"Non ten sentido formar un número excesivo de médicos que non vai atopar acomodo laboral"

Repasamos co decano da facultade de medicina a relación do número de prazas co número de persoas graduadas, as relacións da universidade co Sergas, a falta de profesorado, o estado do Hospital Clínico e as expectativas e previsións sobre a sanidade de mañá. 


|

  • "Cada ano xa estamos tendo mil e pico médicos que non atopan acomodo na formación como especialista. Dis: ‘bueno, pero van a encontralo ao ano seguinte’. Pero é que o ano seguinte van a sair xa 8.000"
  • "O colapso de urxencias nunca significa unha merma na calidade asistencial, pero si unha molestia para os enfermos"  
  • "A medicina está creando unha enorme discriminación entre os seres humanos: os que temos acceso á medicina e os que non teñen acceso á saúde"



Julian alvarez decano medicina evaneira

Julián Álvarez no seu despacho | Imaxe: Eva Neira Carballo


O sistema sanitario é unha das grandes preocupacións da cidadanía, e unha das máximas que escoitamos a miúdo é a que falta persoal médico. Galiciapress quixo saber que hai de certo nesa afirmación, buscando na orixe de moitas profesionais: a universidade. O decano da facultade de medicina, Julián Álvarez, fálanos de como é a carreira de medicina hoxe en día, desde a parte formativa competencia do Ministerio de Educación, o grao, á que depende do Ministerio de Sanidade, a especialización. Repasamos co decano a relación do número de prazas co número de persoas graduadas, as relacións da universidade co Sergas, a falta de profesorado, o estado do Hospital Clínico e as expectativas e previsións sobre a sanidade de mañá. 



Que valoración fai dos orzamentos da universidade, concretamente dos da facultade de medicina?


Eu creo que é moi simple valorar os orzamentos. Os orzamentos aumentaron, a situación económica é o que é. Co equipo reitoral actual está a haber un esforzo para algúns problemas estruturais e puntuais que ten a facultade, tentar solucionalos, e a sensación que teño eu co novo equipo, que xa a tiña co anterior, é que imos todos no mesmo barco e, efectivamente, hai un certo desafogo económico e hai algunhas posibilidades. Hai problemas estruturais nalgúns edificios que, evidentemente, non se poden arranxar desde as facultades, e se cadra tampouco se poden arranxar desde o propio reitorado, pero estou seguro que coa colaboración dos axentes, o reitor vai atopar solución, como non pode ser doutra forma. Teño certa tranquilidade porque temos un pouquiño máis de orzamento.


Considera que a carreira de medicina é atractiva para o alumnado?


Excepcionalmente atractiva. É a máis atractiva. Cando din que o punto de corte doutro grao é máis alto que o de medicina, comparan un grao que ten, por exemplo, cen alumnos, co noso grao que ten trescentos sesenta. O cen de medicina creo que está sempre máis alto que o cen doutro grao. Pero non me preocupa que sexa 0.1 por encima ou por baixo. É unha carreira como todas, excepcionalmente vocacional, e temos uns estudantes magníficos. É unha carreira socialmente con moitísimo prestixio e ademais cun enorme compoñente social de curar a enfermidade. Eu creo que é unha carreira moi atractiva para os mozos, e para nós iso é a mellor noticia que nos poderían dar. Que mozos con esas notas espectaculares, con tanta ilusión, con tanto traballo, cheguen todos os anos a esta facultade e ás demais facultades. É o máis agradable de ser profesor sen ningunha dúbida.


Medicina tamén é coñecida como unha das carreiras máis duras. Como valora a carga de traballo que ten o alumnado?


Eu non creo que sexa das máis complexas ou das que máis anos custe acabar o grao. Hai carreiras que teñen máis dificultade. É unha carreira extensa, moi dinámica, ten pouco que ver o que aprendían os egresados de agora cos de hai 20 anos. É unha carreira moi dinámica, complexa, e o máis importante non é o que lles ensinamos ou o que eles aprenden. O fundamental é que aprendan a seguir aprendendo toda a súa vida. Ese é a única mensaxe que lle poderiamos dar, porque é unha carreira absolutamente dinámica, e o antibiótico que debes utilizar hoxe para tratar unha osteomielitis posiblemente non é o que debas utilizar dentro de dez meses. Efectivamente na nosa facultade hai cursos duros, que posiblemente integran un exceso de horas lectivas e estamos a traballar por cambiar o programa. Aínda que sexa un cambio menor é un tema arduo. Pero hai algúns cursos que teñen unha dificultade excesiva, en concreto terceiro.


O ano pasado cando foi elixido decano quería negociar un plan de ámbito galego para potenciar medicina, con maior implicación de Sergas para aumentar o persoal de persoal. Como van esas negociacións?


Niso estamos. Xa asinamos o primeiro convenio, hai doce profesores P6 que en 2020 ou 2021 vanse converter en contratados doutores ou en profesores titulares. Para nós é exactamente igual porque as competencias docentes son as mesmas, aínda que non é profesor numerario o contratado doutor, pero non hai ningún problema. Desde o punto de vista da facultade de medicina benvidos sexan os profesores numerarios ou os contratados doutores, porque ademais son profesores magníficos que nos axudan e fan magníficamente o seu traballo e necesitámolos imperiosamente.


Tamén están a financiar prazas de profesores asociados en ciencias da saúde. As relacións co Sergas son excelentes, non é certo que a facultade de medicina sexa unha academia do Sergas nin moitísimo menos, pero nós formamos dous graduados: uns son médicos, que o noventa e moitos por cento van acabar no sistema nacional de saúde. Dáme o mesmo que sexa no galego, no asturiano, no inglés ou no portugués. Van acabar no sistema nacional de saúde dalgún país ou dalgunha comunidade, e nós teremos médicos que se formaron en Inglaterra, ou en Alemaña, ou en Noruega ou en Dinamarca ou en Malta. Estamos a xogar en Europa e iso hai que recoñecelo. O razoable é que se nós formamos médicos e os deixamos á porta do MIR, que xa é unha competencia do Ministerio de Sanidade, o Sergas estea interesado en ver que médicos formamos.


A falta de profesorado é común en moitas carreiras. Como é no caso concreto de medicina?


Foi dramático. O problema do profesorado é máis que perder horas docentes. Formar un profesor [clínico] da carreira de medicina son seis anos da carreira, catro de especialista, vinte anos de adxunto. Eu antes vinme a Santiago de xefe de servizo e profesor asociado, empecei a publicar, profesor titular, catedrático… Se naqueles anos que eu puiden empezar a miña carreira docente polo motivo que fose non convocasen esa praza, eu non puidese desenvolver a miña carreira docente e perdeuse un profesor. Pero non porque en cinco anos non saísen prazas, senón porque esa xeración pérdese. Iso é unha perda que ten un valor tan grande, é tan… cústame atopar as palabras. Non podemos perder unha xeración de profesores, porque son insubstituíbles. Por suposto que todos os seres humanos son insubstituíbles, pero imaxínasche que perdésemos unha xeración de escritores? Que nos quedásemos sen a xeración do 27. Ou que perdésemos os impresionistas? Xa sei que non somos tan populares como os impresionistas, pero perder unha xeración de profesores é cortar bruscamente un discorrer harmónico. É unha carreira longa, e a mellor época profesional posiblemente dun profesor universitario vai vir despois dos 45 anos. Pero empezouse a formar aos 20, logo son 25 anos de formación. Se esa formación, polo motivo que sexa, non se pode comezar perdiches 25 anos, porque iso xa non o vas a recuperar. Cando se corta bruscamente o acceso a iso perdiches unha xeración, e iso é insubstituíble.


Que lle espera ao alumnado ao acabar a carreira?


Neste momento empezamos a volver romper o equilibrio. Non ten moito sentido formar a persoas moi difíciles de reconverter pola súa formación nun número excesivo que non vai atopar acomodo laboral no sistema. Se cadra é máis fácil que atope acomodo un avogado, porque as saídas son múltiples. En medicina temos o Sistema Nacional de Saúde e a práctica privada, pero para entrar na práctica privada tes que ser especialista. Neste momento o grao de medicina non é profesionalizante, é a especialidade. Logo necesitas unha especialidade, e neste momento en España se convocan unhas 6.000 e pico prazas de especialista –non fagas moito caso das cifras que son bastante dinámicas-, e están a saír uns 7.500 médicos. Cada ano xa estamos a ter mil e pico médicos que non atopan acomodo na formación como especialista. Dis: ‘bo, pero van atopar ao ano seguinte'. Pero é que o ano seguinte van saír xa 8.000.


É verdade que hai especialidades que son deficitarias. Posiblemente medicina de familia, pediatría sobre todo na asistencia primaria, radioloxía, anestesia… pero hai outras que o Consello Nacional de Especialidades Sanitarias di que se diminúa en número de médicos en formación porque non se necesitan máis especialistas, e os que se están formando non poden traballar na súa especialidade.


