O CGAC acolle unha exposición "pioneira" que dialoga coa arquitectura de Siza

Trátase dunha mostra construída para o museo por tres artistas vinculadas ao panorama latinoamericano e de recoñecemento internacional


|


CGAC

O Centro de Arte Contemporánea de Galicia (CGAC) acollerá a partir deste xoves, e ata o próximo 29 de outubro, a exposición 'Lugar: continxencias de uso'; unha mostra que aborda a idea de escultura en relación á arquitectura do edificio de Álvaro Siza.


Trátase dunha exposición de "carácter experimental", tal e como mencionou o director do CGAC, Santiago Olmo, nunha presentación aos medios; ao mesmo tempo que explicou que "é unha exposición de produción propia, xa que todas as pezas foron construídas para o propio museo".


Neste sentido, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen tamén asistiu ao acto de presentación, puxo en valor o "carácter pioneiro" deste evento, xa que se trata do "primeiro proxecto de produción que leva a cabo o centro", ao reunir "a obra de tres artistas vinculadas co panorama latinoamericano e de recoñecemento internacional".


Trátase dun "diálogo coa arquitectura", apuntou, xa que a obra atópase "nun centro de arte contemporánea que non só actúa de colector, senón que é un espazo arquitectónico de referencia".


UNHA MOSTRA CON CARÁCTER FEMININO


'Lugar: continxencias de uso' é unha exposición que nace co obxectivo de "achegarse ao significado existencial da arquitectura", comentou a comisaria da mostra, Susana González.


Alberga obras de tres mulleres, algo que para González foi fundamental dada a "visión feminina" que quería conseguir. "Interesábame que fosen mulleres e fixesen desde unha visión feminina traballos moi contundentes", expresou; á vez que explicou que se trata de "proxectos específicos" que se poñen en relación co edificio de Álvaro Siza, para así "deslindar as fronteiras entre arte e arquitectura".


DIFERENTES PROXECTOS PERSOAIS


A venezolana Patricia Esquivias, a arxentina Luciana Lamothe e a mexicana Sofía Táboas, son as encargadas de mostrar proxectos persoais cuxo orixe reside no ámbito da cidade contemporánea.


"As tres son moi distintas", recalcou Gonzalez. Segundo apuntou, Patricia Esquivias realiza o seu traballo cunha perspectiva do espazo social e temporal, mentres constrúe relatos "moi persoais" que intercalan feitos reais con feitos ficticios.


Pola súa banda, a arxentina Luciana Lamothe céntrase no binomio 'destrución-construción', co que utiliza o espazo como "un territorio de experimentación". Traballa sobre o mecánico dos materiais, forzándoos ata conseguir que se transformen.


Por último, Sofía Táboas contempla un "traballo obxectual", que ten que ver coa 'arte povera' e 'minimal'. Subxace nos seus traballos "o interese polo espazo e a arquitectura, a relación interior exterior e a relación natural e artificial".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE