi o ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, a través da súa conta persoal en Twitter. Fontes policiais sinalaron a continuación que a detención se produciu sobre as 8,30 horas deste mércores.



TEN ANTECEDENTES


O detido plantou lume nunha leira familiar "de forma incontrolada", sobre as 13,30 horas do domingo día 15. Ardeu 1 hectárea de superficie, a metade dela arborizada, a 300 metros das casas, segundo apuntaron as mesmas fontes.


A Garda Civil ha engadido despois, a través dunha nota de prensa, que esta persoa xa contaba con antecedentes previos por queima de restrollos.


Indicou, así mesmo, que para a extinción do incendio foron necesarias dúas brigadas de extinción e dous camións motobomba. O incendio iniciouse nunha leira propiedade da familia do detido, situada na paraxe Barrucadas nos Blancos. Segundo a Benemérita, o lume afectou a unha superficie arborizada na súa totalidade e estivo "a escasos 300 metros dun núcleo urbano e a 200 dunha granxa".


FUNCIONARIO DE XUSTIZA


O alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, atribuíu a "unha neglixencia" o incendio. "Non foi nada pero puido ser moito", explicou o rexedor, en declaracións a Europa Press. Castro apuntou que o home é funcionario da administración de xustiza na cidade olívica, onde vive, pero que, segundo os seus datos, é natural de Rairiz de Veiga e casou en Soutelo (Xinzo de Limia).


De feito, de acordo coas informacións que manexa o alcalde, a leira familiar deste home, que xa contaba con antecedentes por queima de restrollos, está situada nesa parroquia, Soutelo, que pertence a Xinzo, aínda que está no límite cos Blancos, municipio ao que se asignou o lume.


"LARGOUSE"


O primeiro edil sinalou que na parcela, á que o agora detido acode "esporadicamente", unhas "tres ou catro veces ao ano", ten castiñeiros e outras árbores, polo que "non puido ser un incendio intencionado".


Iso si, indicou que, segundo os comentarios que lle trasladaron, foron "uns rapaces" que viven nun núcleo dunhas oito casas próximo á leira os que apagaron as chamas ao toparse con elas pasado o mediodía do domingo. "Dixeron que no canto de colaborar, largouse", engadiu.


Trátase, desta forma do primeiro suposto incendiario detido pola onda de incendios que desde o domingo puxo en perigo a numerosas poboacións, obrigando a desaloxar núcleos enteiros, e na que faleceron catro persoas de idade avanzada, fuxindo das chamas ou loitando contra o lume.


relacionada O fiscal de Medio Ambiente descarta unha trama organizada detrás dos lumes
relacionada Atopan globos cunha bengala en Salceda que puideron provocar algún dos lumes

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE