Atopan globos cunha bengala en Salceda que puideron provocar algún dos lumes


Un veciño descubriu o artefacto lonxe das zonas afectadas, pero a Garda Civil investiga se pode chegar a prender.


|

Incendiosbosque



Un veciño do municipio de Salceda de Caselas localizou globos cunha bengala e a Garda Civil investiga a súa posible relación cos incendios forestais dos últimos días.


Segundo informaron fontes do Instituto Armado, este artefacto pirotécnico consta de seis globos de cor branca enganchados a unha bengala, das que se usan habitualmente nas festas particulares e que, unha vez prendidas, "desprenden luminiscencias de escasa capacidade calorífica".


Os servizos técnicos da Benemérita investigan agora a potencial capacidade incendiaria deste artefacto e a súa posible relación cos últimos incendios forestais, aínda que precisaron que o achado se produciu nun lugar "moi afastado das zonas afectadas polo lume".


Un veciño de Salceda de Caselas informou a Garda Civil de que localizara este artefacto o pasado domingo, pousado sobre uns viñedos próximos á estrada EP-2505, en Salceda de Caselas.


Globosbengalasalceda

INTENCIONALIDADE


A Garda Civil asegura que "os primeiros indicios apuntan a intencionalidade en gran parte dos incendios" ocorridos en Galicia, aínda que "hai casos illados accidentais".


Diso informaron fontes da Garda Civil este martes, que deixan claro que a investigación sobre a vaga de incendios sufrida pola Comunidade "atópase na primeira fase", porque "o primeiro obxectivo foi salvar vidas".


Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo identificaron a un sospeitoso en relación aos incendios rexistrados o fin de semana na cidade, na zona das Gándaras e na contorna do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).


Puntualizan que non foi detida esta persoa, senón que se procedeu á súa identificación, pero continúa a investigación ao redor do seu posible implicación nos incendios.


PISTAS DE VECIÑOS


O Corpo Nacional de Policía de Vigo-Redondela habilitou unha conta oficial de correo electrónico, vigo.incendios@policia.es, para que os cidadáns acheguen calquera dato que permita avanzar na identificación dos autores dos incendios.


Tal e como comunicou a Policía Nacional, a conta foi creada este mesmo martes e a través dela os cidadáns poden informar, de forma anónima ou identificándose, de calquera feito que crean que poida ser relevante na investigación.


Esta vía de comunicación foi habilitada ante a complexidade destes delitos, xa que "a maioría de autores son nocturnos e actúan en vías de difícil acceso, e as propias particularidades do lume fan que os poucos indicios ou probas que poidan incriminar o autor desaparezan sen deixar rastro".


"TERRORISTAS DO PATRIMONIO"


O subdelegado do goberno en Lugo, Ramón Carballo, non dubida da "intencionalidade" da vaga de lumes que afectou a Galicia, que atribúe a "terroristas ambientais e do patrimonio".


Polo demais, Ramón Carballo informou de que "a día de hoxe permanecen catro aldeas do Concello de Cervantes desaloxadas", á vez que constatou que neste municipio da montaña de Lugo "arderon dúas vivendas deshabitadas, dous alpendres con algún vehículo dentro". "Neste momento non teño noticia de que ardese algunha casa habitada", dixo.


Finalmente, anima aos veciños de Lugo a que "colaboren" cos investigadores, mentres advirte que "non" escatimarán en medios para poñer a disposición xudicial aos pirómanos aos que acusa de "terroristas ambientais e terroristas do patrimonio".


relacionada O balance de superficie queimada nestes días supera á do resto do ano
relacionada Miles de persoas maniféstanse contra os incendios e a política forestal da Xunta

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE