A comisión de investigación do Alvia sae adiante a pesar do rexeitamento do PP
A proposta conseguiu 208 votos a favor e 135 votos en contra, os do PP e os seus socios electorais de UPN e Foro Asturias.
Flores na Grandeira.
O Pleno da Cámara Baixa aprobou este xoves iniciar os trámites para a creación dunha comisión de investigación do accidente do Alvia en Angrois, nunha proposta acordada entre En Marea e o PSOE.
A proposta conseguiu 208 votos a favor fronte a 135 votos en contra, sen que se rexistrasen abstencións. Isto supón que todos os grupos do Congreso apoiaron a comisión salvo o PP e os seus socios electorais de UPN e Foro Asturias.
A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, lembrou que sae adiante "despois de tres intentos, con veto incluído", e reprochou ao PP non escoitar nin atender a demanda das vítimas ao longo destes catro anos.
Alexandra Fernández sinalou que foi en Europa onde as vítimas atoparon o recoñecemento "que se lles negou no estado español". "Tiveron que ir a Bruxelas para expor algo tan básico como ser atendidas e poder expresarse". Fernández aludiu á posición da Comisión Europea e o Informe da Axencia Ferroviaria Europea que piden que se faga unha nova investigación porque a da CIAF non foi independente.
Fernández interpelou directamente ao PP: "Queren coñecer as causas do accidente e corrixir os fallos tal e como demanda Europa ou van seguir coa estratexia do silenciamento?".
CAMBIO DE POSTURA DO PSOE
Pola súa banda, Pilar Cancela, manifestou a "solidariedade do PSOE coas vítimas", e explicou que o seu grupo se opuxo inicialmente a unha comisión de investigación parlamentaria porque "entendemos que o ámbito xudicial tiña as competencias para investigalo".
A socialista engadiu que formular comisións de investigación "engadiría ruído ao labor xudicial". Con todo, Cancela sinalou que se produciron "novidades" sobre todo "no ámbito xurídico", explicando o cambio de postura do seu partido.
Cancela fixo referencia ás sentenzas xudiciais que afirman que "existía un risco excesivo na curva" que debía "corrixirse" e á posición da Unión Europea que asegurou que "non se investigou apropiadamente".
Escribe o teu comentario