A Fiscalía ve "indicios dunha planificación coordinada" para plantar lume a fin de semana
A Organización de montes mancomunados rexeita "tramas" tras os incendios e pide "non enganar" a cidadanía.
A Fiscalía Superior de Galicia abriu dilixencias de investigación penal destinadas a esclarecer se na onda de incendios forestais que se rexistrou en Galicia durante a semana do 8 ao 15 de outubro, con particular virulencia o sábado e o domingo, "existen indicios dunha planificación coordinada na orixe dos ditos sinistros", polo que é necesario levar a cabo as indagacións necesarias que permitan esclarecer os feitos.
Con este obxectivo, a Fiscalía dirixirase aos corpos policiais e á Consellería do Medio Rural para que elaboren un informe detallado sobre os feitos descritos.
INVESTIGACIÓN EN 2006
Tras a onda de incendios forestais rexistrada no verán de 2006, a Fiscalía abriu unhas dilixencias similares para investigar a existencia dunha trama organizada, aínda que tras a exhaustiva análise realizada (circunstancias nas que se produciron os incendios, zonas afectadas, perfís dos incendiarios, etcétera) non se puido determinar entón a existencia dunha actividade criminal coordinada.
Os datos da investigación foron actualizados e analizados anualmente, con idéntico resultado. Con todo, pasados 11 anos daqueles feitos, a Fiscalía considera necesario establecer de novo un diagnóstico "certeiro" ante a grave situación creada durante os últimos días, co obxectivo de "despexar incógnitas e acertar nas medidas de prevención e resposta fronte aos incendios forestais".
"NIN TRAMAS NIN ORGANIZACIÓNS CRIMINAIS"
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común criticou que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, "desautorice publicamente" a Policía autonómica, o Seprona e os axentes forestais de Medio Rural ao "anunciar unha actividade incendiaria de tramas ou organizacións criminais", cando "todas as investigacións e os informes da Fiscalía apuntan á inexistencia dese complot".
Nun comunicado, a entidade rexeitou a existencia destas "tramas" e advertiu que "non se pode enganar a cidadanía" cando "se trata de incompetencia" e de "coñecer desde dentro da Xunta que non son certas as súas declaracións xustificatorias da catástrofe, e de deixarse levar polos intereses das empresas que impoñen o seu modelo produtivista sen presentar máis alternativas que aquelas que nazan polo interese particular".
"Os grandes lumes que agora chamaron a atención en forma de catástrofe con vidas humanas, tiveron precedentes ou intentos polo menos nestes últimos anos, pero non contaran coa vantaxe das condicións climatolóxicas", inciden.
Engade a Organización que "a Xunta mente publicamente cando di que dispón de 7.000 persoas para a extinción ao principio do verán". Tamén insta os grupos a formar "unha comisión ou grupo de traballo coa participación social" para "articular as medidas necesarias para acabar con esta secuela".
SÓ O 7% SON PIRÓMANOS
O 94% de autores de lumes actúa en solitario en Galicia e "sen cómplices", segundo o estudo psico-sociolóxico de implicados en incendios forestais realizado pola Fiscalía Superior por mor da vaga de incendios que arrasou con preto de 80.000 hectáreas en 2006.
Na análise das "causas estimadas pola investigación", atopouse que o 68,8% dos incendios foron intencionados, o 25,4% imprudentes e un 5,8% nos que os investigadores non puideron determinar a causa.
Entre os intencionados, a maioría foron por prácticas tradicionais inadecuadas (o 23,9%); seguidos polos "sen sentido" (21%); os relacionados coa obtención dalgún beneficio (17,9%); os realizado por pirómanos (7,2%) e aqueles que foron para causar dano a terceiros (5,1%).
Unha gran maioría dos incendiarios tiña fixado o seu domicilio na mesma localidade (80,4%) e prenderon un só foco no 87%. Como medio de transporte, os autores foron a pé ata o lugar de inicio do incendio no 51,4% dos casos, a metade "abandonou" o lugar (51,4%), sen que o 81,9% "axudasen na extinción".
TRES PERFÍS DE INCENDIARIOS
Así mesmo, na conclusión do estudo determínanse tres tipos de perfís de incendiarios: por infracción, de tipo instrumental e sen sentido.
No tocante aos lumes por infracción, tenden a ser diúrnos, o autor ten entre 36 e 46 anos e adoita ser o propietario do terreo incendiado, que axuda na extinción. O lume tivo a súa orixe en faíscas de maquinaria, prender cigarro ou artefactos como pirotécnicos. "En moitos casos non asume a responsabilidade do incendio", pero "noutros si que o fai".
Respecto ao perfil de tipo instrumental, normalmente son diúrnos cun só foco. O autor é preferentemente maior de 61 anos, xubilado ou pensionista, que non axuda na extinción. Coñecían moito ao propietario do terreo incendiado, e parece que tenden a asumir a responsabilidade do lume pero non a do incendio. Prenden con fósforos ou chisqueiro.
Finalmente, os lumes sen sentido adoitan ser máis frecuentes á noitiña. Os seus autores teñen entre 36 e 46 anos, con elevado nivel de analfabetismo. Presentan problemas de saúde e estiveron en tratamento psicolóxico ou psiquiátrico, tendendo a perpetrar o incendio baixo o efecto de substancias, prendendo con chisqueiro ou artefactos artesanais. Unha vez identificados, constátase que non coñecían de nada ao propietario do terreo afectado.
Escribe o teu comentario