O equilibrio non pode ser exacto nin pode ser matematicamente exacto, non podemos formar 6.500 porque hai 6.500 prazas. Pero non pode haber un desequilibrio de 1.500 ou de 2.000. É tan grave que haxa médicos parados, como xornalistas parados, como albaneis parados, mecánicos parados ou maquinistas de Renfe parados. Un profesional formado parado é unha traxedia, sen ningunha dúbida. Unha traxedia humana e unha traxedia social. Non imos dicir que é peor que estea un médico parado, porque é mentira, que estea calquera outro profesional, que todos son necesarios. Pero hai profesións que a reconversión ou atopar unha actividade laboral pode ser máis sinxelo. Despois de doce anos de formarche en medicina, ou traballas de médico ou o número de médicos dedicado a outras actividades é moi baixo.


No ano 2009 había 28 ou 29 facultades de medicina. Neste momento somos 42. Está parada a de Alacante, que é pública e pasouse á de Elxe, pero agora Alacante quere unha nova facultade de medicina. Paréceme que pediu facultades públicas Almería, Huelva e Navarra, e creo que hai catro ou cinco máis privadas. É dicir, imos ás cincuenta facultades de medicina. Imos aproximar aos 10.000 médicos de formación ou aos 9.000, e o sistema non parece que vaia a expandirse moito, logo nun futuro imos ter un exceso de graduados en medicina de 3.000 por ano. En 10 anos son 30.000 médicos que non se poden formar como especialistas.


Non é verdade que falten médicos, si que faltan especialistas puntuais en momentos puntuais. O sistema sanitario tense que dar conta de que se cadra ten que cambiar a súa organización. Pensar que pode ter especialistas moi ben formados para traballar os tres meses de verán é estúpido. Ningún traumatólogo vai estar esperando nove meses na súa casa coidando o xardín para poñer prótese de ombreiro xullo, agosto e setembro, porque iso non tería ningún sentido. Pesar que as vacacións se poden cubrir con médicos en paro é unha tolemia, hai que reestruturar e reorganizar o sistema.


Como se axustan os coñecementos aprendidos nas aulas aos que realmente son utilizados despois nos centros sanitarios?


Iso é un debate precioso. Nun colexio inglés pon, se non fago mal a tradución, ‘Non lamentes o tempo que pasaches estudando, porque cando esqueceses o que aprendiches, iso chámase cultura’. Moitas veces non vemos a importancia dos coñecementos e temos a tendencia para facer unha formación excesivamente teórica, pero se ti coñeces a teoría, explicáronche o que é unha apendicitis, estudáchescha e ves un enfermo cunha apendicitis, aprendíchelo para sempre.


Nós non somos técnicos, somos universitarios, e todos os universitarios teñen que ser a elite intelectual do país. O maior estándar de coñecemento ten que estar na universidade, porque se non seriamos técnicos. En sanidade hai moitas profesións absolutamente respectables que as fan técnicos cun nivel de formación moitísimo menor. Nós non formamos só médicos ou odontólogos. Pretendemos formar médicos universitarios e odontólogos universitarios. Dalgunha forma eu queixume que teñamos tan escasa capacidade de formarnos na reflexión, na filosofía, na arte. Xa sei que é un concepto que se aparezo polo Ministerio de Sanidade ou de Educación con estas ideas ían expulsar directamente do sistema, pero pretendemos formar profesionais críticos que entendan a situación e que sexan capaces de analizala, de criticala e de tomar medidas. Se quedamos só nesa parte técnica estamos a cometer un erro histórico, que posiblemente non o vexamos agora pero non vexan as seguintes xeracións de enfermos.


Pensa que Bolonia favoreceu o ensino práctico na carreira de medicina?


A miña sensación é que non está a cumprir as expectativas coas que se xerou, pero é un sistema que custou implantalo, houbo moitísimo traballo, e hai que deixalo que se asente, por así dicilo. Pero Bolonia, como todo, é criticable, e eu penso que hai que tomar medidas correctoras.


É un sistema que pode ser útil, que está a ser útil. Que o profesional salga ao mercado laboral cunha serie de competencias está moi ben, pero non nos podemos quedar só nas competencias. Pero non nos podemos quedar só nas competencias, temos que formar en todo o demais, sobre todo na capacidade de aprendizaxe, de reflexión e de crítica.


A min preocúpame moitísimo a pouca capacidade crítica que estamos a ter os universitarios ante a realidade profesional e da realidade social na que vivimos, e creo que é unha traxedia.


Falaba antes do Hospital Clínico de Santiago, que a miúdo está de actualidade e é o centro de numerosas críticas como, por exemplo, os colapsos no servizo de urxencias. Que opina sobre o estado do hospital?


Notamos moito nos últimos anos algunhas situacións que poden facer que nalgúns aspectos haxa certa deterioración. O servizo de urxencias, iso non é un problema específico do Hospital Clínico. Como xefe de servizo sinto tremendamente implicado e queixume profundamente esas molestias, porque creo que o colapso de urxencias nunca significa unha diminución na calidade asistencial pero si unha molestia para os enfermos.


Creo que iso son problemas puntuais e non nos debemos obsesionar con eles. A min o que realmente me gustaría é que o Hospital tivese claro cal é o proxecto de hospital, que a Administración tivese claro que nós somos un hospital clínico, que só hai oito hospitais clínicos en España. Temos unha vocación asistencial sen ningunha dúbida, pero temos unha vocación educadora, formadora e investigadora que é o que nos diferencia. Non digo que os outros hospitais galegos non a teñan, pero nós témola que ter no ADN.


Os problemas do hospital comprando un robot e tres máquinas novas. O que necesitamos é ter un claro proxecto de hospital. Queremos estar no top dos procesos asistenciais e queremos seguir formando os mellores médicos coa colaboración de todos os hospitais do Sergas, que os necesitamos e creo que eles tamén nos necesitan.


A min preocupa infinitamente máis o proxecto de hospital do 2030 que o colapso de urxencias do inverno pasado. Claro que me preocupa como profesor desta casa, médico, como xefe de servizo e como paciente, que o son. Eu trátome no Hospital Clínico, tratáronme un cancro que tiven e dígoo sen ningún rubor. Eu son paciente, imaxínache se teño interese en que o hospital funcione ben. Pero preocúpanme moito menos eses problemas puntuais que poida haber nun servizo, ou o peche de camas, que se todos temos claro a vocación e o proxecto de hospital que debemos manter, e iso non depende só do Clínico, senón tamén da Administración.


Vendo o alumnado e a sanidade de hoxe, como cre que será a sanidade de mañá?


Dígollo aos meus alumnos. Danme unha envexa terrible porque van ver unha sanidade que eu case non son capaz e imaxinarmas. Eu teño 62 anos, e empecei a traballar con enfermos aos 23. Ás veces cóntolles historias aos meus residentes, parece que son historias de Atapuerca, e son dos anos 80. O que van ver vai ser incrible, ademais estou convencido: medicina de precisión, procedementos menos invasivos.


Pero temos unha ameaza que non é nin para Santiago, nin para Galicia, nin para España nin para Europa. A medicina está a crear unha enorme discriminación entre os seres humanos: os que temos acceso á medicina e os que non teñen acceso á saúde.


Esta discriminación é terrible, porque a medicina é eficaz. A sanidade que nos vai a vir vai ser unha sanidade cara. Vexo a medicina cun compoñente social fundamental, porque permite alongar a vida e mellorar a vida dos seres humanos. Temos que ser capaces de estender os coidados sanitarios a todos os seres humanos -non se como porque presupuestariamente escápaseme- e temos que reflexionar para que esa medicina que está a chamar ás nosas portas sexa sustentable. Non ten ningún interese que tivésemos a droga da inmortalidade se só se puidese financiar a 100.000 persoas no mundo, evidentemente é unha estupidez. A medicina que vén é cara, e eu non vexo reflexión entre os xestores económicos –non estou a falar da Xunta de Galicia, porque isto transcende a Galicia e se me apuras a España-, nese terreo dos gurús, que deberían irnos iluminando filosóficamente e con novas ideas. Imos ter que cambiar estruturas sociais para poder manter esa sanidade que vai ser moi cara, e non podemos ter sanidades de tres niveles ou de quince niveles.


Concretando un pouco en espazo e tempo, cre que a partir de agora España terá unha sanidade universal?


Non, e non tería ningún sentido tela en España se non se pode ter no mundo. Que pasa, que imos ser capaces desde España de atender a sete mil millóns de habitantes? Vaina haber en Europa? Non podemos dar solucións simples a problemas complexos, é o maior erro que podemos cometer. Imos ser capaces cada español de atender a sanidade de 100 africanos? Iso da sanidade universal, como a xustiza universal, a felicidade universal… non ten ningún sentido. É un problema moitísimo máis complexo. Non estou a desprezar esas iniciativas nin moito menos, e vaia por diante o meu apoio a refuxiados, salvar vidas… por suposto, pero iso non soluciona o problema. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE